Así votaron as cidades galegas, barrio a barrio

Porcentaxe de voto ao PSdeG-PSOE nos barrios de Vigo CC-BY-SA

Quen gañou no meu barrio? Cal foi o partido máis votado na miña rúa? A información sobre o resultado en cada mesa electoral e en cada sección censal ofrece un debuxo moi detallado das preferencias políticas da veciñanza de cada localidade. Un debuxo que nas cidades galegas se pintou de vermello o pasado domingo, cun absoluto dominio do PSdeG-PSOE, que foi a forza máis votada na maior parte dos distritos das sete urbes.

A sua vitoria foi especialmente clara en Vigo, onde se impuxo en practicamente toda a cidade, superando amplamente o 40% en moitas zonas. Tan só algunhas rúas do centro e a parroquia de Oia (onde se impuxo do PP) e tamén unha parte do barrio de Teis (onde En Común foi o máis votado) escaparon do control do PSdeG-PSOE. 

Ademais de Teis, foron Navia e Coia os barrios nos que En Común acadou un mellor resultado, como se pode ver neste mapa, o que lle permitiu ser a segunda forza máis votada na cidade. O descenso do PP foi tan forte que en catro seccións censais chegou a baixar do 10% dos votos, converténdose na cuarta forza, por detrás mesmo de Ciudadanos.

A Coruña

Na Coruña a vitoria socialista foi igualmente rotunda, sendo a forza máis votada en case todas as seccións censais, agás boa parte do Ensanche, Riazor e a Cidade Vella, onde se impuxo o PP. O PSdeG-PSOE superou amplamente o 30% na maior parte dos barrios, dende Monte Alto e a Agra do Orzán, ata as Gaiteira, Os Castros e Elviña e só baixou do 20% nalgunhas zonas da Pescadaría, coincidindo cos mellores rexistros de Ciudadanos.

A formación laranxa rozou o 20% nalgúns destes céntricos espazos, o mesmo que nos Rosales, Zalaeta ou San Roque. Mentres, En Común Unidas Podemos tivo o seu mellor resultado en barrios como Novo Mesoiro (onde roldou o 25%), Monte Alto (onde superou o 20%) e Os Mallos ou Os Castros (onde roldou o 20%), aínda que estivo moi loxe dos seus datos de hai tres anos.  Mentres, o PP móvese en amplas zonas da cidade entre o 15% e o 20% e só mantén a súa fortaleza doutros tempos nas rúas máis céntricas.

Lugo

En Lugo a cidade dividiuse dun xeito semellante ao de Compostela: zona rural e centro (a área da muralla) para o PP e o resto dos barrios, as zonas máis poboadas, para o PSdeG-PSOE. En moitas destas áreas residenciais os populares baixan ata case o 20% dos votos, precisamente as zonas nas que máis sobe Ciudadanos, que roza  nelas o 15%.

Compostela

PSdeG-PSOE e PP repartironse o dominio dos distintos barrios e parroquias da capital de Galicia, unha das cidadas nas que o resultado de ambas as dúas forzas estivo máis igualado. Os populares foron a forza máis votada nas zonas rurais e tamén no Ensanche, mentres que os socialistas impuxéronse en barrios como As Fontiñas, Conxo ou Vite.

Ourense

O PSdeG-PSOE foi o partido máis votado en case toda a cidade de Ourense, agás algunhas rúas do centro e algunhas zonas periféricas, nas que se impuxo o PP. Os populares sufriron unha derrota histórica motivada polo ascenso dos socialistas, pero tamén polo bo comportamento de Ciudadanos nalgúns barrios, ao igual que noutros lugares da provincia.

Pontevedra

Dominio igualmente do PSdeG-PSOE en case toda a cidade de Pontevedra, agás algunha das súas rúas máis céntricas e algún barrio periférico, únicas vitorias do PP. Os populares mesmo chegaron a ser superados por En Común en varios barrios, sobre todo no norte da cidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.