O PSdeG gaña nas sete cidades, cunha caída histórica do PP

O PSdeG-PSOE dominou nas zonas urbanas, con dez puntos de vantaxe sobre o PP CC-BY-SA EC

O PSdeG-PSOE asentou a súa vitoria electoral en Galicia nas cidades e nas zonas urbanas. Os socialistas foron a forza máis votada en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra e Ferrol, cunha ampla vitoria fronte ao Partido Popular, que cae máis de dez puntos nas sete urbes, cun resultado que se sitúa entre o 20% e 25% en todas elas. En Vigo mesmo se converte na terceira forza, por detrás de En Común Unidas Podemos, que rolda o 15-20% nas cidades do Eixo Atlántico e o 12% en Lugo e Ourense

Ciudadanos sobe nas sete cidades, situándose en cuarta posición en todas elas, agás Ourense e Lugo, onde é a terceira forza, por diante de En Común. Finalmente VOX rolda o 5 ou 6 por cento en todas as urbes, superando por pouco ao BNG, que duplica os seus baixos datos de 2016. Pacma e En Marea superan por pouco o 1% na Galicia urbana.

Vigo

Na cidade máis poboada de Galicia os socialistas roldan o 36% (24% en 2016), duplicando ao PP, que fica no 18% e cae 13 puntos. En Común é a segunda forza cun 21%, pero perdendo nove puntos con respecto ao resultado de En Marea como coalición nas últimas eleccións. Ciudadanos acada o 11%, medrando dous puntos. Vox finalmente ficou por debaixo do 5% e o BNG duplicou o seu resultado de 2016, cun 4%. 

A Coruña

Na cidade herculina o PSdeG-PSOE acada o 33%, cun crecemento de 11 puntos. O PP non pasa do 20%, caendo quince puntos con respecto ao 2016. En Común é a terceira forza, roldando o 17%, cunha perda de nove puntos. Ciudadanos obtén aquí o seu mellor resultado nas cidades galegas, chegando ao 14% e medrando máis de tres puntos. Tamén VOX supera aquí a súa media galega, superando o 6%, superando un BNG que pada do 5%

Ourense

Na cidade das Burgas os socialistas igualan o resultado de Vigo, co 36% dos votos e un crecemento de doce puntos. O PP perde quince puntos e queda por debaixo do 25%. Ciudadanos é a terceira forza, co 14% dos votos e case cinco puntos máis que no 2016. En Común é a cuarta forza, cun 12%, o seu peor resultado entre as sete urbes. Vox rolda o 6% e o BNG rolda o 4%

Lugo

En Lugo os socialistas gañan cun 34%, oito puntos máis que o PP (26%). Ciudadanos é a terceira forza, igualado con En Común, ambos os dous cun 12% dos votos. VOX supera amplamente o 6%, ficando por diante do BNG (4%).

Santiago

En Compostela, os socialistas fican no 29%, con só catro puntos de vantaxe sobre o PP (25%), a menor diferenza entre as sete urbes. En Común acada o 15% e Ciudadanos o 13%. O BNG consegue na capital galega o seu mellor resultado nas cidades (case o 9%), duplicando a VOX (5%)

Pontevedra

En Pontevedra de novo o PSdeG-PSOE se sitúa por riba do 30 por cento (32%), cunha ampla vitoria sobre o PP (23%) e En Común (15%). Ciudadanos chega ao 12% e o BNG fica algo por debaixo do 7%. Aquí VOX é a sexta forza, con algo menos do 6%.

Ferrol

Resultados moi semellantes en Ferrol, co PSdeG-PSOE en primeiro lugar (32%), por diante de PP (23%) e En Común (18%) e Ciudadanos (12%). Vox acada na cidade naval o seu mellor resultado nas cidades galegas, superando o 6% e situándose por diante do BNG (5%)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.