A Coia rural emerxe a través dos seis lavadoiros tradicionais que aínda conserva

Lavadoiro de Espedrigada (Coia) © Alicerces

A asociación Espazo Alicerces vén de publicar un estudo sobre os seis lavadoiros tradicionais que se conservan no barrio vigués de Coia: San Gregorio, Fonte de Barros, Figueirido, Espedrigada, Esturáns e Barxiela. Servizos públicos esenciais durante décadas, espazos de traballo (sobre todo feminino) e puntos de reunión que pouco a pouco foron perdendo usos e usuarios, sendo ademais rodeados por novas construcións e por unha cidade que crecía e avanzaba. Coia pasou rapidamente de aldea a barrio e moitos lavadoiros desapareceron. Os que se conservan son testemuños vivos do que foi a Coia tradicional, un territorio cunha forte compoñente rural a pesar da súa actual densidade urbana, un fenómeno relativamente recente. Ata os anos sesenta o actual populoso barrio, con ao redor de 30 mil habitantes, era unha parroquia de poboación dispersa.

Lavadoiro de San Gregorio

 

No estudo, Espazo Alicerces fai un percorrido por esta media ducia de construcións sobreviventes, "algunha delas esquecidas, outras rodeados de construcións contemporáneas que desfiguran a súa aparencia orixinal, e outras que seguen cumprindo a súa función, aínda que de maneira testemuñal". Deste xeito, temos o lavadoiro da Barxiela que aínda é utilizado tanto para lavar roupa como punto de abastecemento de auga potable, e a escasos 100 metros atopamos o de Esturáns, totalmente abandonado e esquecido. O estudo recolle unha descrición física de todos eles e da súa contorna, así coma unha valoración do seu estado de conservación e usos. Tamén unha breve referencia histórica, sinalando que catro deles xa constaban en documentos municipais de 1924, coma o Inventario de Fuentes realizado ese mesmo ano por encargo do Concello.

Lavadoiro de Fonte de Barros

 

"Se desmontamos as diferentes capas que conforman o que actualmente é o barrio vigués de Coia, baixo a última capa -constituída polo tecido urbano xurdido dos anos 70- aínda albiscamos retrincos do que foi a Coia tradicional", destacan. De igual xeito, o investigador Eduardo Rodríguez salientaba hai tres anos en conversa con Praza -ao fío dunha charla que ía ofrecer na Biblioteca Neira Vilas da cidade- que "ao pasear polo noso barrio ateigado de rúas e altos edificios resulta moi difícil imaxinar que ata hai unhas décadas era unha das tantas parroquias rurais do Val do Fragoso".

Lavadoiros de Esturáns e Figueirido

 

"Pensamos que a recuperación do patrimonio cultural nas nosas cidades vai moito máis alá da concepción física e material do concepto. Non se trata só de conservar 'materialidades', senón tamén de preservar significados e símbolos. Calquera sociedade necesita un símbolo recoñecible na súa paisaxe, xa sexa unha mámoa para as sociedades neolíticas, unha igrexa para as rurais tradicionais, ou un centro comercial para as contemporáneas de cariz consumista. A arquitectura popular non é unha excepción", din. "No caso dos lavadoiros, a nosa visión ten que ir máis alá da importancia funcional que tiveron ata ben entrado o século XX, onde as lavadoras eran máquinas de luxo que poucas familias podían ter", explican.

Lavadoiro da Barxiela

 

O estudo subliña que "nunha sociedade cuxas relacións estaban segregadas en razón do xénero -o rol do home no exterior da casa, na fábrica ou na taberna, dono dos espazos de poder, mentres que o papel da muller ficaba no interior do fogar, responsable dos coidados da familia-, o lavadoiro convertíase no espazo de encontro da muller. Deste xeito, a percepción conceptual e simbólica sería moi diferente para as mulleres". Unha reflexión semellante facía Encarna Otero sobre os lavadoiros do barrio de Galeras e Carme de Abaixo, en Compostela: "Os espazos de traballo das mulleres eran espazos de liberdade"

"A actual apreciación do espazo como territorio cunha compoñente netamente economicista, unida a nosa priorización do tempo sobre o espazo, xera unha carencia de referentes simbólicos e significativos no noso día a día. Recuperar o sentido histórico dos espazos sociais comporta recuperar vínculos co ambiente de vida cotiá e facer significativo o espazo como algo máis que o territorio de produción e reprodución social, permitindo unha relación co noso entorno máis orgánica e humana", destacan dende Alicerces.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.