"Esa 'Xeración Xabarín' hoxe é o sector máis activo da sociedade e iso incrementa a importancia do programa"

Figura do Xabarín nunha das edicións do Culturgal © Culturgal

Esta semana o Xabarín Club foi noticia, converténdose a celebración do 23º aniversario da súa primeira emisión (18 de abril de 1994) en trending topic en Twitter a nivel estatal. O programa, sobre todo na súa primeira etapa, foi todo un fenómeno social, cunha importancia que de forma máis presente ou nostálxica chega ata a actualidade, conformando mesmo unha Xeración Xabarín que na súa infancia e mocidade seguiu fielmente as súas emisións. Suso Iglesias foi o responsable do programa nos seus inicios, chegando á dirección da TVG anos máis tarde. Falamos con el sobre a importancia que o Xabarín Club tivo nos anos 90 e a pegada que deixou nos seus espectadores e espectadoras

É evidente que moita xente lembra o Xabarín Club e o fenómeno que significou no seu momento. Esta semana o 23 aniversario da primeira emisión do programa foi celebrada nas redes sociais, chegan a ser trending topic en toda España. Que impresión che produce isto? Sorpréndete? É gratificante para as persoas que o puxestes en marcha?

Gratifícame máis que sorprenderme, realmente. Nos últimos tempos todos os anos hai algún momento en que ves que a xente destaca o que foi aquilo; veñen tamén moitas persoas entrevistarme, sobre todo alumnos e alumnas para traballos de Facultade. Ten que ver con isto que se deu en chamar Xeración Xabarín, esas persoas agora adultas -entre os 25 e os 40 anos- que foron espectadoras do programa nos seus inicio. A metade dos nenos e nenas de Galicia eran socios e socias do Xabarín. Ben, algo menos en realidade, porque nalgún momento comezamos a descubrir que moita xente que falsificaba a súa idade, para poder ter o carné [ri]. Esa Xeración Xabarín hoxe é o sector máis activo da sociedade e iso incrementa a importancia do programa. É bonito, porque en Galicia non temos tantos elementos referenciais deste tipo, e con sinais de identidade tan claros, ademais.

"Esa Xeración Xabarín hoxe é o sector da poboación máis activo e iso incrementa a importancia daquelas emisións. É bonito, porque en Galicia non temos tantos elementos referenciais deste tipo, e con sinais de identidade tan claros"

A que cres que se debeu naquel tempo o éxito do Xabarín?

Mirando con perspectiva as cousas, pensas máis no contexto no que se produciron, elementos dos que naquel momento non eras tan consciente. O programa nace nun contexto que ten que ver co crecemento das televisións autonómicas e co interese por facer producións propias. Hai que ter en conta, ademais, que o panorama televisivo era moi diferente ao actual, a televisión estaba menos fragmentada. Nós, por suposto, acertamos na forma en que deseñamos o programa, en darlle forma de contedor, no marketing co que o rodeamos, na forma en que conectamos cos gustos da rapazada da época. Fixemos as cousas cun criterio moi determinado, cunha maneira moi reflexionada de comunicarnos co noso público potencial, cun ton que ademais de chegar aos máis pequenos nos aproximaba ao sector xuvenil. Tiñamos moi pensado o programa, esforzabámonos moito en entender que espazo en común podía aproximar aos rapaces máis pequenos e aos que xa eran algo máis maiores, e nós optamos por un punto intermedio que creo que funcionou, a través do tipo de serie que puñamos, do ritmo do programa, cun personaxe -o Xabarín- algo gamberro, retranqueiro, moi identificado con Galicia. Fronte ás liñas máis brandas de Disney, a nós gustábanos máis Hanna-Barbera, os Looney Tunes ou os debuxos xaponeses.

"Fixemos as cousas cun criterio moi determinado, cunha maneira moi reflexionada de comunicarnos co noso público potencial, cun ton que ademais de chegar aos máis pequenos nos aproximaba ao sector xuvenil"

O programa era moito máis que un programa: era un club, un fenómeno social

Si, e nós tamén faciamos moito fincapé niso: pensabamos que era importante que os nenos e nenas tivesen un carné físico, algo que puidesen posuír. Facíamos actividades e espectáculos, estabamos en comunicación cos mestres..., todo iso tamén influíu.

E despois está o papel que tivo a música e os videoclips...

Si, ti pensa que era un momento no que había un grupo grande de xente aínda nova pero cunha traxectoria musical moi longa, que comezara a tocar a comezos dos 80 en Vigo, na Coruña e noutros lugares. Despois estaba unha xeración máis moza, que estaba comezando, no indie, no bravú... Tamén a música folk e tradicional estaba en auxe en Galicia, continuando Berrogüeto ou Mercedes Peón o camiño aberto por Milladoiro. Era un momento moi interesante para a música galega e o equipo que estabamos no programa estabamos moi atentos a iso, dándolle entrada. Nós ademais, aínda que lles pediamos que fixesen cancións para nenos, dabámoslles moita liberdade. O éxito era impresionante. De feito, así coma ao comezo ás veces custábanos convencer algún grupo, unha vez que se viu o éxito que tiñan as cancións, todo o mundo quería participar. Mesmo grupos que habitualmente cantaban en inglés, español ou grupos portugueses. En tres anos gravamos máis de 100 cancións e unha parte moi importante delas tiñan videoclip, de grupos consolidados e tamén de xente que comezaba. Xabier Abreu, que era un moi bo técnico de son, fixo un gran traballo. Foi un esforzo enorme.

"Era un momento moi interesante para a música galega e o equipo que estabamos no programa estabamos moi atentos a iso, dándolle entrada"

En que medida se liga o éxito do Xabarín co fenómeno bravú?

Non, mira, eu son moi amigo de Xurxo [Souto], e cancións bravú si que tiveron moita presenza no programa, pero o Xabarín foi anterior ao fenómeno bravú. O bravú foi moi importante nese momento e era unha das correntes que existían dentro da música que se escoitaba no Xabarín e nos discos que editabamos. Non todo é o que parece de Aerolíneas Federales, Churras de Heredeiros, A Oda ao Futbolín dos Diplomáticos, O Jai Jai de Chouteira..., foron bombazos. Galicia é unha potencia musical e temos que decatarnos diso dunha vez. Xunto con Andalucía, é o territorio de España onde as músicas de raíz son máis fortes e onde a música ten un papel social máis importante, aquí poñémonos a cantar á mínima ocasión.

"Galicia é unha potencia musical e temos que decatarnos diso dunha vez. Aquí poñémonos a cantar á mínima ocasión"

Isto tratáchelo recentemente coa serie documental Naqueles Tempos, que se emitiu na TVG...

Si, con Naqueles Tempos tiven a oportunidade de afondar na importancia social da música na últimas décadas, e de explicar a historia recente de Galicia a través da música. Levaba moito tempo con ganas de facer algo así.

Ti estiveches algo menos de dez anos á fronte do programa e despois deixaches de dirixilo. Por que?

A partir dun certo momento as televisións comezaron a apostar por dirixirse polas tardes a outro tipo de público, de maior idade e sobre todo feminino, por intereses publicitarios. Nese momento comezamos a recibir máis presións e o apoio da cadea comezou a diminuír. E nese momento decido deixar o programa, porque eu quería seguir facendo televisión e non quería estar todo o tempo pelexándome nos pasillos, porque o programa había que xestionalo, había cousas que non gustaban e a tensión sempre estaba aí.

"A partir dun certo momento as televisións comezaron a apostar por dirixirse polas tardes a outro tipo de público. Nese momento comezamos a recibir máis presións e o apoio da cadea comezou a diminuír"

O Xabarín Club continuou existindo e segue a emitirse, pero o seu impacto social é moito máis pequeno. Por que cres que isto foi así? Que é o que lle faltou nestes últimos anos?

Hai que ter en conta que a televisión cambiou moito neste tempo: xurdiron as cadeas temáticas e cando hai canles que só emiten contidos para rapaces é moi difícil competir. Antes, as canles xeralistas reservaban a hora da merenda, de 6 a 8 da tarde, para a programación infantil. E iso deixou de ser así, non só na TVG, senón en todas as cadeas. A fragmentación hoxe é moito maior e de feito os chavales teñen unha forma moi distinta de consumir audiovisual, xa non me refiro só á televisión, porque hai moitas máis cousas. Non é estraño o que pasou co Xabarín. O que pasa é que a marca Xabarín seguiu sendo moi forte, primeiro porque estaba moi ben feita, porque o éxito que acadara fora brutal e porque estaba ligada a unha serie de valores moi positivos: de identificación con Galicia, en favor do idioma... Ás veces parece que a marca era tan poderosa que non se sabía que facer con ela, como isto que se di do floreiro chinés.

"A marca Xabarín seguiu sendo moi forte, primeiro porque estaba moi ben feita, porque o éxito que acadara fora brutal e porque estaba ligada a unha serie de valores moi positivos: de identificación con Galicia, en favor do idioma..."

Cres que se desperdiciou a marca, que se está a desperdiciar?

Fixéronse cousas: unha revista, por exemplo. Que conste que non teño información precisa sobre o tema, porque o sigo un pouco de lonxe, pero sei que hai un interese en facer uso da marca para conectar con novas audiencias a través das novas tecnoloxías, de apps... A marca ten un valor enorme e trátase de atopar coa clave para conectar coa xente.

Que pensas da programación programación infantil que hai agora, en comparación co que o Xabarín ofrecía?

Agora hai moita oferta, con series de debuxos de todos os tipos e para todas as idades. O que non hai agora é esa idea de contedor e de club social que nós tiñamos. Esa idea de club era moi boa para un territorio pequeno, como Galicia. Aquí funcionou de marabilla e nese tempo tamén o puxeron en marcha en Cataluña, onde tamén saíu ben, e en Euskadi, onde en cambio foi un desastre. Agora está todo máis fragmentado e é difícil establecer un ámbito de socialización a través dun programa; nos 90, en cambio, emitíamos o vídeo de Churras, churras, e dous días despois cantábase en todos os colexios de Galicia.

"Agora está todo máis fragmentado e é difícil establecer un ámbito de socialización a través dun programa; nos 90, en cambio, emitíamos o vídeo de Churras, churras, e dous días despois cantábase en todos os colexios de Galicia"

O programa faláballes aos nenos e nenas como xente intelixente, e en ocasións tiña contidos que hoxe seguramente poderían chocar para certas idades. Cres que a televisión mudou nestes anos, que hoxe hai máis restricións, sobre todo na programación infantil? Penso por exemplo no que pasou uns anos despois con Shin-Chan...

Nese tempo tiñamos moita liberdade, iso é certo, pero tamén nos preocupabamos que poñer certas cousas en común con pais e nais, establecendo unha comunicación con eles. É certo que hoxe vivimos un tempo de hiper-corrección política que antes non existía. Pero nós eramos conscientes destas cousas, porque a televisión pública ten que preocuparse polos seus contidos. Pero tamén insistiamos en que os pais e nais visen a televisión cos rapaces, que coñecesen o que eles vían, que non falasen de oídas, e para que puidesen explicarlles algún tema, se había algún tema complexo. Porque a televisión non pode ser unha gardería na que deixas aparcados os nenos e nenas e te esqueces de todo.

"A televisión non pode ser unha gardería na que deixas aparcados os nenos e nenas e te esqueces de todo"

Destácase moito a importancia do Xabarín en favor da lingua galega, precisamente naquel sector no que está a retroceder máis. Cal cres que foi o seu impacto?

O feito de que algúns nenos castelanfalantes usasen o galego nun ámbito distinto ao da escola era moi importante. A visión que hoxe pode ter sobre a lingua unha persoa que vía o Xabarín en galego é moi distinta que a que ten outra que recibiu eses inputs en castelán. Porque creo que esta experiencia servía para que interiorizasen o idioma doutra maneira, como algo normal, como algo propio e non como a lingua que falaban os seus pais ou avós. Se ti recibes en galego a túa serie favorita, algo que te divirte, vas ter unha simpatía automática por esa lingua. Creo que contribuía a unha mellor consideración social do idioma e dunha maneira directa, sen necesidade de que a un neno ou nena llo dixese un mestre.

"Se ti recibes en galego a túa serie favorita, algo que te divirte, vas ter unha simpatía automática por esa lingua"

As persoas que faciamos o programa en realidade non lle dabamos tanta importante a este tema, viámolo como algo natural, entendendo que os contidos da TVG tiñan que ser en galego e simplemente nos preocupabamos de facer un programa de éxito, contemporáneo e que gustase.

 

Stand do Xabarín Club Dominio Público Dorfun
Suso Iglesias CC-BY-SA Adrián Estévez
Xabarín observa o antigo logo da TVG, no Gaiás CC-BY-SA Praza Pública
Imaxe orixinal do Xabarín, creada por Miguelanxo Prado © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.