A finais da primavera de 1991, o PP elixiu formalmente a Manuel Fraga como presidente do partido en Galicia. Pasaran dous anos dende o congreso da refundación de Alianza Popular baixo as siglas do Partido Popular e só un dende que Fraga cedera definitivamente o liderado estatal da formación a José María Aznar -"no hay tutelas, ni hay tutía"- apenas tres meses despois de tomar posesión por primeira vez como presidente da Xunta.
O PP referenda por quinta vez como líder a Feijóo tres décadas despois de que 'don Manuel', da man de Cuíña, culminase a viraxe ideolóxica e organizativa na que asentou a súa hexemonía. O actual presidente da Xunta acumula así máis anos á fronte do partido dos que sumou o seu antecesor
Alén de referendar definitivamente a Fraga como xefe de filas en Galicia -o que, na práctica, xa sucedía-, naquel congreso de hai tres décadas o PP plasmou nas súas teses políticas o ideario que o propio Fraga bosquexara ao chegar ao Goberno galego. O ministro da ditadura Fraga Iribarne remudara en don Manuel e o presidente da Alianza Popular que non deu batido a Suárez ou González presentándose como garante da españolidade viraba en líder dun partido que formulaba como "desafío máis destacado" o de "ofrecer a Galicia un modelo de sociedade centrado nun nacionalismo moderado".
Trinta anos despois, o PPdeG referenda por quinta vez como líder a quen sucedeu a Fraga, Alberto Núñez Feijóo, que se dispón a superar o número de anos acumulados por don Manuel no liderado. Faino cunhas teses políticas ben diferentes na letra a aquelas de 1991 e máis aínda na práctica.
Como recollera o xornal La Vanguardia ao día seguinte da ratificación de Fraga -na edición do 21 de abril de 1991-, o PP de Galicia sinalaba que aquel "nacionalismo moderado" consistía en "facer compatible a nosa primeira e radical identidade galega cunha pertenza a ámbitos máis amplos". O encargado do relatorio era o secretario xeral e flamante conselleiro de Obras Públicas, Xosé Cuíña.
A tese política do congreso que en 1991 ratificou a Fraga no PPdeG desenvolvía o "principio de autoidentificación" e neutralizaba de vez os restos de Coalición Galega para atar unha primacía que comezaría a enfraquecer entre crises como as das vacas tolas e do Prestige
O texto desenvolvía o "principio de autoidentificación" como "dereito dos galegos a ser galegos con todas as súas consecuencias". Segundo Cuíña, "nada tiña que ver" co "concepto confuso, anacrónico e inconstitucional da autodeterminación", aínda que ante os xornalistas declarara que viña ser un "nacionalismo na fronteira da autodeterminación, sen chegar a ela". No seu discurso de investidura, apenas un ano antes, Fraga prometera "promover a autodeterminación verdadeira de Galicia, que é a súa identificación, a súa imaxe exterior, a súa xusta participación na solidariedade nacional europea".
O PP combinou aquela recomposición ideolóxica coa política de coalicións, fichaxes e absorcións na órbita de formacións como Centristas de Galicia, integrada definitivamente no partido a finais do mesmo 1991, ano no que Fraga pactou a entrega da Deputación de Ourense a Baltar. Neutralizaba así de vez os restos de Coalición Galega e ataba unha esmagadora primacía no centro-dereita e na escena política galega en xeral que só comezaría a enfraquecer unha década despois, cun Fraga debilitado política e fisicamente e nun contexto político no que a xestión de crises como a das vacas tolas ou do Prestige ou mesmo o apoio do PP de Aznar á guerra de Iraq aceleraron un desgaste que derivou, nas eleccións de 2005, na chegada de PSdeG e BNG á Xunta. Foi daquela cando Feijóo, quen naquel 1991 ocupara por primeira vez un alto cargo na Xunta, regresou a Galicia tras exercer varios cargos no Goberno de Aznar.
Neste 2021, Feijóo leva xa tantas maiorías absolutas como Fraga e acumula na presidencia do PP tanto tempo como formalmente sumou o falecido ex-presidente, que non obstante tutelaba o partido en Galicia xa dende os tempos de AP. Quince anos despois da súa elección en 2006 para conducir o posfraguismo, este 17 e 18 de xullo Feijóo é reaclamado como líder entre as enésimas preguntas a respecto de se tentará ou non superar electoralmente a Fraga optando á presidencia da Xunta por quinta ocasión nos comicios previstos para 2024.
Na tese política que aproba o PPdeG no congreso no que volve aclamar a Feijóo sobrevive o termo da "autoidentificación" nun ideario e nunha estratexia afastadas daquel inicio do fraguismo. No patio de butacas da xornada inaugural estarán dirixentes como Díaz Ayuso e o discurso de clausura corresponde a Pablo Casado
Esa reelección celébrase nun congreso que aprobará un relatorio político con novidades organizativas, mais non ideolóxicas. O PP de Galicia seguirá definíndose "como unha formación política galeguista de centro reformista", adherida aos "principios ideolóxicos e valores" aprobados no congreso estatal que elixiu como líder a Pablo Casado. Daquelas teses de hai trinta anos sobrevive a promesa de impulsar a "autoidentificación", principio que aseguran promover a través do "marco estatutario e institucional que demande en cada momento a consecución de tales obxectivos de acordo coa Constitución e, en particular, cos principios de igualdade, cohesión e solidariedade entre todas as nacionalidades e rexións".
No posto que daquela ocupaba Cuíña -e despois, Xesús Palmou- seguirá sentando agora quen o exerce dende 2016, Miguel Tellado. No patio de butacas da xornada inaugural sentan diversos líderes autonómicos da formación, entre eles a madrileña Isabel Díaz Ayuso, a quen algunhas análises sinalaron, tras o seu triunfo electoral nesa comunidade, como tapón definitivo para unha eventual carreira de Feijóo para remudar o cuestionado Pablo Casado, a quen non obstante corresponderá o discurso de clausura do conclave galego.