"A Xunta é artífice fundamental da moción de censura en Ribeira"

Luís Pérez Barral, no despacho da alcaldía de Ribeira © Concello de Ribeira

Luís Pérez Barral deixará de ser alcalde de Ribeira este 13 de outubro de 2025, cando tres edís do Partido Barbanza Independiente, formación que en 2023 se uniu ao BNG e ao PSdeG para impulsar un histórico cambio político na principal vila do Barbanza (27.000 habitantes), voten canda ao PP a prol da moción de censura. Tras dous anos e medio na alcaldía, o nacionalista di levar semanas recibindo o "agarimo e boa enerxía" da veciñanza que confluíron, o pasado venres, nun concorrido acto político de apoio en compaña de Ana Pontón. Nos seus últimos días co bastón de mando ribeirense Pérez Barral amósase satisfeito do traballo feito e asegura que non existe motivo "obxectivo" ningún para a ruptura dun goberno que remata, lamenta, a causa de "intereses particulares" alimentados polo PP dende o Goberno galego. Di estar convencido, asemade, de que o Bloque pode regresar á alcaldía tras as eleccións de 2027.

Está vostede a piques de deixar de ser alcalde de Ribeira por unha moción de censura na que o PP capta tres dos que ata agora eran membros do seu propio goberno, do Partido Barbanza Independiente. Alegan "ninguneo", falta de transparencia ou construción dunha “rede clientelar” a prol do BNG. Como interpreta estas críticas?

Responden unicamente a que están moi nerviosos porque fixeron unha enquisa para saber como ían as cousas e o que lles dá é unha baixada tanto ao PP como ao PBBI e unha alza importante ao BNG. Máis alá dese nerviosismo teñen que buscar desculpas debaixo das pedras para explicar á xente algo inexplicable. Porque o que me di a xente estas semanas é non había motivos reais para esta moción de censura e eu manteño que segue habendo intereses partidistas e particulares.

Luís Pérez Barral, anunciando a consecución de 6,5 millóns de fondos da UE o pasado 6 de outubro canda Tania Redondo e Juan Furones (edís do PBBI que se desmarcan da censura), Cruz Rivadulla e Antía Alberte (BNG) © Concello de Ribeira

A que intereses se refire? Vostede vén falando concretamente de "intereses económicos persoais" e tamén de "coaccións", agora apuntadas tamén por unha das ata agora concelleiras do PBBI [Tania Redondo, asinante da censura que abandona o partido e vén de desmarcarse da operación]

"Os propios edís que agora asinan a censura dixéronnos en 2023 que houbera ofertas económicas para non chegar a asinar o acordo de goberno co BNG. Triunfaron agora?"

Refírome a que no propio ano 2023 son os propios concelleiros e concelleiras que hoxe asinan a moción de censura os que nos din que estiveron presionados e que mesmo houbo ofertas económicas enriba da mesa para que o PBBI non chegase a subscribir o acordo de goberno co BNG. Entón eu pregunto: se daquela houbo esas presións por parte do PP, se houbo propostas económicas para evitar ese acordoo, agora triunfaron esas propostas económicas? E cando me refiro ás coaccións, remítome ás palabras da concelleira Tania Redondo, que di que a estiveron presionando para asinar co pretexto de que o seu negocio familiar podería volver ter problemas se non apoiaba o PP. É dicir, están xogando co pan desa familia.

A cuestión da moción de censura formou parte dos ruxerruxes políticos de Ribeira dende hai tempo… Vostede intuíuna ou temeuna dende o comezo do mandato por cuestións como ás que se refire?

Mentres nos dicían que todo ía ben, que non había ningún problema no seo do goberno, ás costas do BNG e mesmo dalgúns concelleiros do PBBI estaban negociando co PP. Para nada estaba en risco o goberno baixo o noso punto de vista porque non había nada que fixese pensar que as cousas ían mal,ao contrario. Mesmo o poersoal do concello nos salientaba o ben que nos levabamos, a boa sintonía. Isto tamén responde a un ultimato que lle pode formular o PP ao PBBI, no sentido de que ou se fai agora ou xa non se fai. 

Estes días tamén se escoitaron e leron comentarios no sentido de que o BNG debeu ser consciente dos riscos de pactar cun partido que non deixa de ser unha escisión do PP de Ribeira…

"A coalición de goberno respondeu ao sentir maioritario da xente e foi boa ata que alguén decidiu rachar coa súa palabra e traizoar o seu electorado e á veciñanza de Ribeira"

Cando nos presentamos ás eleccións municipais en 2023 os tres partidos que formamos a coalición de goberno [BNG, PBBI e PSdeG] tivemos un nexo común: diciamos que había que propiciar un cambio político en Ribeira, que non podiamos deixar gobernar ao PP. Mesmo hai entrevistas ao señor Vicente Mariño [líder do PBBI, ata agora tenente da alcaldía] onde di que non se lle pode deixar gobernar ao PP. Eu non creo que fose unha coalición incoherente; foi unha coalición que respondeu a un sentir maioritario da xente e foi unha boa coalición de goberno ata que alguén unilateralmente decidiu rachar coa súa palabra e traizoar ao seu electorado á veciñanza de Ribeira.

Luís Pérez Barral (BNG), flanqueado por Francisco Suárez-Puerta (PSdeG) e Vicente Mariño (PBBI), á dereita da imaxe, na sinatura do pacto de goberno o 15 de xuño de 2023 CC-BY-NC-SA BNG

Sinala que a coalición de goberno foi boa e dende o BNG veñen afirmando que Ribeira xa non é a mesma polo seu paso polo goberno, que destacaría destes dous anos en canto a resultados?

"Atopamos os caixóns practicamente baleiros e 13 millóns de débeda. Marchamos cun feito histórico: conseguirmos a maior cantidade de fondos europeos nunca vista en Ribeira"

A primeira cousa, o cambio nas formas. Somos un goberno de portas abertas, onde calquera persoa pode falar co alcalde. Fixemos roldas de contactos coa veciñanza das parroquias e cambiamos as prioridades políticas do noso Concello: de priorizar as grandes obras que acababan multiplicando o seu prezo a facelo cos servizos esenciais que que nos demanda a veciñanza. En dous anos e medio puidemos investir no noso rural, nas parroquias, 5 millóns e medio de euros en saneamento, auga potable e pavimentacións. A nivel económico, cando asumimos a alcaldía atopamos os caixóns practicamente baleiros e 13 millóns de débeda. Agora marchamos cun feito histórico, que é conseguir a maior cantidade de fondos europeos nunca vista en Ribeira, 6,5 millóns que recibimos esta semana.

Non cre que ese saneamento económico ao que se refire e mesmo os proxectos que poidan financiar eses fondos europeos poderán ser rendibilizados dende o goberno polo PP?

Eu creo que a xente se dá conta de quen soubo estar traballando de maneira honesta e humilde e os proxectos que deixamos encarreirados van na liña do que falabamos antes de presentarnos ás eleccións, da dotación de servizos básicos. E os fondos europeos van permitir revitalizar o barrio orixinario da nosa cidade, poñendo a industria de Cerqueira como un patrimonio industrial que se vai recuperar para o pobo; a xente vai ver que ese é un proxecto pensado por este goberno. Non sei se lle acabará tendo rendemento ao PP en 2027, a xente decidirá que modelo de vila quere porque agora si pode contrastar. 

Nestas semanas estase a falar dun papel relevante da Xunta na moción de censura en Ribeira e tamén noutras. Atoparon atrancos no Goberno galego relacionados coa cor política do Concello nestes dous anos e medio?

"Rompen unilateralmente e sen motivos obxectivos, por iso tiveron que crealos dende a Xunta, poñendo problemas con Portos de Galicia, impedindo a construción da residencia ou negando o financiamento ao polígono industrial"

Si, sen dúbida. A xunta é unha artífice fundamental para levar adiante esta moción de censura e vou poñer tres exemplos que todo Ribeira e toda a comarca vai ver. O primeiro é a residencia pública de maiores: cando estabamos na oposición, o BNG presentaba unha iniciativa para que Ribeira tivese esa residencia pública nun lugar concreto, aprobouna toda a corporación e o PP colleuna para si como unha idea moi boa. Mesmo chega a presentala xunto coa conselleira Fabiola García coma o quilómetro cero do novo modelo de residencias. Faltaba un único papel para empezar a construíla e deciden, sen ningún criterio técnico, que o terreo non era válido porque se podía inundar unha vez en cando menos 500 anos. Aí vese moi claramente que o que non se quere é facer unha residencia porque hai un goberno diferente ao PP.  En todo caso, eu seguirei traballando para que Ribeira teña esa residencia

Luís Pérez Barral, con Ana Pontón no acto do BNG contra a moción de censura en Ribeira, o pasado venres CC-BY-NC-SA BNG

A segunda cousa comenta o propio señor Vicente Mariño que propicia a moción de censeura. Portos de Galicia: Ribeira leva máis de 40 anos facendo as festas no mesmo sitio sen ningún problema e a nós, uns días máis tarde de tomar posesión no goberno o 7 de xullo de 2023, chégannos os primeiros requirimentos dicindo que as festas de Ribeira non se poden celebrar no mesmo sitio. Coa presión que fixemos, o primeiro ano permitíronnolo; o segundo sancionáronnos e este ano querían impedir a celebración; preparamos un proxecto técnico e dicíannos que había zonas vermellas que non se podían ocupar. Pero nunhas horas viñeron de salvadores o señor Mariño e a señora [María] Sampedro [futura alcaldesa tras a moción de censura] dicindo que se podían facer onde antes denegaran o permiso.

E a terceira cousa: a Xunta nega ao Concello de Ribeira a axuda económica para desenvolver o polígono industrial porque non hai goberno do PP. Seguramente nos próximos meses teremos moitos anuncios da Xunta para Ribeira e a xente tamén ten que preguntarse se é ético que o PP use os fondos da Xunta para repartilos de maneira clientelar.

Cren posible regresar á alcaldía en 2027?

Si, porque a xente viu un cambio de modelo de cidade e nas formas e sobre todo, algo moi importante: que cando hai un problema, teñen un alcalde e un goberno ao seu lado e non é o seu inimigo. Pode verse cando hai loitas pola sanidade pública e polo ensino, estando ao lado dos pais e nais que piden profesorado, coas persoas maiores que piden médico e non na súa contra, como estaba o goberno anterior. 

Como valora que a secretaria xeral do PPdeG cualificase de "choromicada" a actitude do BNG tras o acto no que o pasado venres rexeitaron a moción de censura?

Directamente como lamentable. Ninguéne di que a moción de censura sexa un mecanismo ilegal. É válida e legal para cambiar un goberno. O que estamos criticando é que se rompe a palabra dada á veciñanza de Ribeira dicindo que o PP non pode volver gobernar. Rompen unilateralmente e sen motivos obxectivos, por iso tiveron que crealos dende a Xunta, poñendo problemas con Portos, impedindo a construción da residencia ou negando o financiamento ao polígono industrial. Constrúen unha realidade e a xente demostra que non a acepta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.