O pasado venres morreu en Compostela aos 62 anos Francisco Xavier Redondo Abal, vítima dun cancro. Era bibliotecario da Universidade de Santiago e nestes momentos ocupaba o cargo de director da biblioteca de Física e Óptica, despois de anos dirixindo a de Filoloxía
O pasado venres morreu en Compostela aos 62 anos Francisco Xavier Redondo Abal, vítima dun cancro. Fran, como era coñecido polas súas amizades, era bibliotecario da Universidade de Santiago e nestes momentos ocupaba o cargo de director da biblioteca de Física e Óptica, despois de anos dirixindo a biblioteca de Filoloxía.
Nacido en Pontevedra en 1964 e licenciado en Xeografía e Historia pola USC, dedicou tamén a súa vida á investigación histórica, especialmente á memoria democrática, ámbito no que publicou unha ducia de libros. Era membro do grupo Histagra da USC, da sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega ou da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña.
A Universidade de Santiago de Compostela manifestou este luns o seu "fondo pesar" polo seu falecemento. E, igualmente, dende o grupo Histagra amosou o seu "grande pesar" pola nova: "Que a terra lle sexa lene, a memoria seralle xusta".
Dedicou tamén a súa vida á investigación histórica, especialmente á memoria democrática, ámbito no que publicou unha ducia de libros
Ao longo da súa traxectoria como investigador centrouse no estudo dos guerrilleiros en obras como Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965), publicado en 2006 por Ediciós do Castro. Tamén realizou unha demorada pescuda dos arquivos públicos para afondar na memoria dos galegos represaliados polo Tribunal de Orde Pública en Arelas de liberdade na Galiza. Galegos perante o Tribunal de Orde Pública (TOPGAL, 1964-1976), publicado por Laiovento en 2017.
Investigou tamén o sucedido cos galegos que participaron na fuxida da prisión franquista de Ezkaba en Ezkaba. Galegos na grande evasión do Forte de San Cristóbal (Pamplona, 22 de maio de 1938), publicado por Toxosoutos en 2020. E dedicou obras igualmente á memoria de Marcelino Fernández Prada e Alfonso Ortega Prada, socialistas represaliados polo franquismo.
Unha parte fundamental das súas investigacións estiveron centrada na represión sufrida por bibliotecarios e bibliotecarias na guerra civil e na ditadura franquista, un ámbito no que aunou a súa condición de historiador e bibliotecario
Unha parte fundamental das súas investigacións estiveron centrada na represión sufrida por bibliotecarios e bibliotecarias na guerra civil e na ditadura franquista, un ámbito no que aunou a súa condición de historiador e bibliotecario e no que contribuíu decisivamente a afortalar a memoria democrática das bibliotecas e dos seus traballadores e traballadoras.
Neste senso, deixou obras como A memoria dos libros. Incautación, espolio e desfeita da biblioteca de Santiago Casares Quiroga (2008), O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (2009), Proceso a unha biblioteca. A persecución de Castelao a través da incautación da súa biblioteca (2010) e, especialmente, Bibliotecarias e bibliotecarios "infames". A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano: o caso galego, publicado por Laiovento en 2014 e prologado por Manuel Rivas.
Así mesmo, editou e estudou o catálogo da Biblioteca de José Ángel Valente; durante un longo período foi o bibliotecario que se ocupou do importante legado bibliográfico do poeta, custodiado pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC.
Publicou ao redor de 40 artigos en Praza, entre eles unha serie dedicada a "restituír a memoria" dos bibliotecarios e bibliotecarias depuradas pola ditadura franquista: "Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana"
Francisco Redondo Abal colaborou así mesmo nun gran número de medios de comunicación, dende A Trabe de Ouro, Grial ou Luzes ata esta Praza Pública, onde dende 2014 publicou ao redor de 40 artigos, especialmente sobre memoria histórica e, sobre todo, sobre a memoria de bibliotecarios e bibliotecarias na serie titulada Bibliotecarios e represión franquista, cunha decena de biografías de traballadores e traballadoras de bibliotecas e arquivos que foron represaliados pola ditadura.
As historias de Asunción Martínez Bara, Nicéforo Cocho Fernández, María Muñoz Cañizo, María Luisa González Rodríguez, Carmen Guerra San Martín, Carmen Pescador del Hoyo, José Álvarez de Luna Pohl ou Melchor Lamana Navascués e dos seus represores Pedro Miguel Gómez del Campillo e Miguel Jerónimo Artigas Ferrando buscaba "restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo".
"Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana", destacaba Redondo Abal.
Este luns Claudio Rodríguez Fer dedícalle este artigo que conclúe pedindo "que os que están presos e mortos na historia e na intrahistoria recuperen polo menos a súa memoria na ética e na estética de libros tan documentados, respectuosos, dignificadores e necesarios como os do inesquecible e benemérito bibliotecario Francisco Xavier Redondo Abal, o para tantas persoas benquerido Fran".