0 Gardados para despois

"Nunca Máis tivo forza por ser unha única voz, a da sociedade galega afectada pola catástrofe"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Se houbo un acontecemento concreto nos últimos anos que pola súa relevancia social provocou (ou puido provocar) un colosal movemento de marcos na sociedade galega, ese foi a catástrofe do Prestige. Movemento de marcos en dous sentidos (que en realidade son o mesmo): as fronteiras simbólicas que delimitan determinados grupos na sociedade e, igualmente, os encadramentos (frames) que cada persoa ou colectivo fai da realidade que o rodea, o significado e definición que lle dá aos feitos. Un conflito social é sempre unha batalla pola construción de significados. Os actores sociais dese conflito esfórzanse por crear na sociedade unha imaxe do sucedido acorde coas súas visións e cos seus obxectivos, e nesa loita os medios de comunicación son o escenario e as armas.

Teresa Barberena defendeu a pasada semana na USC a súa tese de doutoramento: A construción do significado da protesta na crise do Prestige. Análise das axendas, os marcos e os discursos de Nunca Máis e dos medios de comunicación, unha investigación dirixida polo profesor Luis Álvarez Pousa. O estudo divídese en dúas grandes partes, unha dedicada aos discursos de Nunca Máis (a través de entrevistas, analise de discursos) e outra, aos dos medios (a través da análise das unidades informativas), debullando o discurso construído polo movemento social e tamén o conformado por La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El País e ABC, producíndose en moitas ocasións un conflito entre os marcos propostos por un e outros.

O estudo céntrase na actividade do actor da protesta, convertido en medio de referencia da sociedade nunha situación "de indefinición e desencadramento" como foi a crise do Prestige. O profesor Víctor Sampedro, que presidiu o tribunal da tese, destacou que “Nunca Máis foron os primeiros indignados que existiron, facendo que Galicia estivese, unha vez máis, á vangarda do Estado”.

Cal é o relato que os medios crean sobre o Prestige

Os medios de comunicación analizados crearon un relato de acordo ao discurso do poder político (a grandes trazos). Este discurso contrastaba co coñecemento directo do problema que tiñan os lectores  e coa sabedoría popular sobre o medio mariño da poboación galega. Algúns diarios, como La Voz de Galicia, foron conscientes, ao principio, que tiñan que dar entrada a outros discursos e intentar combinalos cos dos políticos.

Varía ao longo do tempo, tralas primeiras semanas?

Hai varios cambios de rumbo no discurso. Respecto á protesta social é ben coñecido que o cambio aconteceu en xaneiro de 2003 cando se comezou a criminalizar o movemento Nunca Máis con ataques directos á organización. Ben é certo que antes desta data a organización tampouco causaba simpatías entre os diarios analizados. Todos fixeron antes e despois unha lectura electoralista de Nunca Máis, xa desde a manifestación do 1 de decembro de 2002 tiñan a vista posta nas eleccións locais do ano seguinte. Esta visión foi e é moi reducionista. Un movemento social non busca que un ou outro partido gañe ou perda unhas eleccións, senón cambiar unha situación que considera inxusta.

Cal é o relato que crean Nunca Máis e a sociedade?

O estudo céntrase no relato de Nunca Máis que era, efectivamente, o relato da sociedade galega daqueles días. É un discurso alternativo, moi diferente ao do poder e o seu valor é ser unha construción da realidade consensuada entre moitos colectivos. Algo que foi difícil, xa que na organización convivían sectores moi diferentes. Como explica nunha entrevista a organización ADEGA, “conviviamos mariñeiros e ecoloxistas, que temos discursos confrontados historicamente”. Outro valor de Nunca Máis foi a construción da súa propia identidade e que se analiza no estudo e confróntase coa identidade mediática, a que difundiron os media sobre o colectivo. Era unha identidade colectiva baseada na identidade social galega e coa vista posta en transformala en pro do ben común.

"A loita é patente a partir de xaneiro de 2003 porque os medios tradicionais á vez que criminalizan o movemento, estaban a recoñecelo como actor da crise. Antes Nunca Máis era un logo de manifestacións"

Hai un conflito entre os dous relatos, unha loita pola construción do significado?

Si, exactamente. A loita é patente a partir de xaneiro de 2003 porque os medios tradicionais á vez que criminalizan o movemento, estaban a recoñecelo como actor da crise. Antes Nunca Máis era un logo de manifestacións para os media e os manifestantes eran cidadáns que non actuaban conscientemente ao ir ás protestas. 

Entendo que os marcos de “nós”, “eles” cobraron moito protagonismo?

Sí. Nunca Máis sempre foron “eles” para os medios tradicionais. Entón facíase unha disociación entre Nunca Máis e os manifestantes, entre Nunca Máis e os mariñeiros, entre Nunca Máis e os voluntarios, entre Nunca Máis e os científicos…, porque os segundos eran, tamén, lectores dos diarios. Mais todos eran o mesmo: a cidadanía galega en pé ante a catástrofe e o desgoberno.

[durante a crise do Mar Exeo os movementos sociais] "non tiñan un discurso unificado, non identificaban nin os mesmos problemas nin as mesmas solucións. Isto facía que fosen febles"

Na túa opinión, que efecto na sociedade ten o éxito na creación dun marco informativo, coma neste caso o que propoñía Nunca Máis?

No estudo analizo tamén a repercusión das protestas do accidente do Mar Exeo a través do publicado en La Voz de Galicia. Paradoxalmente, daquela o diario galego deulle entrada a diferentes voces (mariñeiros, sindicatos) nas poucas información que publicou sobre a crise. Porén, non tiñan un discurso unificado, non identificaban nin os mesmos problemas nin as mesmas solucións. Isto facía que fose feble. Nunca Máis tivo forza, por iso, por ser unha única voz: a da sociedade galega afectada pola catástrofe. E isto non é sinxelo. É un traballo de días e meses. Son máis de 300 colectivos, ou polo menos os principais, a poñerse de acordo e chegar a un punto de encontro.

Atopaches diferenzas salientables entre o discurso, as axendas e os marcos dos distintos xornais analizados?

A grandes trazos non hai diferenzas salientables. Hainas en casos concretos. Por exemplo, os diarios galegos tiveron un marco máis ecolóxico no primeiro mes de crise, centrándose nas mareas e na contaminación nas praias, mentres que para os estatais sempre foi o marco político o máis importante. Para os media galegos, os mariñeiros e temas sobre a pesca eran máis relevantes que para os estatais. Con respecto a Nunca Máis, El País apenas publicou informacións que criminalicen o colectivo. Ben é certo que tampouco, ao igual que o resto de media, non lle dá un status de actor principal.

Xorden actores informativos novos estes meses? Que espazo teñen nos medios?

No estudo faise unha análise dos actores da crise, centrándose nos actores protesta. Hai unha entrada de Nunca Máis e dos colectivos que os integran. Mais esta entrada é moi pequena en comparación coa importancia que tiveron na crise. Tampouco Nunca Máis é unha fonte de información importante para os media. E chama a atención que tampouco os científicos, sendo unha catástrofe ecolóxica que tiña que ser contextualizada e explicada desde os expertos.

"O Jornal de Notícias deulle unha dignidade á protesta e aos manifestantes galegos que non lla deu ningún dos diarios galegos e españois"

A visión que daban os medios de comunicación estranxeiros eran moi distinta aos que daban os medios galegos e españois?

Todos os media deron unha visión etnocentrista de acordo cos discursos dos seus gobernos. Como o goberno portugués e o español estiveron enfrontados sobre o rumbo do Prestige cando España quería enviarlle o problema aos veciños, os diarios lusos foron críticos con esta decisión. Ademais Portugal e Francia estaban moi atentos ás mareas negras e á posible chegada das mesmas. Isto fixo que os media destes países foran referencia para os cidadáns galegos. En canto a Grecia, que era un país que estaba sendo atacado por non establecer controis para os petroleiros, nos artigos analizados botan balóns fóra, facéndose eco das declaracións do seu goberno. Cómpre destacar que o diario analizado de Portugal. Jornal de Notícias, deulle unha dignidade á protesta e aos manifestantes galegos que non lla deu ningún dos diarios galegos e españois. Unha visión máis próxima aos problemas da poboación que sufría a crise.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.