O 16 de xaneiro de 2003, Manuel Fraga asinou o seu primeiro decreto do ano. O do cesamento de Xosé Cuíña como conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, "por petición propia". En plena crise do Prestige, pero tamén en vésperas dunha agardada remodelación do Goberno galego para dar saída a Corina Porro e Manuela López Besteiro, candidatas do PP ás eleccións municipais daquel ano en Vigo e Lugo, era defenestrado do Consello da Xunta e da primeira liña política quen fora considerado sucesor natural de Fraga, peza central para entender a hexemonía que o PPdeG lograra consolidar durante a década anterior.
Os feitos que desencadearon a saída de Cuíña do Goberno de Fraga tras as novas que o ligaran coa venda de material para a recollida de chapapote do Prestige ecoan na actual guerra aberta no PP
Un día antes, a Cadena SER informara de que, nos primeiros días da catástrofe do petroleiro, unha das empresas da familia Cuíña, Gallega de Suministros Industriales, vendera 8.520 traxes de augas e 3.000 pas para o dispositivo de recollida do chapapote. A noticia falaba dunha venda duns 40.000 euros á empresa Peycar, especializada en vestiario laboral e de seguridade, á que Gallega de Suministros fornecía habitualmente de mercadoría e que era provedora da semipública Tragsa, á súa vez encargada de achegar á Xunta boa parte do material de limpeza nuns días nos que, como ao comezo a pandemia da COVID, escaseaba case todo.
Aqueles días de principios de 2003 son clave para entender o acontecido no PP de Galicia e en boa parte da política galega da década seguinte, mesmo da actual. Os feitos ecoan na actualidade deste 2022, dados os paralelismos entre aqueles sucesos e os que agora están no centro da guerra polo poder no seo dos populares, con Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso como polos dunha pugna na que, igual que naquela de 2003, emerxe en segundo plano -cando menos, de inicio- Alberto Núñez Feijóo.
Cuíña oficializara o que formalmente era unha dimisión cunha carta a Fraga. "Considero un deber presentar a miña dimisión e agardo poder aclarar que as empresas participadas pola miña familia non cometeron ningunha ilegalidade nin irregularidade, senón, simplemente, unha doazón e unha colaboración no caso do Prestige", dicía. Pouco despois, brindárase a ser investigado polo Parlamento e divulgara un informe no que dous catedráticos e un profesor de Dereito Administrativo (Alfredo Gallego, Ángel Menéndez e Francisco Javier Jiménez) vían certificada a "legalidade" dunha venda que, subliñaban, fora a prezo de custo, sen beneficios, en semanas de escaseza de material de primeira necesidade.
A venda nunca derivara nun proceso xudicial. Menos aínda a doazón de material para a recollida de chapapote (contedores valorados en 36.000 euros, segundo afirmara Fraga ante a prensa, mentres que outras fontes apuntaban a uns 50.000) doutra empresa dos Cuíña. A controversia nunca abandonara o eido político, onde comezara, de onde viña de lonxe e onde afastar o noutrora poderoso conselleiro de Obras Públicas, a célebre COTOP, propiciara unha remodelación do Executivo á medida da dirección central do PP de José María Aznar e Mariano Rajoy coa bendición de dirixentes galegos como José Manuel Romay Beccaría, mentor político de Feijóo.
A venda nunca chegara aos tribunais e Cuíña esgrimira un informe para certificar que non implicara beneficios á empresa da súa familia. A súa defenestración propiciou que Fraga remodelase o Goberno na liña da dirección de Aznar e Rajoy, cun Feijóo apadriñado por Romay que en apenas ano e medio ascendeu a vicepresidente
A hostilidade dende a madrileña rúa de Génova cara a Cuíña viña de lonxe e non fixera máis que aumentar dende o afundimento do Prestige, cando o lalinense fora situado á fronte do gabinete de crise para coordinar a resposta da Xunta á parte máis material do sinistro mentres un Fraga enfraquecido política e fisicamente se vía sobrepasado polas circunstancias. Cuíña amosárase partidario de que o Goberno galego marcase perfil de seu na xestión da catástrofe, afastándose da liña de Aznar e Rajoy. Mesmo de que o PP de Galicia secundase a que acabou sendo histórica primeira manifestación da plataforma Nunca Máis (1 de decembro de 2002), abertamente desprezada pola cúpula central dos conservadores e por diversos cargos en Galicia.
Se a vía Cuíña triunfase, podería cristalizar a hipótese que circulaba daquela polos círculos do poder galego e que o situaba na remodelación gobernamental como vicepresidente da Xunta, con amplos poderes ante a catástrofe do Prestige. Un paso clave para a sucesión. Pero aconteceu todo o contrario; a publicación do asunto da venda de material precipitou a súa defenestración. "Eu non quería ser un factor de perturbación, porque estaba á fronte do comité de intendencia" para o Prestige, declarara Cuíña dous anos despois na comisión parlamentaria que analizou a crise do petroleiro, onde reiterou que non tirara beneficio ningún.
Con Cuíña fóra de xogo, a nova estrutura da Xunta foi do gusto da dirección estatal do PP, con fichaxes do círculo de Rajoy -como Pilar Rojo- e mais de Romay Beccaría: Feijóo foi nomeado novo conselleiro de Política Territorial mentres en Ourense ardía a coñecida como revolta do piso, coa que os Baltar deran en poñer en risco a maioría absoluta do PPdeG precisamente como resposta á destitución de Cuíña. Apenas ano e medio despois, o actual presidente da Xunta ascendeu a vicepresidente primeiro.
Cuíña deu en optar á sucesión de Fraga, pero Feijóo acabou chegando sen rivais ao congreso definitivo. "Despois de min, caeron todos" os do sector alcumado como da 'boina', resaltaba o antigo conselleiro en 2007, apenas un mes antes do seu pasamento
"Se eu non chamase ao presidente da Asociación de Empresarios do Deza para que axudase [na crise do Prestige] non tería que dimitir, pero nesta vida non abonda con ir polo camiño correcto e respectando os parámetros que se nos exisen", afirmara Cuíña dous anos despois, a principios de 2005, ante a comisión parlamentaria sobre o Prestige, na que ofrecera aos grupos da oposición as facturas da venda en cuestión. Poucos meses despois, o PP perdía o Goberno da Xunta e Xosé Cuíña confirmaba que optaría á sucesión de Fraga no congreso convocado ao efecto. Tiña, dicía, a aspiración de "refundar" o PP de Galicia "en clave galega sen paliativos e radicalmente democrática", co primeiro obxectivo de frear a "paulatina perda de autonomía" a respecto da dirección estatal.
Pero a aposta de Rajoy, novo presidente do PP, era outra, e Romay así o fixo saber. Os alcaldes da provincia de Pontevedra baixo o influxo de Rafael Louzán -presidente da Deputación de 2003 a 2015- apoiaron en masa a Feijóo e, en consecuencia, Baltar pai freou a aposta por Cuíña, que decidiu retirarse da carreira.
Feijóo chegou ao congreso da sucesión sen rivais e converteuse en novo presidente do PP de Galicia, mentres que Cuíña continuou como deputado raso do Parlamento ata a súa temperá morte, en decembro de 2007, con 57 anos. Apenas un mes antes, o antigo conselleiro constataba en declaracións a El País que, despois del, "caeran todos" os do seu sector, alcumado como da boina. Aseguraba que "o que máis lle doera" no episodio da súa defenestración é que fora o propio PP o que non lle permitira defenderse publicamente. A súa familia non gañara "un céntimo" co material do Prestige, reiteraba.