Malia esgrimiren motivos locais contra os gobernos que encabezaban Compromiso e o BNG, a redacción coa que os populares fundamentaron oficialmente a censura en Ribeira é practicamente igual á presentada oito meses antes en Outes
A finais do pasado febreiro o PP obtiña a alcaldía de Outes grazas a unha moción de censura presentada canda un tránsfuga do PSdeG que días antes abandonara o goberno municipal e que por este motivo foi expulsado do partido. A vila gobernábaa Compromiso por Outes (4 edís) canda o BNG (2) e o despois ex-socialista, que desequilibrou a balanza a prol dun PP que perdera o bastón de mando en 2019.
Os populares comezaban así a acelerar nunha carreira de mocións de censura que, alimentada pola nova doutrina do Tribunal Constitucional sobre o voto dos tránsfugas e coa ollada na futura composición das deputacións, fixo parada en poucos meses en Viveiro, Carral, Fisterra, Forcarei ou Touro. A última ata agora foi unha das máis soadas, en Ribeira, da man de tres dos cinco edís do Partido Barbanza Independiente (PBBI), xurdido dunha escisión do propio PP.
Como nas anteriores, os conservadores ribeirenses (10 edís) alegaron razóns estritamente locais dirixidas contra quen era alcalde, Luís Pérez Barral (BNG) e o goberno que dende 2023 estaba sustentado nos 5 edís do BNG, outros tantos do PBBI e un do PSdeG. No entanto, a documentación na que sustentaron formalmente a censura na capital do Barbanza tivo unha redacción practicamente idéntica á redactada oito meses antes para Outes, o que nas forzas do antigo goberno alimenta a tese dunha operación dirixida dende a cúpula do PPdeG con independencia das circunstancias concretas do Concello.
Parágrafos idénticos nos que só mudan referencias ao nome da vila, o seu número de habitantes ou as persoas que ocupan os cargos combínanse con outros con pequenas engádegas ou expresións reformuladas.
A través dun vídeo, o BNG de Outes sinalou as semellanzas nas exposicións de motivos de ambas mocións de censura nos correspondentes plenos de febreiro e outubro deste ano. A revisión dos textos completos rexistrados en ambos consistorios acredita a coincidencia. Parágrafos idénticos nos que só mudan referencias ao nome da vila, o seu número de habitantes ou as persoas que ocupan os cargos combínanse con outros con pequenas engádegas ou expresións reformuladas.
Nos dous casos o apartado dedicado ás "consideracións políticas que motivan" a censura principia indicando que o "proxecto" do PP canda o tránsfuga ex-socialista, nun caso, e cos edís do PBBI, no outro, "engloba á maioría electoral reflectida nas urnas" e indicando que "no actual sistema electoral" a "lei deixa claro que o noso sistema é un sistema de maiorías, contando os grupos asinantes coa maioría necesaria". "Non só contamos coa maioría de concelleiros e concelleiras, senón que contamos coa maioría dos votos emitidos nas anteditas eleccións", sinalan de forma idéntica para despois indicar as cifras de cada caso.
Tras variaren no treito seguinte -en Outes para afirmar que en 2023 o electorado xa desexaba un cambio e en Ribeira, "un proxecto de futuro"-, indican que "a veciñanza non se merece continuar padecendo" ou que "sería inescusable agochar a cabeza e mirar para outra parte". "Parte dos motivos que nos levan a dar este paso, son os seguintes", escribiron nos dous documentos para, a continuación, indicar motivos que en varios treitos son tamén idénticos.
O BNG de Outes pregúntase se "lles escribiron as mocións de censura dende a sede do PP en Santiago". O Bloque ribeirense ve "demostrado" que "non había motivos" alén de "chegar ao poder para os seus intereses"
"O acordo baséase nuns piares programático que todos/as consideramos indispensables para asegurar o desenvolvemento social e económico", sinalaron en Outes e Ribeira. E nas dúas vilas aseguraron que o goberno xurdido da censura ía centrarse aspectos como "no fomento das nosas tradicións, no desenvolvemento rural e na protección social, na igualdade de oportunidades e na transparencia do noso concello".
Á vista destas coincidencias, no BNG de Outes pregúntanse se "o PP fixo un copia e pega coas súas mocións de censura". E cuestionan, asemade, se "llelas escribiron dende a sede do PP en Santiago". En ambos procesos a dirección galega do partido fixo evidente o seu papel coa presenza da secretaria xeral, Paula Prado.
Para o Bloque ribeirense fica "demostrado" que "non había motivos", máis alá de "chegar ao poder para os seus intereses", nunha moción de censura na que o ex-alcalde e agora voceiro do Bloque na oposición viu a Xunta como "artífice fundamental" mediante o bloqueo de diversas iniciativas na localidade como a da nova residencia de maiores, cuxo desbloqueo foi escenificado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, cinco días despois da mudanza no goberno local.