Dende o ano 2017 o Galician Freaky Film Festival trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero
O Galician Freaky Film Festival vai celebrar a súa novena edición entre o 19 e o 27 de setembro no C.C. Plaza Elíptica de Vigo. Nesta ocasión centra a súa programación nos mad doctors, os "científicos tolos" máis lendarios do cinema, coa proxección de catro filmes de culto: The Rocky Horror Picture Show, Young Frankenstein, Bride of Re-Animator e X: The Man with the X-Ray Eyes.
Dende o ano 2017 o Galician Freaky Film Festival trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Destacan ademais as sías actividades paralelas. Unha das grandes novidades deste ano é a Galician Freak Zombi Walk, unha marcha de mortos viventes que percorrerá o centro de Vigo e que aspira a reunir "o maior número de zombis que a cidade vise xamais". O museo MARCO será o punto de partida desta singular procesión.

Young Frankenstein, Bride of Re-Animator, X: The Man with the X-Ray Eyes e The Rocky Horror Picture Show encabezan unha programación dedicada ao arquetipo do “Mad Doctor”
O GFFF tamén segue apostando polas novas linguaxes e a participación cidadá coa súa xa consolidado concurso de cómic, que alcanza a súa terceira edición. Este certame de ámbito nacional xira ao redor dun novo personaxe: o Doutor Vigo, un científico tan exasperado como entrañable que revolucionará a cidade olívica cos seus tolos experimentos. O concurso contará cun gran premio de 300 euros, dous premios finalistas, cada un cunha dotación de 150 euros, así como dous accésits que contarán cun pack de produtos cortesía de Norma Editorial. Estes premios serán outorgados por un xurado profesional formado polos autores Carlos Portela, Xulia Pisón e Víctor Rivas.
Nesta novena edición tamén destaca a ampliación do seu festival paralelo, o Pequefreak, destinado ás familias e aos freaks máis pequenos da casa. O Pequefreak terá lugar os días 20 e 21 de setembro na Praza Elíptica, con actividades paralelas na sala Apostrophe e proxeccións nos cinemas Tamberlick.
Nesta novena edición tamén destaca a ampliación do seu festival paralelo, o Pequefreak, destinado ás familias e aos freaks máis pequenos da casa
A sesión inaugural, o venres 19 de setembro, virá marcada por unha dobre sesión que conxugará comedia e gore coa proxección de dúas xoias de cine freak. O GFFF celebra o 50º aniversario de Young Frankenstein (estreada en España como El jovencito Fankenstein), obra mestra de Mel Brooks que parodia os clásicos do terror, e os 35 anos de Bride of Re-Animator (La novia de Re-Animator), secuela de culto da icónica Re-Animator, onde os límites da ciencia e da moral explotan en carne e vísceras a mans do inesquecible doutor Herbert West.
O domingo 21, o público terá a oportunidade de gozar da proxección de X: The Man with the X-Ray Eyes (El hombre con rayos X en los ojos), filme do que celebra o 60º aniversario e que simboliza a fusión entre ciencia ficción e crítica social con baixo orzamento e imaxinación desbordante. A sesión servirá para render homenaxe ao seu director, Roger Corman, falecido en 2024 e unha das figuras máis influíntes do cinema independente e de serie B.
O GFFF aposta polo seu consolidado concurso de cómic, que alcanza a súa terceira edición
A clausura do festival, o sábado 27, será unha gran festa freak coa proxección de The Rocky Horror Picture Show, que tamén celebra o seu 50 aniversario. O provocador musical, que protagoniza o cartel, servirá como broche de ouro logo da entrega de premios da novena edición. A proxección contará coas habituais sorpresas escénicas e co ambiente desinhibido que o GFFF leva anos alimentando.
A clausura do festival, o sábado 27, será unha gran festa freak coa proxección de The Rocky Horror Picture Show, que celebra o seu 50 aniversario
O festival puxo xa á venda as entradas para as catro longametraxes protagonistas desta edición. Tamén están xa dispoñibles os abonos VIF (Very Important Freak) que dan acceso a todas as proxeccións do festival, así como ao GFFF online.
Programación
- Young Frankestein, Mel Brooks, 1974 - Venres, 19 de setembro, ás 19:00 h (VOSE)
- Bride of Re-Animator, Brian Yuzna, 1990 - Venres, 19 de setembro, ás 22:30 h (VOSE)
- X: The Man with the X-Ray Eyes, Roger Corman, 1965 - Domingo, 21 de setembro, ás 21:00 h (VOSE)
- The Rocky Horror Picture Show, Jim Sharman, 1975 - Sábado, 27 de setembro ás 21:00 h