A cuarta maioría absoluta do popular muda de apoios gañando peso na Coruña e Lugo e debilitándose en Ourense e, especialmente, Vigo
Catro maiorías absolutas, como Manuel Fraga, pero non intentará superalo, segundo el mesmo asegurou nesta pasada campaña electoral. Feijóo vén de igualar a quen o trouxo de volta de Madrid a Galicia como conselleiro en 2003 tras evitar hai dous anos acelerar unha nova viaxe en sentido contrario.
O 18 de xuño de 2018, con bágoas nos ollos, Feijóo anunciaba que non competiría pola sucesión de Mariano Rajoy como presidente do PP estatal. Con varios candidatos e candidatas xa na carreira que acabaría gañando quen non era o seu favorito, Pablo Casado, e co PP galego tremendo por quedar descabezado dun día para outro, o presidente da Xunta quedaba no cargo e abocábase á decisión que formalizou o pasado 11 de febreiro: optar a un cuarto mandato e intentar igualar a Fraga.
En 2001, na súa cuarta maioría absoluta desde 1989, Fraga obtiña 41 deputados e o 52,5% dos votos, e só no seu quinto encontro coas urnas, en 2005, sería afastado da Xunta con 37 escanos e o 45,8% dos sufraxios. Agora, nas súas cuartas e segundo dixo últimas eleccións galegas, Feijóo ve como o seu 47,5% de votos de hai catro anos, o seu ata daquela mellor resultado, aumenta lixeiramente ata o 48% e lle permite revalidar os 41 deputados que tiña desde 2012 e mesmo optar a un máis.
Malia seguir lanzando as mesmas mensaxes de suficiencia habituais no PP galego fronte á oposición, por se a maioría absoluta non era posible os seus, nos días previos a estes comicios, tamén verbalizaron unha explicación para unha hipotética caída: a Feijóo non o gañarían o resto de partidos senón que tería que chegar unha pandemia global.
Baltar, principal bastión de votos e á vez rival interno, deixa de ser tan decisivo
Que a situación non era tan controlable para os populares como en comicios anteriores e non as tiñan todas consigo evidenciouno este mesmo domingo a primeira declaración tras o peche dos colexios do número 2 do partido, Miguel Tellado, unha intervención na que aínda sen papeletas escrutadas falaba do futuro goberno de Galicia nunha distante terceira persoa.
Á vitoria de Feijóo non axudou o debilitamento do seu, paradoxalmente, ata agora principal bastión de votos e á vez principal rival interno no PP galego, o Ourense de José Manuel Baltar, que na campaña aventurara que tería “de novo un papel decisivo” para darlle a Feijóo a Xunta. Pola contra, nesa provincia, malia obter similar porcentaxe de votos, os populares baixaron de 9 a 8 escanos, co que os mellores resultados no global de Galicia tiveron que asentarse nos aumentos da Coruña (de 13 a 14) e Lugo (de 8 a 9).
Vigo, co 32% dos votos, cifra similar á dos socialistas alí liderados por Abel Caballero, é a cidade na que peor se comportaron os populares
Mentres, Pontevedra afonda a súa consideración de principal problema para os populares, non só por debilitar os 11 escanos que tiña ata agora [ao peche deste texto un deles quedaba en disputa co PSdeG] e facer así que esa sexa a única provincia na que non hai máis deputados da dereita que da esquerda, senón por unha nova caída de apoios tanto totais como porcentuais en Vigo, a que Feijóo di que é a súa casa e a cidade das sete galegas que peores resultados dá ao PP, co 32% dos votos, cifra similar á dos socialistas alí liderados por Abel Caballero.
Ciudadanos e Vox sumaron entre as dúas formacións pouco máis de 35.000 votos, o 2,7%, lonxe do que obtiveran en comicios de clave estatal
Os resultados do PP, por outra banda, prodúcense sen que outras formacións que lle disputaban directamente o voto como Ciudadanos e Vox conseguisen escano. Despois das reiteradas advertencias do presidente de que os votos que fosen a eses dous partidos non se transformarían en poder de decisión, o resultado foi que Vox adiantou a Ciudadanos pero os 26.000 votos dos primeiros (2%) e os menos de 10.000 dos segundos (0,7%) quedaron orfos de representación.
Os resultados de Vox e Ciudadanos evidencian que a cidadanía non os ten tan en consideración en clave galega como estatal, xa que o partido de extrema dereita chegara nas eleccións xerais do pasado novembro aos 115.000 votos (7,8%) en toda Galicia e a segunda formación conseguira 63.500 votos (4,3%). No caso de Ciudadanos, o resultado agora obtido mesmo empeora o das galegas de 2016, cando lograra 48.500 votos (3,4%).
En Galicia o centro-dereita, e pode que máis, é do PP.