O colexio Virxe do Rocío, en Coia (Vigo), inaugurouse no ano 1943. A comunidade educativa do centro, que este ano celebrou o seu 75 aniversario, vén reclamando dende hai un tempo un cambio na súa denominación, co obxectivo de recuperar o topónimo orixinal do lugar no que se asenta, O Resío, modificado nalgún momento por El Rocío para finalmente adoptar a forma de CEIP Virxe do Rocío para o colexio.
O nome orixinal do lugar do 'Resío' foi cambiado por 'Rocío' e de aí a parroquia pasou chamarse 'Nuestra Señora del Rocío'
O Equipo de Normalización Lingüística reclámalle ao Concello que mude o seu nome e que recupere o topónimo para todo o barrio. O obxectivo é non só respectar a denominación tradicional, senón tamén eliminar as connotacións relixiosas do actual. A finais do curso 2016-17 aprobouse no claustro a mudanza do nome do centro, pasando a chamarse, por decisión maioritaria do profesorado, “CEIP do Resío”. Porén, esta mudanza non se puido facer aínda efectiva polo feito de non se levar a pleno para a súa aprobación por parte do equipo de Goberno do Concello de Vigo.
A petición apóiase nos traballos realizados por Ivan Sestay Martínez (Toponimia do Val do Fragoso) ou por Gonzalo Navaza e lembran que a forma rocío non existe en galego e si resío, con dous significados: por una banda a relativa a un terreo sobrante, que fica fóra dun muro que delimita unha propiedade e que procede do latín residuu (residuo, o que se deixa fóra). E por outra, a relativa ao orballo, rosada ou condensación atmosférica producida durante as noites.
No curso 2016-17 aprobouse no claustro a mudanza do nome do centro, pasando a chamarse, por decisión maioritaria do profesorado, “CEIP do Resío”. Pero debe ser aprobado polo Concello de Vigo
Iván Sestay explica na súa obra que "o Resío é un barrio (aldea) que se corresponde máis ou menos coa actualmente chamada rúa do Resío (na placa rúa do Rocío). Recentemente independizouse eclesiasticamente de Coia e aos curas non se lles ocorreu outra cousa que chamarlle oficialmente parroquia de Nuestra Señora del Rocío, como se o secular nome do Resío fose unha mala pronuncia dese nome da Virxe". "Desde hai xa máis de cen anos o nome deste barrio aparece sempre escrito como Rocío, sen dúbida por unha mala interpretación que fixo pensar que Resío é unha bárbara deformación popular de Rocío. Non hai nada diso, os paisanos din ben", engade.
O equipo deu mesmo con fontes documentais dos anos 50 do pasado século, nas que (a pesar de estaren escritas en castelán) se empregan os topónimos O Resío ou O Rosío para o barrio. O investigador da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza defende igualmente que estas dúas formas son as válidas para este lugar e que se relacionan coas existentes en Portugal, por exemplo na lisboeta Praça do Rossio.
Hai tres anos, ademais, alumnado do centro realizou un proxecto de Investigación titulado “A toponimia do noso barrio”, no que entrevistaron a veciños e veciñas de distintas xeracións. Os resultados amosaron que canto maior era a idade das persoas enquisadas, maior presenza había do termo O Resío.
O equipo de normalización lingüística destaca que "a mudanza de nome do noso centro é un pequeno paso para a nosa lingua, na reconquista de espazos dos que o galego fora excluído durante séculos"
Curiosamente, este caso concreto de substitución foi elixido polos Bolechas na súa historia “Os Bolechas queren saber a orixe dos nomes dos lugares”. Alí lamentan a substitución da denominación Resío por Rocío e mesmo a adopción posterior de tradicións coma a procesión dedicada á virxe de igual nome e moi venerada en Andalucía.
Dende o equipo de normalización lingüística destácase que "a mudanza de nome do noso centro é un pequeno paso para a nosa lingua, na reconquista de espazos dos que o galego fora excluído durante séculos", mais "un paso necesario para eliminar connotacións relixiosas o nome dun centro educativo público", para "depurar e restaurar un topónimo acastrapado" e para "superar o auto odio que aínda pervive nas persoas que pensan que mudar “Rocío” por “Resío” é un acto de hipergaleguismo ou nacionalismo".