Quen é quen na Xunta e no PPdeG coa marcha de Feijóo e por que Alfonso Rueda leva tres lustros sendo o mellor situado

Feijóo nun acto cos altos cargos da Xunta en xuño de 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

A decisión de Feijóo de implicarse na crise do seu partido a nivel estatal supón colateralmente convertela nunha crise de Goberno na Xunta e no PP galego

Os estatutos do PP impiden que o seu presidente estatal poida ser á vez presidente do partido nunha autonomía. E a Lei 1/1983 reguladora da Xunta e da súa presidencia di, no seu artigo 12, que “o Presidente da Xunta non poderá exercer ningunha función pública que non se derive do seu cargo”. Estas dúas premisas condicionan os próximos pasos de Feijóo tras a súa decisión de implicarse na crise do PP estatal e convertela colateralmente nunha crise de goberno na Xunta e no PP galego. Un descabezamento da administración e o partido que volve poñer os focos en Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta e desde hai tres lustros a figura mellor situada tras Feijóo, pero que acabará implicando tamén un maior protagonismo doutros altos cargos.

No mesmo momento en que Feijóo logre a presidencia do PP estatal cesará como presidente do PP galego e converterase no líder do principal partido da oposición ao Goberno de España. De feito, os estatutos do PP establecen de xeito automático que o presidente do partido a nivel estatal “será o candidato á Presidencia do Goberno”. Como tal Feijóo precisará confrontar con Pedro Sánchez, e unha das vías para logralo, máis alá da súa proxección mediática, é que sexa nomeado senador por designación do Parlamento de Galicia. Podería debater directamente con Sánchez na Cámara Alta pero, máis alá, o seu nomeamento como presidente do grupo parlamentario do PP en todas as Cortes Xerais, compostas por Congreso e Senado, facilitaría tamén a súa presenza física na máis visible Cámara Baixa e mesmo a súa intervención nos debates sobre política xeral.

Feijóo e Alfonso Rueda nun Consello da Xunta hai xa unha década CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

Pero ser senador é incompatible con ser presidente da Xunta, máis alá de que as esixencias das axendas dun presidente da Xunta en Santiago e dun presidente do PP estatal en Madrid non son facilmente conciliables e serían máis munición para a oposición. Así que é cuestión de tempo -dos tempos que decida o propio Feijóo, que o mércores aseguraba que non deixará Galicia "nun mes"- que haxa mudanzas tanto no PP como no Goberno galego. O que pasa cando dimite un presidente da Xunta, co cesamento do Goberno en pleno e remuda nun mes como máximo, xa o contamos nesta peza. E estas son as persoas mellor situadas para asumir novas responsabilidades nese proceso:

Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968)

Rueda leva desde 2006 a carón de Feijóo e ninguén como el sumou tanta confianza do presidente tanto no partido como na Xunta

Se Feijóo chegou á presidencia da Xunta en 2009 como chegou, cunha dura campaña electoral contra PSdeG e BNG, foi porque el mesmo así o decidiu e porque Alfonso Rueda o executou. El foi o elixido por Feijóo como o seu número 2, o secretario xeral, cando en 2006 sucedeu a Manuel Fraga á fronte do PP galego. E el é desde 2012 vicepresidente primeiro da Xunta e polo tanto quen asumiría en funcións o Goberno galego no momento en que dimitise o presidente ata que o Parlamento elixa un novo.

Alfonso Rueda, fillo dun senador popular, foi director xeral de Administración Local nos últimos gobernos de Fraga e nel confiou Feijóo en 2006 para encargarlle a secretaría xeral do PPdeG. Deixouno en 2016 para asumir a presidencia do PP de Pontevedra en substitución de Rafael Louzán, salpicado por varios casos de corrupción, e desde aquela non logrou remontar os malos resultados electorais que foi obtendo o partido nesa provincia. Pero nin hai alí máis figuras con semellante peso interno no partido nin o acadou tampouco a nivel galego nestes seis anos quen o substituíu como número 2 do PPdeG, Miguel Tellado.

Ademais, para cando Rueda deixou a secretaría xeral do PP galego pola presidencia do PP pontevedrés xa levaba catro anos como vicepresidente primeiro da Xunta, posto do que non se baixou nin cando Feijóo decidiu nomear un segundo vicepresidente. 

Feijóo, con Francisco Conde nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Francisco Conde (Monforte, 1968)

Conde é asesor de Feijóo desde 2009, conselleiro desde 2012 e vicepresidente segundo desde 2020, pero non ten ningún cargo de peso no partido

Xunto con Rueda, Francisco Conde, vicepresidente segundo da Xunta, é un dos dous únicos membros do Goberno galego que ten ao tempo escano no Parlamento de Galicia, condición para poder ser elixido presidente pola Cámara. Pero ademais de non ter ata agora ningún cargo de relevancia no partido, a diferencia de Rueda, o seu nomeamento como vicepresidente segundo, responsable das áreas económicas, non chegou ata 2020.

No Goberno galego entrou en 2012 como conselleiro de Economía, pero este profesor de Economía, cunha tese doutoral sobre as bondades do libre comercio en América do Norte, xa era desde varios anos antes unha das persoas de confianza de Feijóo, que en 2009 o fixo asesor na Xunta.

Diego Calvo (San Sadurniño, 1975)

Presidente do PP da Coruña e vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo foi delegado da Xunta na Coruña no primeiro Goberno de Feijóo, que apostou por el en 2011 como presidente da Deputación, cargo que ocuparía ata 2015. Considerado herdeiro político de Carlos Negreira, que noutrora fora un dos homes de confianza de Feijóo, Calvo sempre contou con postos de relevancia no partido desde que á súa fronte está Feijóo.

Pedro Puy, portavoz parlamentario, vén sendo o responsable dos sucesivos programas electorais de Feijóo Dominio Público PP de Galicia

Pedro Puy (Granada, 1962)

Portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy Fraga é o responsable dos sucesivos programas electorais de Feijóo. Profesor e doutor e Dereito, é unha das persoas con maior bagaxe intelectual na contorna de Feijóo. Sobriño de Manuel Fraga, no seu último Goberno ocupou a Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

Miguel Tellado (Ferrol, 1974)

Nomeado por Feijóo número 2 do PPdeG en 2016 entre a sorpresa de boa parte dos populares, Miguel Tellado ocupara previamente postos na sombra como xefe de prensa ou gabinete de diversos cargos populares. Nos últimos seis anos é o encargado de atacar á oposición e defender os argumentarios máis partidistas fronte ao perfil máis institucional e supostamente centrista de Feijóo.

Feijóo e os catro presidentes provinciais do PP galego: Diego Calvo, Manuel Baltar, Elena Candia e Alfonso Rueda © PP Ourense

Elena Candia (Mondoñedo, 1978)

Presidenta da Deputación de Lugo uns poucos meses en 2015 aproveitando unha crise interna no PSdeG, Elena Candia  foi alcaldesa de Mondoñedo ata 2020, cando entrou no Parlamento de Galicia e é presidenta do PP provincial desde 2016.

José Manuel Baltar (Ourense, 1967)

Herdeiro de mans do seu pai da presidencia do PP e da Deputación -a única que conservan os populares- de Ourense, en 2018, antes de que Feijóo rexeitase competir pola sucesión de Rajoy, Manuel Baltar amosou a súa disposición a ir máis alá da súa provincia e dar un paso á fronte no PP galego. Igual que a decisión do seu pai foi determinante para que Feijóo se impuxese en 2006 como sucesor de Fraga fronte a Xosé Cuíña, o dominio electoral que Baltar ten na provincia de Ourense, algo tocado tras as últimas eleccións municipais, segue dándolle un papel relevante á hora de condicionar o futuro liderado do PP galego.

A decisión de Feijóo tamén abre expectativas sobre o futuro doutras conselleiras ou asesoras persoais de Feijóo con poder real na Xunta ou no PP máis alá dos cargos formais que ocupan

Ademais destes nomes, que son os que teñen os máis altos cargos orgánicos ou na administración, tamén se abre a expectativa do futuro que depara a decisión de Feijóo a outras persoas en niveis inferiores pero igualmente relevantes para o partido ou para a Xunta. No Goberno galego teñen unha especial relevancia pola súa relación co partido e os seus progresivos ascensos e acumulacións de competencias e peso político as conselleiras de Medio Ambiente e Política Social, Ángeles Vázquez e Fabiola García, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez

E no núcleo máis próximo de Feijóo, o do seu gabinete e persoal de asesoramento directo, tamén se abre a expectativa de quen o acompañará a Madrid. No partido e na Xunta dáse por descontado que con el irá sempre a súa man dereita, a persoa da súa máxima confianza desde hai máis de dúas décadas, Mar Sánchez Sierra. Formalmente é secretaria xeral de Medios, pero é moito máis que iso tanto na Xunta como no PPdeG, onde conta co apoio de Luis de la Matta. Pero xunto a ela foron gañando tamén peso outras persoas como a xefa de gabinete e anteriormente xefa de comunicación, Marta Varela, que substituíu ao anterior xefe de gabinete, Álvaro Pérez, cando foi ascendido a secretario xeral da Presidencia da Xunta. Son, por riba dos cargos, os homes e as mulleres de Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.