Feijóo condecora o seu pai político

Feijóo, durante unha comparecencia de Romay na súa etapa no Sergas © Arquivo Parlamento de Galicia

O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto polo que concede as Medallas de Galicia deste 2017, catro distincións na súa categoría de ouro encabezadas por Miguel Ángel Blanco, o concelleiro do PP da localidade biscaíña de Ermua asasinado por ETA en 1997. O Goberno galego outorga tamén o seu máximo galardón a Aníbal Cavaco Silva, ex-presidente e ex-primeiro ministro conservador de Portugal, e á aristócrata Isabel Castelo D’Ortega, presidenta da aseguradora Ocaso, de quen a Xunta salienta a súa colaboración con entidades sociais. A lista das Medallas deste ano péchaa José Manuel Romay Beccaría, veterano dirixente do PP, ex-ministro, ex-conselleiro e mentor político de Alberto Núñez Feijóo.

A dilatadísima traxectoria política de Romay, caricaturizada polos seus detractores co alcume de "o ex de todo", ten as súas raíces no franquismo, con cargos de segundo nivel en varios ministerios da ditadura na súa última etapa, a dominada por tecnócratas ligados ao Opus Dei, e continúa con sucesivas responsabilidades en Alianza Popular e nas súas siglas herdeiras, as do PP. Tras ser vicepresidente do primeiro Goberno de Albor e dirixir a Deputación da Coruña a vitoria de Manuel Fraga nas eleccións galegas de 1989 devolveuno á Xunta e foi nese gabinete no que comezou a impulsar a carreira política de Feijóo, daquela un mozo funcionario da Administración autonómica ao que en 1991 situou como secretario xeral -número dous- da Consellería que dirixía, a de Agricultura, e tres meses despois no mesmo cargo do seu novo departamento, o de Sanidade.

Romay impulsou a carreira política de Feijóo a principios dos 90 nomeándoo número dous das consellerías que dirixiu e ambos puxeron en marcha as fallidas fundacións sanitarias

Romay e Feijóo foron os responsables de poñer en marcha o Servizo Galego de Saúde, que Feijóo encabezou, e dende o novo ente impulsaron un dos principais proxectos fallidos da Xunta na década dos 90, as fundacións sanitarias. Estes entes foron presentados como unha fórmula "moderna e flexible" de xestión sanitaria que formaba parte da rede pública pero se rexía polas normas do sector privado en ámbitos como a contratación ou o pagamento do persoal. Estas fundacións chegaron a ser catro e tiveron o seu emblema na do Hospital de Verín, fundada en 1993 e que, segundo o Consello de Contas, apenas tres anos despois xa estaba inmersa nunha "grave situación financiera" caracterizada pola "falta de control", a opacidade nas contas e a "precariedade" do seu persoal.

Cando en 1998 Contas fixo público este informe sobre as fundacións, que Fraga pasou ao sector público no ano 2000 e o bipartito tivo que rescatar en 2006, Romay e Feijóo xa non estaban na Xunta, senón no Goberno de España que presidía José María Aznar realizando funcións semellantes: o agora condecorado como ministro de Sanidade e o seu discípulo político, como presidente do desaparecido Insalud. Na lexislatura da maioría absoluta de Aznar, a do ano 2000, Romay permaneceu como deputado no Congreso ata que o Goberno o situou na presidencia do Consello de Estado e Feijóo pasou á presidencia de Correos, dependente do Ministerio de Fomento de Francisco Álvarez-Cascos.

O papel de Romay foi tamén clave na chegada de Feijóo ao goberno de Fraga e na súa vitoria no congreso do partido en 2006

O papel de Romay e os seus movementos políticos continuaron a ser transcendentais na traxectoria do actual líder do PPdeG cando, en plena catástrofe do Prestige, a dirección do partido o situou como home forte do atribulado Goberno de Fraga na Consellería de Política Territorial en substitución de Xosé Cuíña. Os 'birretes' de Romay remudaban así as 'boinas' que o humillaran en público -el fora un dos enviados 'ao poleiro' no congreso do PPdeG en 1998- nun departamento clave da Xunta, pero tamén tomaban posicións ante a inminente sucesión de Fraga, que as eleccións de 2005 contribuíron a acelerar. Naqueles tensos meses de hai 12 anos Romay foi voz e man da madrileña rúa de Génova en Galicia, tamén na batalla polos avais e na recta final cara ao congreso de 2006 que acabou tendo a Feijóo como único candidato e que o presidente presenta reiteradamente como un proceso de primarias.

"Falamos dun home de Estado que sabe o que é traballar por Galicia dende todas as Administracións", di o presidente

Romay ía sumando veteranía e durante un tempo desapareceu do primeiro plano das fotos, que ían ocupando membros da súa descendencia política como Carlos Negreira, Adolfo Gacio ou o propio Feijóo, quen mesmo herdou persoal de confianza do seu mestre. O 'ex de todo', alicerce do PP da Coruña no que o partido apoiou boa parte do seu regreso ao poder en 2009, situouse de novo en 2010 baixo os focos cando Mariano Rajoy o reclamou para ocupar a tesourería do partido inmediatamente despois do estourido dos casos Gürtel e Bárcenas, cargo que compatibilizou cun breve paso polo Senado por designación do Parlamento galego ata 2012, cando regresou á presidencia do Consello de Estado.

Dende a Xunta e o PP galego réstase a este nomeamento calquera matiz partidario. "Falamos dun home de Estado que sabe o que é traballar por Galicia dende todas as Administracións públicas" e "nunca entendeu servir a Galicia e traballar por España como unha disxuntiva", defende Feijóo.

Romay e Feijóo, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.