Baltar celebra o décimo aniversario da sucesión do seu pai, primeira derrota de Feijóo

Baltar coa dirección do PP de Ourense que o homenaxeou este xoves Dominio Público @ManuelBaltar

O presidente do PP ourensán lembra a súa vitoria hai unha década nun congreso provincial celebrado ao tempo que o proxenitor enchufaba 104 persoas na Deputación, polo que foi condenado en 2014

“Parabéns polo recoñecemento a 10 anos na Presidencia!” Así, felicitando aos seus por felicitarlle o aniversario, celebrou este xoves Manuel Baltar a súa vitoria hai unha década no congreso provincial do PP de Ourense fronte a Juan Manuel Jiménez Morán, o home elixido por Feijóo para intentar evitar que herdase ese cargo, e dous anos despois a Deputación, do seu pai, José Luis Baltar. Este, á fronte da institución provincial desde 1990, acabou condenado por prevaricación en 2014 por enchufar nela ilegalmente 104 persoas próximas ao partido na época daquel congreso provincial gañado polo seu fillo do que agora se cumpre unha década. 

Naquel congreso de 2010 para decidir ao sucesor do seu pai, Manuel Baltar logrou 723 votos fronte aos 433 da candidatura encabezada polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, elixido persoalmente por Feijóo, que posteriormente compensaríao cun posto no Senado por designación autonómica. 

Baltar lembra que nesta década o PP gañou todas as eleccións a nivel provincial, algo que xa non logra no resto de Galicia

Aquela foi, apenas dez meses despois de facerse coa presidencia da Xunta por maioría absoluta en marzo de 2009, a primeira derrota de Feijóo, que despois acumularía outras similares cos afundimentos electorais en varios comicios de diversos candidatos municipais elixidos tamén por el mesmo.

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

Este xoves Baltar non só felicitou aos seus por felicitalo senón que lembrou, noutro chío, que desde aquela o PP gañou a nivel provincial todas as eleccións convocadas, unha ducia, co que cualificou como “os mellores resultados provinciais de España”, algo que se produce ao tempo que a nivel galego o PP vén de ver, nas eleccións xerais e europeas do pasado abril, como por primeira vez non logra ser a formación máis votada

Malia os bos resultados a nivel provincial, nas últimas municipais Baltar tivo que dar a alcaldía da capital a Jácome a cambio de manter a Deputación 

Porén, tamén en Ourense Baltar afronta tempos complicados despois de que nas últimas municipais tivese que apoiar como alcalde da capital ao líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, a cambio de que este o mantivese á fronte da Deputación provincial.

A debilidade do baltarismo na cidade de Ourense non impide que o PP provincial siga a ser un verso solto dentro do PP galego, como vén de evidenciar novamente coa crise polo peche do paridoiro de Verín. Ademais de impulsar unha iniciativa na Deputación en contra da decisión da Xunta, unha vez que esta anunciou a súa rectificación e a reapertura do servizo o propio Baltar lembrou publicamente desde a web da institución provincial que “sempre nos opuxemos ao peche do paridoiro”. 

Jácome, ante un valo electoral de Baltar nun vídeo da campaña de DO e sinaturas de ambos no seu pacto CC-BY-NC-SA Praza Pública

Na crise polo peche do paridoiro de Verín Baltar opúxose expresamente á decisión da Xunta

Unha postura discordante que fixo lembrar a coñecida como revolta do piso, cando nos tempos finais do Goberno de Fraga o propio Baltar fillo foi un dos deputados ourensáns no Parlamento de Galicia cuxo sentido de voto foi condicionado polo pai como xeito de presión ante o PP de Santiago e Madrid.

O PP de Ourense non só recibiu a chegada de Feijóo como conselleiro de Fraga con aquela revolta do piso senón que posteriormente Baltar pai evidenciaría que o dos Peares non era de inicio o seu favorito para suceder a Fraga tras perder a Xunta en 2005. Acabaría aceptándoo unha vez constatado que a outra alternativa, Xosé Cuíña, non contaba con apoios suficientes no resto de Galicia. Cinco anos despois era Feijóo o que tampouco consideraba adecuado a Manuel Baltar para suceder a José Luis Baltar, pero os afiliados do PP ourensán dixéronlle que a eles si lles valía. “Gracias Ourense!”, díxolles este xoves o gañador hai agora dez anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.