Dende finais de xaneiro a Consellería de Sanidade ten vetados os carteis reivindicativos en todos os centros da sanidade pública de Galicia, dende os taboleiros de anuncios aos despachos do persoal. A prohibición foi imposta mediante unha circular que, como adiantou Praza.gal, apela á "neutralidade das institucións" e á necesidade de "regular" a colocación de cartelaría para que deixe de ser "indiscriminada" e non favoreza "determinadas formacións políticas ou ideolóxicas". A Xunta subliñou que esta prohibición "non ten que ver con ningún centro en particular", se ben cadra no tempo coas intensas protestas contra o peche do paridoiro de Verín, que reabriu este 3 de febreiro tras dous meses de mobilización continua.
En marzo de 2003, cando ás protestas pola xestión da catástrofe do Prestige se engadiron as mobilizacións contra a invasión de Iraq, a Xunta de Fraga emitiu un veto aos carteis críticos nos centros de ensino con linguaxe e medidas moi semellantes ás impostas neste 2020 por Sanidade
Esta prohibición formal e por escrito de carteis críticos coa xestión da Xunta ten, cando menos, un precedente. Hai case dezasete anos, cando o que sería derradeiro Goberno de Manuel Fraga, tras bater durante meses cunha espiral de protestas pola súa xestión da catástrofe do Prestige, viu como a estas mobilizacións se engadían os movementos de oposición á participación española na invasión de Iraq decidida polo Executivo que presidía José María Aznar. Con ese contexto, a Xunta decidira atallar os carteis críticos nun dos espazos que máis proliferaban, os centros de ensino. E fíxoo cunha circular de ton e termos moi semellantes aos deste 2020.
O 12 de marzo de 2003 o daquela director xeral de Centros da Consellería de Educación, Alberto González, remitiu unha circular de media ducia de páxinas a todos os centros de ensino de Galicia baixo o título Instrucións sobre publicidade e propaganda nos centros educativos e outras cuestións formuladas en relación co seu funcionamento e réxime xurídico. Nela o Goberno de Fraga, con expresións moi semellantes ás empregadas hai apenas dúas semanas polo de Feijóo, aseguraba actuar "ante a proliferación da existencia de publicidade e propaganda nos taboleiros de anuncios". Tamén por recibir "reiteradas reclamacións e preguntas ao respecto".
A Xunta tamén apelaba daquela ao "dereito que asiste aos pais" para que "os seus fillos reciban formación de acordo coas súas conviccións"
Mentres colectivos como a Plataforma Nunca Máis e colectivo de docentes Area Negra ou a Mocidade Galega pola Paz espallaban diversas convocatorias de mobilizacións e cartelaría ou folletos diversos, a Xunta advertía de que os taboleiros de anuncios de colexios e institutos eran "bens de dominio público" dos que non cabía o seu uso "privativo". Insistía ademais en que o persoal docente debía impedir a súa difusión por teren obriga de "obxectividade, imparcialidade e neutralidade" e, ademais, apelaba ao "dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban a formación que estea de acordo coas súas propias conviccións".
Na súa circular de 2003 a Xunta instaba á retirada de carteis por consideralos "claramente ilegais" e pretendía frear un referendo simbólico contra a guerra de Iraq que impulsaba o colectivo de docentes 'Area Negra'
Con estes e outros argumentos, a Xunta advertía ás direccións de colexios e institutos da necesidade de eliminaren carteis "propagandísticos, publicitarios ou referidos a declaracións ou manifestacións de coñecemento, xuízo ou vontade sobre cuestións alleas" ao ensino por seren "claramente ilegais". Ao mesmo tempo, instábaos a impedir a celebración, por seren igualmente "ilegais", de actos nos que "un centro docente recabe, recolla ou emita, por calquera medio" como "votacións, referendums ou similar", "declaracións ou manifestacións" sobre esas "cuestións alleas". Con este segundo precepto, pretendía impedir o referendo simbólico sobre a guerra de Iraq que organizara o colectivo Area Negra nos centros de ensino.
A reacción a esta prohibición fora unha enorme treboada política e sindical e múltiples protestas de organizacións estudantís e asociacións de pais e nais. Tamén mobilizacións de alumnado que en localidades como Santiago, Vigo ou Lugo empapelaran simbolicamente fachadas de centros de ensino con carteis e pancartas contra a guerra de Iraq, bandeiras da plataforma Nunca Máis e, a maiores, lendas a prol da liberdade de expresión. Mesmo o daquela conselleiro de Educación, Celso Currás, admitira que a circular non se remitira "no mellor momento" e que accións contra a guerra "tamén son educativas", recollera naqueles días o xornal El País.
Así e todo, o Goberno do PP non recuara. Mentres nalgúns centros de estudo se retiraban pancartas e carteis e mesmo se facía seguimento específico de actividades académicas que puidesen semellarse a referendos, o Consello da Xunta do 27 de marzo daquel 2003 aprobaba unha declaración institucional para, baixo un "chamamento á concordia", xustificar a prohibición. "Nunca coartamos a liberdade de expresión", afirmaba o documento, que encadraba a circular nun exercicio de "responsabilidade" para impedir "faltas de respecto a institucións lexitimamente constituídas" e evitar "actuacións violentas de certos grupos que son consecuencia da estratexia de crispación permanente que algúns levan a cabo".