0 Gardados para despois

Así quebrou o primeiro experimento sanitario de Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Hai xente que leva vinte anos deteriorando a imaxe da sanidade pública e dicindo que hai recortes, eu tento levar vinte anos protexendo a sanidade pública". A pasada semana as críticas do persoal sanitario arreciaban nos hospitais galegos polo "colapso" e o "caos" que estaban a sufrir a causa da combinación de recortes e gripe. Mentres o asunto chegaba ata a Fiscalía o presidente da Xunta retrucaba deste xeito a unhas protestas que non son "nada novo", senón mostra de que "hai interlocutores que se dedican a diminuír a sanidade pública", que xa "nos anos 90" falaban de "recortes". Profesionais da sanidade e oposición parlamentaria retrucaron as verbas do presidente remitíndose, precisamente, aos anos 90, cando como máximo responsable do Sergas contribuíu a facer xermolar un experimento de xestión sanitaria que rematou en quebra: as fundacións hospitalarias.

Estas fundacións chegaron a ser catro e tiveron o seu emblema na Fundación Hospital de Verín, constituída en setembro de 1993, cando Feijóo era xa xerente do Servizo Galego de Saúde e, polo tanto, número dous do seu mentor político, o daquela conselleiro de Sanidade, José Manuel Romay Beccaría. Tivo unha dotación inicial de 100 millóns de pesetas -uns 600.000 euros- e foi concibida para xestionar cunha metodoloxía "moderna" e "flexible" o recinto verinés, cuxa posta en marcha fora promovida polo antigo Insalud, organismo estatal que llo transferira ao Sergas entre dúbidas sobre a súa rendibilidade. Así, puñan a funcionar un hospital que na práctica era parte da rede pública, pero que sería rexido polos principios do sector privado en materias como a contratación ou o pago de incentivos.

Tras tres anos, aínda con Feijóo no Sergas, a fundación xa padecía unha "grave situación financeira"

Apenas tres anos despois do celebrado nacemento, en 1996, o hospital funcionaba con 80 camas, a metade da súa capacidade, e a súa xestión xa estaba sumida na opacidade, no descontrol e tamén nas perdas económicas e mesmo nas contas falseadas. Así o reflectía un duro informe do Consello de Contas no que, malia advertir de que as contas anuais da fundación non expresaban "imaxe fiel" do que acontecía en Verín, era quen de cuantificar unhas perdas superiores aos 200 millóns de pesetas -arredor de 1,2 millóns de euros- e de advertir, en xeral dunha "grave situación financeira" que a facía padecer unha "total dependencia" do "apoio financeiro adicional" da Xunta.

Descontrol e irregularidades

O proxecto concibido para liberar a xestión sanitaria dos vicios da administración pública mediante "técnicas de xestión empresarial" estaba funcionando, segundo Contas, como "vía de escape aos controis administrativos" sen que existise ningunha "xustificación documental da necesidade e conveniencia de promover unha fundación para prestar servizos sanitarios". O mecanismo artellado por Romay e Feijóo servía para "trasladar funcións propias da Administración, substraendo fondos públicos e bens de dominio público para poñelos á disposición dunha entidade privada".

Contas detectou "falta de control orzamentario", "irregularidades" nas contratacións e "precariedade" laboral "non admisible"

Onde se vendera "flexibilidade de actuación" había "falta de control orzamentario" e ademais, diagnosticaba o ente fiscalizador, "salientables irregularidades na contratación de persoal e na subcontratación de servizos externos que acaban distorsionando as previsións de gasto". Así, a selección de persoal encomendáraselle a unha empresa privada mediante procesos selectivos sen "os requisitos mínimos para garantir un procedemento obxectivo" e, ademais, producíranse "contratacións de persoal laboral temporal á marxe das convocatorias públicas e de todo procedemento que garanta os principios de igualidade mérito e capacididade". Tampouco se comprobara se as persoas contratadas estaban "incursas en incompatibilidades" e, asemade, "algúns contratos eventuais" de "dous, tres, catro días" provocaban a "existencia de emprego en condicións de precariedade non admisibles para un ente tutelado pola Administración pública".

Paso ao sector público e rescate polo bipartito

Cando o Consello de Contas fixo público este informe, en 1998, advertindo ademais de que o Hospital de Verín non era quen de "atender unha importante demanda asistencial" de pacientes da comarca, nin Feijóo nin Romay estaban xa no Sergas. O tándem político-sanitario comandaba xa o Ministerio de Sanidade do Goberno de Aznar e publicitaban as bondades das fundacións hospitalarias, modelo que tiñan intención de implantar en boa parte do Estado. Así, o ministro Romay puña como exemplo a súa creación de Verín para asegurar no Congreso dos Deputados que coas fundacións "os traballadores están mellor pagados" e os pacientes, "máis satisfeitos", todo con menos custe. "É o resultado de introducir técnicas organizativas modernas, con iso conséguense excelentes efectos".

Cando Contas fixo público o seu duro informe Feijóo e Romay xa publicitaban o modelo das fundacións dende o Ministerio de Sanidade

Feijóo, pola súa banda, percorría diferentes centros sanitarios para, na súa calidade de presidente do Insalud, ofrecer a conversión dos hospitais tradicionais en fundacións. "Está admitido pacificamente por todos os responsables sanitarios" que cumpría "avanzar" na "individualización" da xestión de cada hospital, declaraba Feijóo en verbas recollidas por El País. Tratábase, dicía, de gañar "autonomía" e "eficiencia" grazas á "delegación" en entes privados de nova creación.

Fraga converteu as fundacións en públicas, o bipartito tivo que rescatalas con máis de 10 millóns de euros e decidiu disolvelas

Mentres o actual presidente da Xunta tentaba estender o seu plan, en Galicia comezaba a fracasar. Así, o 5 de outubro do 2000 o Consello da Xunta de Manuel Fraga decidía que tanto a de Verín como as demais fundacións hospitalarias pasasen a ser públicas e en 2003 o Executivo, do que xa formaba parte Feijóo, daba o primeiro paso para integrar o seu persoal no Sergas. En 2006, xa co bipartito, a Xunta tiña que inxectar algo máis de 10 millóns de euros nas fundacións. A que máis fondos precisou, máis de 4 millóns, foi a de Verín.

Tras esta operación "obrigada", segundo o Consello de Contas, para "compensar resultados negativos de varios exercicios, cuestionando así a maior eficiencia defendida na prestación de servizos", o bipartito decidiu poñerlle punto e final ao modelo. Deste xeito, en 2007 o persoal das fundacións foi integrado no Sergas. Finalmente, en 2008 a Xunta disolveu as fracasadas fundacións, que dende ese momento pasaron a ser hospitais plenamente públicos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.