As deputadas que garanten o goberno do PP

Carmen Pomar, Encarnación Amigo, Marta Rodríguez-Vispo e José Alberto Pazos Couñago CC-BY-SA Xunta e Parlamento de Galicia

Os populares xóganse a maioría absoluta nos catro escanos finais obtidos en 2016, para os que desta volta, nunhas listas finalmente sen membros de Ciudadanos nin Democracia Ourensana, concorren tres candidatos con experiencia no partido e a última conselleira en entrar na Xunta

A conselleira de Educación, Carmen Pomar; as deputadas e ex-concelleiras en Lugo e Ourense Encarnación Amigo e Marta Rodríguez-Vispo, e o deputado e ex-director xeral de Administración Local José Alberto Pazos Couñago. Se ningún dos catro obtén escano no Parlamento de Galicia tras o 5 de abril, o PP perderá a maioría absoluta e probablemente a Xunta. Elas sitúanse nas listas populares para cada unha das catro provincias feitas públicas esta semana no Diario Oficial de Galicia no posto clave que, de non obterse en ningunha das catro circunscricións, deixaría o PP por baixo dos 38 deputados que marcan ese límite.

Unhas listas nas que finalmente non foi incluída ningunha persoa de Ciudadanos nin de Democracia Ourensana, malia a escenificación por parte dos populares dalgúns intentos de negociación co partido laranxa para absorver a súa candidatura ou as chiscadelas feitas aos ourensáns ao tempo que o seu líder, Gonzalo Pérez Jácome, facía pública a súa intención de votar nas galegas ao PP co que cogoberna a cidade de Ourense. Nos dous casos os populares miraban con receo a posibilidade de que na próxima lexislatura eses deputados puidesen romper a disciplina de voto.

Listas do PP para o 5A cos últimos postos obtidos nas eleccións de 2016 sinalados en vermello CC-BY-SA Praza Pública

As eleccións galegas, máis que unhas únicas eleccións, son catro, unha por provincia. Nas de 2016 o PP obtivo 13 escanos na Coruña, 8 en Lugo, 9 en Ourense e 11 en Pontevedra, tres máis dos 38 que dan a maioría absoluta. En 2005 e 2009, cando na Coruña se repartía un escano menos, 12 (sumaríao posteriormente en detrimento de Lugo), foi precisamente perder ou gañar, respectivamente, aquel decimosegundo posto o que fixo que Manuel Fraga tivese que deixar a Xunta e o que permitiu a Feijóo recuperala. Agora, tres escanos por riba dos 38, eses catro postos das catro listas son os que dan a chave da maioría absoluta ou, no caso de perder os catro, abren a posibilidade de pasar á oposición. Tamén podería pasar que algún deles obteña o escano pero o PP perda igualmente a maioría por deixarse dous nalgunha outra provincia.

A de Educación é a conselleira ou conselleiro que máis abaixo foi colocada por Feijóo nas listas populares, de xeito que o resto terían garantido un escano no caso de que os populares deixen de gobernar, non como outos altos cargos da Xunta

A conselleira de Educación, unha profesional da materia á que non se lle coñecía militancia no PP e que entrou na Xunta na crise de goberno de setembro de 2018, é a conselleira ou conselleiro que máis abaixo vai nas listas populares. O resto de membros do Consello da Xunta foron colocados por Feijóo en postos que garantirían a súa entrada no Parlamento no caso de que os populares deixen de gobernar. Pola contra, fóra quedarían outros altos cargos da Xunta que só entrarían na Cámara no caso de que o PP volva gobernar ou por dimisións en postos máis altos. Ese sería o caso da ata agora secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, no posto 10 da lista de Lugo, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no posto 13 da de Pontevedra, ou do delegado na Coruña, Ovidio Rodeiro, no posto 14 desa lista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.