A proposición non de lei de iniciativa popular, que necesitaba recoller 2.500 sinaturas de forma física para poder ser presentada e debatida no Parlamento, insta ao Goberno galego a "tomar as medidas precisas" para que a CRTVG aumente a oferta en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística entregou este mércores no Parlamento 33.008 sinaturas de apoio á da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular 'Iniciativa Xabarín', que dende hai meses vén demandando unha mellora da programación infantil e xuvenil en galego. Os apoios foron entregados polo presidente da entidade, Marcos Maceira, que destacou que “a enorme cantidade de sinaturas recollidas a pesar das dificuldades no contexto sociosanitario actual demostra que o problema da lingua galega no audiovisual e outros sectores non é de demanda senón de ausencia de oferta”.
Menos do 5% da programación infantil e xuvenil que se emite polas canles de televisión accesibles no país está en galego, como recolleu hai dous anos un informe elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística. O desequilibrio lingüístico na oferta de contidos non é compensado pola CRTVG, cunha emisión en galego que fica moi por debaixo da que realizan as televisións públicas catalá ou vasca a través de Super3 ou ETB3. Ademais, o galego está ausente na maior parte do resto de canles e plataformas.
A iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística propón unha canle 24 horas de programación infantil e xuvenil, ademais de que as restantes canles e plataformas dirixidas ás crianzas inclúan a opción do idioma galego, dobrado ou subtitulado
A proposición non de lei de iniciativa popular, que necesitaba recoller 2.500 sinaturas de forma física para poder ser presentada e debatida no Parlamento, insta ao Goberno galego a "tomar as medidas precisas" para que a CRTVG aumente a oferta en galego. Proponse a creación dunha canle Xabarín "dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conte ademais con programas e xogos". A Mesa lembra que a televisión pública ten o deber de “contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia de Galiza”.
Tamén se insta ao Goberno galego a adoptar "as medidas e accións precisas" para garantir a opción dobrada e subtitulada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. Así mesmo, reclámase a adopción das medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP - TVG en Galicia e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.
“A situación do galego non é irreversíbel se entre todas e todos traballamos para mudala e iso pasa por garantir a presenza do galego no audiovisual, que cada vez máis ocupa un espazo central no lecer da mocidade”
A Mesa tamén reclama que a nova lei do audiovisual que presentará o Goberno central recolla estas demandas establecendo unha porcentaxe de galego igual a do castelán en todas as emisións orixinais, dobradas ou subtituladas, lineais ou baixo demanda, así como a igualdade no financiamento anticipado das producións.
“A unanimidade social arredor da Iniciativa Xabarín débese reflectir nun apoio unánime do Parlamento”, afirmou Maceira no Parlamento, anunciando que nos vindeiros días a entidade traballará para conseguir o voto afirmativo de todos os grupos. “A situación do galego non é irreversíbel se entre todas e todos traballamos para mudala e iso pasa, en primeiro termo, por garantir a presenza do galego en todos os espazos, tamén no audiovisual, que cada vez máis ocupa un espazo central no lecer da mocidade”, concluíu Maceira.