Así votaron nas últimas xerais as cidades galegas, barrio por barrio

Resultados das eleccións xerais de xuño de 2016 en Vigo. Datos por distritos e lista gañadora ©

A Galicia urbana e a Galicia rural teñen dinámicas moi distintas: no demográfico, no lingüístico, e tamén no político e electoral. Así queda demostrado observando os datos das sucesivas eleccións, nas que o PP adoita acadar esmagadoras maiorías nos concellos rurais e triunfos máis axustados -moi lonxe da maioría absoluta- nas cidades e áreas urbanas. Así foi tamén nas eleccións xerais de 2016, nas que a pesar de ser o partido máis votado nas sete cidades, roldou o 40% dos votos e mesmo en Vigo, co 31% só puido superar a En Marea por pouco máis de un milleiro de apoios.

Un factor importante á hora de analizar o voto urbano é sempre o índice de participación. Mentres que nos concellos rurais a abstención non varía demasiado entre unhas e outras eleccións, nas cidades e áreas urbanas si que o fai, cunha participación moi superior nas eleccións xerais e moito máis reducida nas eleccións ao Parlamento galego. A diferenza oscila entre os 4 e os 10 puntos na Coruña, entre os 3 e os 12 puntos en Vigo ou entre os 5 e os 10 en Ferrol, con fendas algo menores nas restantes urbes.

No 2016 a igualdade entre PP e En Marea en Vigo foi tal, que as dúas candidaturas repartíronse as vitorias nos nove distritos electorais case a partes iguais (5 para os populares, 4 para a confluencia). O PP dominou os barrios do centro e tamén as zonas rururbanas de Beade, Zamáns ou Bembrive, mentres que En Marea se facía coa vitoria no resto da cidade, en barrios como Navia, Teis, Coia, Lavadores, Coruxo ou Bouzas. O PSdeG-PSOE, que no conxunto da cidade obtivo un 24% dos sufraxios, foi terceiro en todos os distritos e Ciudadanos acadou un notable 9% dos votos.

Na Coruña a vitoria do PP foi moito máis clara que en Vigo (36% dos votos, por 26,4% de En Marea e 22,4% do PSdeG-PSOE), recuperando os populares unha parte dos votos que perderan en decembro de 2015, uns comicios que gañaran na cidade herculina de forma moi axustada (31,6% fronte ao 31% de En Marea e o 19,6% do PSOE). Cudadanos foi cuarto cun 10,5% dos sufraxios.

Mesmo así, En Marea conseguiu gañar en Monte Alto e tamén no distrito 9, no que se inclúe o barrio de Novo Mesoiro. No resto da cidade, o triunfo popular foi claro, sobre todo na Cidade Vella, Riazor-Rosales, Pescadería e Catro Camiños. A abstención creceu tres puntos entre unha e outra elección.

En Compostela o dominio do PP foi moi superior, cun 39,3% dos votos, fronte ao 24,5% de En Marea e o 20,2% do PSdeG-PSOE, ficando Ciudadanos en cuarto lugar cun 9,5%. Seis meses antes os populares gañaran cun 34,9%, seis puntos máis que a confluencia de esquerdas (28,3%), co PSOE nun 17,7%. O PP gañou de forma clara en todos os distritos electorais. A abstención creceu tres puntos entre 2015 e 2016.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.