A última vez que o Concello de Ribeira tivo un alcalde que non fose dun partido da dereita, Manuel Fraga aínda non fora nunca candidato á presidencia da Xunta, na que faltaban poucos meses para que o popular Gerardo Fernández Albor perdese a presidencia fronte ao tripartito encabezado polo socialista Fernando González Laxe. Felipe González levaba menos de cinco anos á fronte do Goberno de España e faltaban catro anos para a caída da Unión Soviética. Nin sequera chegara José Luis Baltar á presidencia da Deputación de Ourense.
Na principal vila da Barbanza, de algo menos 27.000 habitantes, un alcalde do PP (daquela, aínda Alianza Popular) ergueu o bastón de mando en 1987. Era Ricardo Pérez Queiruga, que catro anos despois deixou paso, xa baixo as siglas do Partido Popular, ao histórico José Luis Torres Colomer, quen encadeou absolutas en 1995, 1999, 2003 e 2007. En 2011 o resultado tamén foi de maioría absoluta para o PP, pero xa sen Torres, remudado por Manuel Ruiz Rivas, na altura voceiro popular no Parlamento.
A saída de Torres non foi pacífica, aínda que na altura fose presentada como unha retirada por motivos persoais. Catro anos despois, en 2015, as convulsións na dereita ribeirense que xa comezaran a agromar durante o mandato anterior aumentaron ata cristalizar, en 2019, na creación do Partido Barbanza Independiente (PBBI), alentado ás claras por Torres e cun antigo edil do equipo de Ruiz Rivas, Vicente Mariño, como cabeza de lista e candidato á alcaldía. O PBBI é un dos tres pés do histórico acordo rubricado este 15 de xuño e que converterá en novo alcalde ao cabeza de lista do BNG, Luís Pérez Barral.
O PP tentou ata última hora reter un dos seus concellos históricos enviando ao Senado ao ata agora alcalde, Manuel Ruiz Rivas, para procurar evitar que o PBBI se sumase ao pacto que dará a alcaldía a Luís Pérez Barral, do BNG
Tras unha campaña na que apostou ás claras pola fin do mandato de Ruiz Rivas, o PBBI perdeu dous edís, pasando de 7 a 5, mentres o PP ascendeu de 9 a 10, un por baixo da maioría absoluta. Pero o BNG logrou 5, tres máis dos que tiña, e acadou a segunda posición en votos (22,40%, por tras do 38,90% do PP e por diante do 20,98% do PBBI). Xunto co concelleiro que retén o PSdeG (-1), as tres formacións veñen de asinar un inédito pacto tripartito que porá fin ás case catro décadas dos populares.
O PP tentou ata última hora evitar perder un dos seus concellos históricos mediante a inclusión de Ruiz Rivas nas listas ao Senado para as vindeiras eleccións xerais, abrindo así a porta a situar outro edil na alcaldía. Pero o PBBI non se moveu e este xoves o futuro alcalde do Bloque, Pérez Barral asinou o acordo de goberno xunto a Mariño (PBBI) e o socialista Francisco Suárez-Puerta.
As tres formacións indican no eu acordo que o electorado expresou o 28M "a súa vontade para un cambio de goberno", toda vez que "a suma destas forzas políticas representa máis do 50% do electorado de Ribeira". "Manifestamos a nosa vontade de colaboración honesta, leal, transparente e comprometida co interese xeral", din, para conformar un goberno "estable" no que o Bloque ostentará a alcaldía e, ademais, as áreas de Urbanismo, Persoal, Seguridade Cidadá, Mobilidade e Normalización Lingüística; Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal; Infraestruturas e Obras, Deportes, Transparencia e Participación Veciñal; Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás Parroquia e mais Promoción Económica, Emprego e Consumo.
O pacto asinado inclúe o reparto de concellerías, as "liñas de traballo" e cláusulas de "estabilidade" dun goberno que terá que agardar un chisco máis do esperado, porque a xestión dun recurso electoral atrasa a constitución das corporacións de todo o partido xudicial de Noia ao 7 de xullo
O PBBI, pola súa banda, terá baixo a súa competencia as áreas de Servizos Sociais e Mercados, Economía e Facenda, Medio Rural e Servizos Municipais, Sanidade e Mar. O concelleiro do PSdeG, pola súa banda, xestionará Turismo, Festexos, Relacións Institucionais e Novas Tecnoloxías.
No documento asinado por BNG, PBBI e PSdeG figura antes do reparto de áreas o bosquexo das "liñas de traballo" do novo goberno, que van dende a elaboración de orzamentos ata o fomento do emprego, estudar as municipalizacións de servizos municipais que finalizan contrato ou o compromiso coa lingua galega.
En clave interna, os socios comprométense a facer seguimento do pacto de goberno con reunións semanais, á toma de decisións "leais" cando atinxan a varias concellerías e tamén "non apoiar mocións de censura nin propostas de reprobación a ningún membro do goberno". "Estas iniciativas -indican- serán estudadas previamente" nun contexto no que "non se exercerán prácticas que poñan en risco a estabilidade do goberno".
Estes son os piares dun pacto que o vindeiro alcalde ribeirense eleva á categoría de "histórico" pero que terá que agardar para concretarse un chisco máis do agardado. Os prazos na xestión dun recurso do PSdeG contra o reconto en todo o partido xudicial de Noia -para o cómputo de deputados provinciais- provocan que a corporación de Ribeira, igual que as do resto da comarca, non se constitúa este sábado, 17 de xuño, senón no día fixado para os concellos os que afectan situacións coma estas, o 7 de xullo.