"Moitos mozos de contornas urbanas que eran castelán falantes achegáronse ao galego grazas ao Xabarín"

Antón Rubal, actor e director de dobraxe. © Cedida

A voz de Antón Rubal Pernas forma parte da infancia de moitos aínda que non o saiban. "O Xabarín Club foi un fenómeno que marcou unha xeración ou dúas", asegura 

Desde o Pitufo Lambón ata Son Goku (adulto), pasando polo señor Sheffield de A Nanny. A voz de Antón Rubal Pernas (O Valadouro, 1964) forma parte da infancia de moitos aínda que non o saiban. Como director de dobraxe, Rubal é o responsable da versión galega de Pulp Fiction, Apocalipse Now, Heidi, Marco ou As Normas da Casa da Sidra. 

En activo desde 1985, forma parte dunha xeración de actores e tradutores que contribuíu á normalización e difusión da lingua galega nos 90 guiados polo éxito das producións que se emitían no Xabarín. A próxima semana vai participar nunha mesa redonda par abordar este fenómeno de hai xa tres décadas dentro do Galician Freaky Festival Film que se celebra en Vigo.

O próximo venres falará sobre a dobraxe de debuxos en galego e o seu efecto normalizador da lingua nos anos 90. O galego ten moito que agradecerlle a Son Goku e ao Xabarín Club, non é?

Desde logo foi un fenómeno que marcou unha xeración ou dúas. Aínda hoxe me atopo con adultos que lembran con moito agarimo a súa época de rapaces, cando ir ver o Xabarín era case unha relixión. Estou moi orgulloso porque o Xabarín era en galego e moitos deles incorporáronse ao idioma vendo ao Xabarín. Naquela época moitos mozos de contornas urbanas que eran castelán falantes achegáronse ao galego grazas ao Xabarín.

Dúas mozas reivindican a 'Iniciativa Xabarín' CC-BY-NC-SA Galiza Nova

"Shin Chan marcou moitísimo a rapazada. Convertérono nun neno galego con moita retranca e cun humor moi noso"

Os contidos eran de calidade.

Si, o crecemento exponencial foi polas series de primeiro nivel que se estreaban na canle e arrastraban moitos espectadores.

Mais decidiron retiralo.

Non ten sentido ningún o que fixeron co Xabarín. Tiralo pola borda porque si e pasalo á segunda canle como un caixón de xastre onde vas metendo de todo e facendo reposicións máis que estreas. Non o coidaron como cumpría.

No Xabarín estaba Son Goku, que marcou toda unha xeración, e logo tamén exemplos como Shin Chan, no que tamén participou e que foi todo un éxito.

Shin Chan marcou moitísimo a rapazada. Creo que tivemos a fortuna de que se lle deu unha volta moi boa. Pasouse dun personaxe nacido e ideado en Xapón pero se lle deu unha volta e case se converteu nun personaxe galego. Déuselle unha retranca, unha forma de falar e uns guións moi ben traducidos e moi ben adaptados, cunha interpretación excelente da actriz que dobrou a Shin Chan, Ana Lemos. Deulle un toque tan especial xunto cos directores e convertérono nun galego máis. Converteron a Shin Chan nun neno galego con moita retranca e cun humor moi noso.

"O mundo evolucionou nesta marabillosa torre de Babel de miles de idiomas grazas ao esforzo dos tradutores"

Tamén pasou que vimos eses debuxos antes en galego ca en castelán

Afortunadamente iso fai que os espectadores se achegase a eses debuxos en galego, cunha adaptación ben feita nun idioma fermosísimo que temos. Entón a xente colleuna con moito cariño. Eu dobrei un personaxe que se chamaba o señor Sheffield, da serie a Nanny, que emitiu a Televisión de Galicia e logo emitiu esa serie Antena 3 en castelán e a xente dicía que lle gustaba máis a versión en galego, porque non ten a mesma forma de falar e porque a coñeceran primeiro en galego.

Iso era porque o traballo estaba ben feito, pero tamén pola aposta por traducir producións interesantes para o público en galego.

É algo que se fixo durante moito tempo, que se apostou por moi boas producións e con anterioridade. Inda agora mesmo a Televisión de Galicia como membro da FORTA merca un cine boísimo. Nós estamos dobrando un cine de primeiro nivel pero o están a programar de madrugada e non se lle dá a posibilidade á xente de velo, pero a calidade do cine é de primeiro nivel. Estréanse películas moi boas que se compran coa FORTA, a distribuidoras. Desde Puñais polas costas, con Daniel Craig ou a francesa O bo mestre

"Estamos dobrando un cine de primeiro nivel pero o están a programar de madrugada e non se lle dá a posibilidade á xente de velo"

O fenómeno de normalización do galego nos 90 deuse polo gran traballo dos dobradores, pero tamén dos tradutores.

Os tradutores son un piar imprescindible, non só na dobraxe, na literatura e calquera ámbito en que eles teñan que intervir realmente contribúen moitísimo. A sociedade non sería a mesma sen eles. O mundo evolucionou nesta marabillosa torre de Babel de miles de idiomas grazas ao esforzo dos tradutores. Os tradutores do audiovisual, concretamente os de galego, teñen un mérito tremendo. Eles puxeron seu traballo para facernos a todos máis ricos. Ter acceso a eses contidos que se idean, que se crean, que se rodan noutros idiomas e nós podelos ver no noso pois é un luxo. Eles dannos a letra e o sentimento temos que poñelo nós. Eles dannos a letra e nós intentamos poñerlle a música. Nós temos a fortuna de poñer en valor o idioma porque se nos oe falar. Pero o idioma está aí e hai que vivilo, hai que escoitalo e poñer a xente a falalo e a lelo. 

"Haberá que buscar debaixo das pedras. Crear series nosas, comprar series no estranxeiro, comprar series en Xapón. Todas elas vertelas ao noso idioma e achegárllelas aos rapaces"

De quen ten que vir agora a aposta para darlle unha nova onda de normalización ao idioma? Por que os nenos non poden ver Pepa Pig en galego?

Hai que apostar politicamente polo galego como ferramenta de desenvolvemento dos rapaces. Os mozos van vir se ti lles ofreces algo, pero se non lles ofreces nada, vanche dar as costas. Está a Iniciativa Xabarín, que pretendía crear unha canle temática onde os rapaces tivesen a posibilidade de escoller formatos e produtos na súa lingua, que é a nosa. A iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística foi aprobada por todos os partidos no Parlamento hai anos e aí está en punto morto. Entón se temos esa unanimidade de fornecer aos rapaces con produtos que queiran ver hai que crear o camiño. Hai que crear a canle e hai que dar materia nova para que eles a vexan. 

Pero quizais o problema é atopar ese material.

Pois haberá que buscar debaixo das pedras. Crear series nosas, comprar series no estranxeiro, comprar series en Xapón. Todas elas vertelas ao noso idioma e achegárllelas aos rapaces. A día de hoxe estanse facendo cousas, pero non na cantidade necesaria nin se lles dá a difusión que se necesitaría para que os rapaces se achegasen a elas. Realmente a animación axuda moito para aprender un idioma. Elisa Fernández Rei, que é profesora na Facultade de Filoloxía de Santiago, sempre di que cando chega algún neofalante ou xente que se quere incorporar ao noso idioma recomenda que vexan animación dobrada por nós, porque é un espello para eles poderen aprender un galego normativo, testado cun bo uso dos fonemas e da prosodia. Con todo o que abrangue unha lingua como é a nosa, que non é só falala, senón que hai que falala ben.

Agora os tempos son moi diferentes e o público xa non está cativo das catro canles de televisión que había nos 90.  O reto está nas plataformas dixitais?

-Si, e xa se deu un gran paso que foi conseguir a porcentaxe para as linguas cooficiais. Eu estou participando asiduamente en producións para plataformas como Netflix ou Prime. Todas as semanas estréase algunha pero é algo que está pouco publicitado. A Mesa pola Normalización ten unha páxina que se chama Pipocas onde aparece todo o que se pode ver en galego na televisión e nas plataformas. Películas como O Señor dos Aneis, que está colgada en Prime en galego. 

Vimos de asistir ao fito histórico da utilización do galego no Congreso, coa incomprensible oposición de varios grupos políticos. Como viviu este episodio?

É así de triste que aínda hoxe haxa que descubrir que existen linguas oficiais que teñen todos os seus dereitos para formar parte en todos os espazos nos que se manexa unha sociedade como a nosa. Se o galego ten falantes arreo afortunadamente en toda Galicia e pertencemos a un estado que está montado como está, como non imos formar parte da comunicación dese Estado? É algo que non ten sentido. Xa debera ser así de sempre. O raro é que tardaramos tanto. Se o galego é unha lingua oficial dun país, como non se vai a poder usar nos estamentos do país? É algo ilóxico que non estea á libre escolla, aínda que logo sexa de forma testemuñal. Por desgraza é moi tarde, pero o bo é que chegou. 

 

A iniciativa Xabarín reclama unha canle 24 horas en galego. © AMesa

Estes días saía algunha noticia sobre que a Intelixencia Artificial ía acabar cos actores de dobraxe, porque é quen de clonar o timbre e o ton de voz das persoas. 

Eu téñolle bastante medo a iso. As cousas empezan como empezan e acaban como acaban como non se lexisle e se lle poña couto. O tema é eminentemente económico. Eu creo que dentro de nada imos deixar de ser os locutores os que narren documentais e van ser intelixencias artificiais as que o fagan. É máis, tamén a intelixencia artificial pode locutar as noticias. Os actores de dobraxe pode que teñamos data de caducidade coa intelixencia artificial, pero non só os actores de dobraxe. Por desgraza, todo aquilo que teña que ver coa voz e coa información pode estar afectado. A intelixencia artificial pode crear de todo. Dáme moitísimo medo como non se lexisle.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.