As eleccións do 28 de abril renovarán o Congreso e Senado saídos das eleccións xerais de xuño de 2016, unha convocatoria electoral que chegara apenas seis meses despois das de decembro de 2015, que non servira para investir un novo presidente do Goberno. Aquelas eleccións do 26 de xuño de 2016 deixaron un triunfo do PP, que recuperou unha parte dos apoios perdidos, e unha axustada pelexa entre PSOE e Unidos Podemos e as súas confluencias polo segundo posto, que finalmente conservaron os socialistas.
En Galicia, o PP fíxose con 12 deputados (41,49% dos votos) e o PSdeG-PSOE, con 6 escanos, reconquistou a segunda praza (22,25%) ante En Marea, 5 escanos e 22,18% dos votos, por apenas un milleiro de apoios. Ciudadanos (8,63%) e BNG (2,89%) ficaron sen representación.
O dominio do PP en Galicia, malia subir catro puntos con respecto a decembro, non foi tan esmagador como fora anos antes, pero serviulle para ser a forza máis votada en 300 dos 312 concellos. Todos, menos A Illa de Arousa, As Pontes, Negueira de Muñiz, A Capela, Pedrafita, Fornelos de Montes, Parada de Sil, Dumbría, Carballeda de Avia e Calvos de Randín (PSdeG-PSOE) e Cangas do Morrazo e O Grove (En Marea)
Analizando os datos daquelas eleccións obsérvase como o dominio do PP seguiu a ser moi grande nas zonas rurais, mentres nas cidades e áreas urbanas, as distintas forzas de esquerda sumaron a maioría. Con todo, os populares foron o partido máis votado nas sete cidades.
Máis alo do carácter urbano ou rural (aínda que ligado a isto). a idade dos e das votantes pareceu ser o factor determinante para asentar o dominio dunha ou doutra forza política en cada lugar. Se cruzamos a porcentaxe de voto obtida polo PP en xuño do 2016 en cada concello coa idade media desa localidade, advírtese unha relación directamente proporcional moi clara: a máis idade media, máis votos para os populares.
De feito, se realizamos a mesma análise coa porcentaxe obtida por En Marea en cada concello, obsérvase a relación contraria: canto menor é a media de idade dun concello, mellor foi o resultado desta formación. Ao repetir a operación co PSdeG-PSOE, a relación é menos clara, aínda si se observa unha certa relación, pola que ao aumentar a idade media a porcentaxe de voto tamén crece. Con todo, no caso dos socialistas, a porcentaxe de apoios entre unha e outra localidade non varía tanto.