Galicia leva 11 anos sen mudar a cor política do seu Goberno. Porén, nos anos 2005 e 2009 Galicia viviu dous cambios consecutivos na Xunta: o que levou á esquerda ao poder no ano e o que supuxo o primeiro trunfo de Alberto Núñez Feijóo por maioría absoluta. Ambos os dous momentos tiveron unha cousas en común: neles, o partido (PP) ou bloque gañador (PSdeG-BNG) incrementou notablemente os seus apoios nas zonas urbanas, nas cidades e grandes vilas. O voto urbano, máis cambiante que o das zonas rurais, pon e quita gobernos e á vista da historia recente semella decisivo para que nos comicios do vindeiro 5 de abril haxa un novo cambio na Xunta.
No 2005 e 2009 o partido ou coalición gañadora incrementou notablemente os seus apoios nas cidades e grandes vilas
As eleccións do ano 2005 chegaban despois de catro maiorías absolutas de Manuel Fraga e cun PP aparentemente desgastado por 16 anos de Goberno e as recentes mobilizacións contra a xestión da crise do Prestige e a participación de España na Guerra de Irak. Neses comicios PSdeG-PSOE e BNG obtiveron unha axustada maioría debido, sobre todo, a un importante incremento dos seus votos nas sete cidades.
A suma de ambas as dúas formacións pasou dos 247.652 votos obtidos no 2001 aos 304.397 de 2005, un aumento de 56 mil apoios debido á forte suba dos socialistas (+71 mil votos), que compensou o lixeiro descenso dos nacionalistas (-16 mil). O PP, pola contra, perdeu só 11 mil votos nas cidades, o que amosa que a esquerda conseguiu mobilizar, sobre todo, electorado abstencionista.
No 2005 PSdeG e BNG aumentaron 56.000 votos nas sete cidades con respecto ao 2001
Tamén nas grandes vilas (aqueles concellos entre 20 e 50 mil habitantes) a esquerda creceu notablemente (+28), mentres que o PP baixaba só un chisco (-4 mil). Nas vilas medias (entre 10 e 20 mil habitantes) a esquerda subiu 29 mil votos e o PP baixou 5 mil. É dicir: o PP non afundiu (o que lle permitiu rozar a maioría absoluta), pero PSdeG e BNG incrementaron moito os seus votos, sobre todo nos concellos máis poboados.
No resto do país PSdeG-PSOE e BNG tamén gañaron votos (+41 mil), pero aquí o PP si perdeu unha importante cantidade de apoios (-21 mil), ben polo descenso do censo ou a participación nos concellos de menos de 10 mil habitantes, ben por transvases a outras formacións.
Catro anos despois o bipartito PSdeG-BNG aspiraban a revalidar a súa maioría. E, de feito, a maior parte das sondaxes previas así o indicaban. Porén, finalmente o PP acadou o triunfo, unha vitoria sostida principalmente no incremento dos seus apoios nas zonas urbanas.
No 2009 o PP aumentou 29 mil votos nas sete cidades e outros 32 mil nas vilas. Iso outorgoulle a maioría absoluta a pesar de que nos concellos de menos de 10.000 habitantes mesmo perdeu votos
O PP aumentou 29 mil votos nas sete cidades galegas e outros 32 mil nas vilas grandes e medias. Iso outorgoulle a maioría absoluta a pesar de que nos concellos de menos de 10.000 habitantes mesmo perdeu votos (-5 mil). Fronte ao incremento do PP nas cidades, a esquerda perdeu máis de 41 mil votos: 23 mil o BNG e 18 mil o PSdeG. Nas grandes vilas a esquerda deixouse 12 mil sufraxios e nas vilas medias outros 8 mil. De novo as maiores perdas corresponderon ao BNG (-16 mil).
En cambio, nos concellos máis pequenos, PSdeG e BNG resistiron mellor, perdendo o mesmo número de votos que o PP. Nas localidades de menos de 5.000 habitantes o BNG mesmo obtivo máis votos que no ano 2005, fronte aos descensos dos outros dous partidos.
As dúas gráficas anteriores amosan que dende o ano 1997 a suma das principais forzas de esquerda (PSdeG, BNG e AGE/En Marea) sempre supera á suma das dereitas no conxunto das sete cidades galegas, con marxes que van dende os 95 mil votos de 2005 ata os pouco máis de 20 mil votos de 1997, 2001, 2009 e 2016. En 2012 a marxe volveu medrar ata os 51 mil votos, pero no 2016 de novo a suma de PP e Ciudadanos se aproximou á de PSdeG, BNG e En Marea).
A esquerda supera sempre á dereita nas grandes cidades e nas vilas os resultados dun e doutro bloque están moi igualados
Nas vilas, en cambio, ambos os dous bloques están moito máis igualados. A esquerda dominou claramente no ano 2005 e tanto no 2009 coma no 2012 impúxose nas vilas entre 20 e 50 mil habitantes, aínda que de forma moi axustada. No 2016 PP e Ciudadanos gañaron tamén nestas localidades. Nas vilas medias, entre 10 e 20 mil habitantes, a dereita superou sempre á esquerda, agás nese ano 2005.
Nos concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes a dereita adoita impoñerse con claridade á suma das esquerdas, con marxes que chegan a ser de 26 mil votos, coma no ano 2016. Porén, no ano 2005 a suma de PSdeG e BNG foi superior á do PP nestas zonas.
Finalmente, é nos concellos de menos de 5.000 habitantes onde o PP asenta habitualmente as súas maiorías absolutas. Dende o ano 1997, a esquerda só conseguiu achegarse no ano 2009 (ficou a 25 mil votos) e no 2005 (a 34 mil). Nos restantes comicios as marxes chegaron a ser de 77 mil votos (1997). No 2016 foi de 58 mil.
Esta distribución dos votos a esquerda e dereita é o que determina que a maior parte dos concellos teñan nas eleccións ao Parlamento galego unha maioría de dereitas. No 2016, por exemplo, a suma das esquerdas só se impuxo en 56 concellos. No ano 2009 a esquerda obtivo máis votos que a dereita en 124 localidades, que no 2005 foran 122.