Persoal sanitario pide "auxilio" á Fiscalía para que investigue o colapso das urxencias

Protestas contra os recortes nas urxencias en Galicia CC-BY-SA CIG

O colapso que profesionais e pacientes levan semanas denunciando nas urxencias dos hospitais galegos chega agora á Fiscalía. Neste caso, o "caos" que se vive, segundo os propios traballadores, nesta área do CHUAC da Coruña. A xunta de persoal da área sanitaria da Coruña vén de presentar a denuncia co obxectivo de que se investigue unha situación que afecta a calidade asistencial que reciben os enfermos desde a inauguración das novas instalacións no centro coruñés, inauguradas o pasado mes de maio.

Persoal sanitario da Coruña denuncia ante a Fiscalía "as pésimas condicións" da atención sanitaria en Urxencias

A xunta de persoal denuncia as "pésimas condicións nas que se presta a asistencia sanitaria no servizo de urxencias do Hospital da Coruña" e a "posíbel vulneración de dereitos fundamentais dos doentes". Unha situación que, segundo estes traballadores, podería ser "constitutiva de delito". "Confiamos en que a Fiscalía investigue unhas condicións asistenciais que comprometen e ameazan a seguridade do doente e coas que se vulneran dereitos fundamentais deles como a intimidade ou a confidencialidade", asegura a Praza María Seijo, voceira da xunta de persoal, que aclara que os profesionais "esgotaron todas as vías de diálogo e negociación".

"Acudir á vía xudicial é buscar o amparo e auxilio da xustiza para que se investigue isto", insiste quen lembra que "os recortes están directamente relacionados con esta situación de colapso". "Están a provocar o desmantelamento na atención primaria, que cada vez ten menos capacidade, ou a falta de equipos de atención domiciliaria, de recursos sociais, así como o peche de camas", asegura, polo que, di, "estas consecuencias da estratexia levada a cabo pola Xunta non pode quedar impune".

Os profesionais piden "o amparo e auxilio" da xustiza logo de intentar sen éxito o diálogo e negociación coa Xunta

Ademais de presentar a demanda, a xunta de persoal pediu tamén unha cita co fiscal xeral para poder achegar toda a documentación dos profesionais que "moito antes de acudir aos seus representantes intentaron falar coa Administración". "Pero non houbo maneira de que lles fixesen caso", insiste Seijo, que advirte de que "aínda que o problema nas urxencias é común en toda Galicia", no caso da Coruña é aínda máis grave ao "terse inaugurado as novas infraestruturas no pasado mes de maio". "Desde o primeiro momento denunciamos a inadecuación da estrutura e da organización funcional, así como a falta de persoal suficiente para realizar o traballo en condicións.

Ao tempo, a xunta de persoal pediu unha cita co fiscal xeral para achegarlle documentación, a que os profesionais enviaran xa á Administración, coa que "esgotaron as vías de diálogo e negociación". "Pero non lles fixeron caso", insiste Seijo, que asegura que aínda que a situación de colapso é común en Galicia, o caso da Coruña é "aínda máis grave porque se inauguraron novas infraestruturas de urxencia o pasado mes de maio". "Desde o primeiro momento denunciamos a inadecuación da estrutura e a falta de persoal", di. Este pasado mércores, 60 pacientes esperaban por cama ao mediodía. O xoves, eran xa 30 ás oito da mañá.

 

Feijóo presume de ser un dos grandes defensores da sanidade pública

A situación que se vive na Coruña non é única en Galicia. Nin moito menos. Persoal e doentes falan abertamente de "caos" e ollan cara á Xunta en xeral e cara ao SERGAS en particular para esixir responsabilidades. Denuncian que haxa pacientes a agardar durantes horas -máis de seis nalgúns casos- nos corredores mentres camas hospitalarias permanecen pechadas. Neste contexto o presidente, Alberto Núñez Feijóo, deu en pedir "desculpas" a pasada semana e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, foi nas últimas horas un chisco máis alá ao considerar que a poboación ten tamén a súa parte de "responsabilidade" no colapso por non terse vacinado masivamente contra a gripe -cuxo repunte tería influído no colapso-, obviando, por exemplo, o recorte de máis de 1.400 profesionais no Sergas dende 2009.

Feijóo presume de ser un dos principais defensores da sanidade pública e rexeita as críticas polos recortes

Este mesmo xoves, o presidente Feijóo definiuse como un dos principais defensores da sanidade pública e promete "seguir traballando". "Levo vinte anos protexendo o servizo público de saúde e priorizando os investimentos nel desde que son presidente da Xunta mentres outros levan vinte anos deterioriando a súa imaxe e denunciando recortes", dixo.

A estratexia da Xunta agora é facer campañas máis agresivas para animar a esta vacinación, mentres os profesionais sitúan nos recortes, a falta de previsión e persoal e o peche de camas como causantes deste descontrol. Mentres, Mosquera fala de "altísima" calidade asistencial e di que "non falta nada do necesario".

En xaneiro de 2009, dous meses antes do retorno do PP ao poder, o Sergas contaba con algo máis de 35.000 traballadores e traballadoras, segundo datos da Secretaría de Estado de Administracións públicas, que actualiza este indicador semestralmente. Dende aquel momento transcorreron seis anos e, dos once semestres analizados -os datos a xaneiro de 2015 aínda non están dispoñibles- a sanidade pública galega perdeu persoal en sete deles, chegando a un recorte de máis de 2.000 profesionais no inicio de 2014. Tras a leve recuperación do pasado verán o balance é dunha perda de 1.438 persoas a traballar no Sergas.

Neste contexto, e mentres os sucesivos Orzamentos Xerais da Xunta acreditan un recorte no orzamento sanitario de case o 11% -de 3.500 millóns de euros en 2009 a algo menos de 3.200 en 2015-, Mosquera deixa caer que parte da culpa é dunha poboación que, en todo caso, só está a sufrir problemas de confort. "Evidentemente non estamos satisfeitos coa confortabilidade dos pacientes nin co tempo" que os doentes tardan en ser atendidos. Pero "débese fundamentalmente -evidencia- ao número de cidadáns que acudiron aos servizos de urxencias".

BNG e AGE piden a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera

A oposición non tardou en criticar con dureza a postura da Xunta e da Consellería de Sanidade. AGE pediu xa a dimisión da conselleira de e esixe que deixe de culpar aos enfermos do que "é produto da súa incompetencia". A deputada Eva Solla asegurou que os "vergonzosos colapsos" que se están a dar nas urxencias deixan de manifesto que "Rocio Mosquera non é apta para dirixir o servizo público de saúde do noso país". No mesmo sentido se manifestou o BNG, que cualifica de "indignas" as xustificacións da titular de Sanidade e pide tamén a súa marcha.

Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) Dominio Público Praza Pública
As Urxencias do Meixoeiro desbordadas CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.