O Concello de Ribeira acepta, despois de catro décadas, o topónimo legal da localidade

O Concello de Ribeira está modificar con corazóns as instalacións coas que promociona a localidade © BNG Ribeira

O topónimo oficial (e o único legal) do Concello de Ribeira escríbese con b. Así o fixa o Decreto 189/2003 da Xunta, que aprobou o nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña. E a propia Lei de Normalización Lingüística, que subliña que corresponde á Xunta a determinación dos nomes oficiais dos concellos e demais topónimos. Porén, dende os anos oitenta, o Goberno municipal da localidade teimaba en escribilo con v (Riveira), rexeitando as conclusións da Comisión de Toponimia da Xunta ou da Real Academia Galega e incumprindo a Lei de Normalización.

Este martes a RAG presentou en Ribeira un informe que reafirmou a información e os argumentos que o Concello levaba décadas ignorando

Este martes, despois de case catro décadas, o Goberno local aceptou oficialmente a forma legal do topónimo. Fíxoo nun acto realizado no Concello, coa participación do alcalde, Manuel Ruiz (PP), de representantes de todos os grupos políticos municipais, do presidente de la Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do director da Comisión de Onomástica e Toponimia da RAG, Antón Santamarina.

Alí a RAG presentou un informe que reafirmou a información e os argumentos que o Concello levaba décadas ignorando. A primeira mención escrita a Ribeira data de 1378 e non foi ata o século XVII que aparecen as primeiras referencias a unha Riveira con v, no marco xa do proceso de castelanización de Galicia. En calquera caso, ademais, o topónimo fai referencia directa a unha "franxa de terra que está ao lado dun río ou do mar", palabra que en galego se escribe con b e que procede do latín riparia.

O alcalde de Ribeira aceptou este martes a denominación oficial do concello, coa presenza de representantes da Xunta e da RAG © BNG Ribeira

Dende 1983 o Goberno local rexeitou as recomendacións realizadas tanto pola Xunta, pola Real Academia Galega ou polo Valedor do Pobo

Xa dende os anos 80 o Concello tentou xustificar a súa defensa do topónimo deturpado con informes como o realizado polo cronista oficial da vila en 1984, no que defendía que o topónimo tiña a súa orixe no apelido dunha suposta familia Mariño de Rivera á quen o rei de Castela dera carta de poboamento no século XII. A realidade é que non hai probas da existencia desta familia nin desa carta de poboamento e que, ademais, o Reino de Castela non foi creado ata o século XIII. Foi nese momento, tamén, cando se aprobou un acordo plenario defendendo o uso do topónimo deturpado.

Nos anos seguintes o Goberno local, en mans do Partido Popular dende 1987, rexeitou as recomendacións realizadas tanto pola Xunta, pola Real Academia Galega ou polo Valedor do Pobo en varias ocasións. No ano 2012 o Valedor arquivara o caso co argumento de que o Concello pensaba reclamar que a lei que incumpría fose cambiada. No 2016 a Oficina do Valedor do Pobo volveu dirixirse ao Goberno local, lembrándolle "o incumprimento do marco legal".

Nos últimos meses o Concello empezara a facer desaparecer o v do topónimo. Fíxoo a través do uso dunha nova imaxe na que  'v' que adoitaba empregar era substituído por un ambiguo corazón

O Concello de Ribeira pasou a defender nos últimos anos o uso de Riveira como “marca distintiva, unha marca que gaña en excelencia turística, industrial, da sociedade do desenvolvemento, aínda que non recollida como topónimo na lexislación actual”. Un argumento que tamén foi rexeitada pola Valedora, que lembrou a obriga de "aplicar a lexislación vixente".

O pasado mes de outubro o pleno municipal ribeirense estivo a piques de aprobar unha moción do PSdeG en favor do topónimo legal, que contaba en principio cos apoios de BNG, Suma Ribeira e do PBBI, que superaban os votos do PP. Porén, no último momento un dos edís do PBBI votou a favor do topónimo con v, mantendo a forma de Riveira.

O Concello foi progresivamente mudando o 'v' que adoitaba empregar por un ambiguo corazón que se achega por igual a un 'b' ou a un 'v' © Concello de Ribeira

O BNG acusou o alcalde de "malgastar os cartos do Concello en poñer corazóns e incumprir leis"

Nos últimos meses o Concello empezara a facer desaparecer o v do topónimo. Fíxoo a través do uso dunha nova imaxe na que  'v' que adoitaba empregar era substituído por un ambiguo corazón que se achega por igual a un 'b' ou a un 'v'. Fíxoo tamén coa colocacións de corazóns nas grandes letras que promocionan a localidade en varios lugares do termo municipal.

O BNG acusou o alcalde de "malgastar os cartos do Concello en poñer corazóns e incumprir leis". O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, anunciou que a súa formación ía esixir por escrito "o custo da instalación dos corazóns e as horas que perdeu a brigada de obras municipal para instalalos". Vázquez Cobas sinalou que "a brigada de obras debería estar mantendo as beirarrúas, os parques ou o mobiliario urbano como bancos e papeleiras en vez de estar perdendo o tempo en poñer corazóns que Ruiz teima en diseminar polo municipio".

"Tras anos de disputa e de rebeldía por parte dos gobernos da dereita, o topónimo de Ribeira volverá á súa forma orixinal e lexítima", destaca o BNG

O BNG celebrou este martes o "día histórico" no que finalmente o Concello de Ribeira acepta a denominación oficial da localidade. "Tras anos de disputa e de rebeldía por parte dos gobernos da dereita, o topónimo de Ribeira volverá á súa forma orixinal e lexítima", indica a formación, que conclúe que “isto é un logro da razón fronte os caprichos irracionais duns poucos”. “É un día de alegría porque desde hoxe é para sempre, Ribeira será con be”, engade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.