Os represores dos bibliotecarios: Gómez del Campillo e Artigas

Miguel Jerónimo Artigas Ferrando e Pedro Miguel Gómez del Campillo Dominio Público MCU/Centro de Estudios Montañeses

Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.

Pedro Miguel Gómez del Campillo e Miguel Jerónimo Artigas Ferrando foron os responsábeis capitais da limpeza do solar patrio dentro do seo do CFABA. Monárquicos convencidos reconvertidos en franquistas, que ninguén procure atopar referencias ao seu pasado represor nos libros de historia, nas páxinas web da Real Academia Española ou da Real Academia da Historia

Despois de cinco entregas da serie Bibliotecarios e represión franquista, onde tentamos describir os expedientes de depuración doutros tantos funcionarios do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA), cremos chegado o momento de analizar o papel desempeñado polos – en última instancia – represores principais dos bibliotecarios e arquiveiros españois tras a fin da Guerra Civil e o inicio da ditadura franquista. Represores de primeira hora, mais non os únicos, pois convén deixar ben claro que moitos integrantes do Corpo Facultativo colaboraron, animada e voluntariamente, nos procedementos depurativos e coas súas declaracións de culpabilidade levaron a desgraza e a persecución aos seus propios compañeiros, sabedores que as súas acusacións provocarían o castigo, o estigma e un sinal perenne de vergoña e medo nos investigados. As cicatrices provocadas polas sancións resultaron profundas e, nalgúns casos, duradeiras.

Pedro Miguel Gómez del Campillo e Miguel Jerónimo Artigas Ferrando foron os responsábeis capitais da limpeza do solar patrio dentro do seo do CFABA. Monárquicos convencidos reconvertidos en franquistas, que ninguén procure atopar referencias ao seu pasado represor nos libros de historia, nas páxinas web da Real Academia Española ou da Real Academia da Historia. Nin sequera o Portal de Archivos Españoles (PARES) recolle o activismo perseguidor que ambos os dous ostentaron entre xullo de 1939 e marzo de 1942. Os seus nomes quedaron ligados ao humanismo erudito, á elevada profesionalidade e competencia dentro dos mundos da arquivística e a biblioteconomía e, ao fin, ao éxito acadado na escala do Corpo Facultativo pois, un e outro, ocuparon os dous primeiros postos daquela nómina. Pero houbo moito máis.

 

Miguel Artigas

Como Director Xeral de Arquivos e Bibliotecas, Artigas asinou co visto e prace ducias de expedientes sancionadores contra homes e mulleres da profesión

Miguel Artigas naceu en Blesa (Teruel) o 29 de setembro de 1887. Tras estudar Filosofía e Letras e Dereito na Universidade de Salamanca, acadou o doutoramento en 1910 na madrileña Universidade Central, hoxe Complutense. Un ano máis tarde, o 28 de xullo de 1911, ingresou por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, sendo o seu primeiro destino a Biblioteca Universitaria de Sevilla. Unha excedencia permitiulle estudar Filoloxía Clásica en Berlín e, xa de volta, pasou pola biblioteca universitaria de Barcelona e pola Nacional de Madrid. Unha nova estadía no estranxeiro, cunha bolsa outorgada pola Xunta de Ampliación de Estudos, levouno ata Xena, Alemaña, retornando en 1914 para reingresar na Biblioteca Nacional da capital do Estado. Un ano máis tarde, Artigas superou a oposición convocada para cubrir a praza de director da Biblioteca Menéndez Pelayo, converténdose no primeiro en dirixir a institución santanderina. Traballador incansábel cunha elevada formación humanística, o aragonés foi nomeado por un Real Decreto de 24 de xullo de 1930 director da Biblioteca Nacional tras a xubilación de Francisco Rodríguez Marín. 

A sublevación militar contra a Segunda República sorprendeu a Artigas no Aragón controlado polos sediciosos. Alí, comodamente instalado e decidido a non presentarse diante das autoridades legais, foi destituído de xeito fulminante o 13 de agosto de 1936 por un decreto republicano. O 5 de xuño de 1937 o bibliotecario publicará un desafortunado artigo no Heraldo de Aragón onde, cunha retórica apocalíptica, denunciaba supostas agresións das autoridades legais contra o tesouro bibliográfico español. Artigas afirmou que “o terror roxo” estaba arrasando todo tipo de bens culturais. A resposta, contundente, da Xunta Central do Tesouro Artístico non se fixo agardar e Tomás Navarro Tomás xunto a Antonio Rodríguez Moñino rebateron as insidias e o libelo do turolense.

Rematada a guerra, Artigas foi nomeado primeiro director da recente creada Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas. Aquel día, 7 de setembro de 1939, tocou a gloria: o ministro de Educación Nacional, José Ibáñez Martín – destacado integrante da Asociación Católica Nacional de Propagandistas e filonazi declarado –, entregaba a Artigas a chave do organismo encargado da xestión e administración das seccións de Arquivos e Bibliotecas do Corpo Facultativo que, co paso do tempo, será tamén o responsábel da represión dentro do CFABA. 

As preguntas fundamentais xorden como resortes: quen redactaba os expedientes? Quen levou a cabo as investigacións sobre os seus propios compañeiros de profesión? Quen interrogou aos investigados nunha atmosfera de medo e submisión? En definitiva, quen foi o instrutor e o propoñente das sancións?

Miguel Artigas recibiu en vida numerosas distincións e condecoracións. Autor dun inxente traballo como investigador, en 1940 participou nunha obra colectiva de pésimo gusto, carente de rigor e honestidade e ateigada de falsidades e loiadas: Una poderosa fuerza secreta: la Institución Libre de Enseñanza, editada en San Sebastián por Ediciones Españolas. Artigas faleceu en Madrid o 10 de marzo de 1947. A súa prematura morte foi resultado dunha hemiplexía sufrida nove anos atrás e da que nunca se recuperou satisfactoriamente.

Como Director Xeral de Arquivos e Bibliotecas, Artigas asinou co visto e prace ducias de expedientes sancionadores contra homes e mulleres da profesión. A súa sinatura implicaba elevar ata o ministro Ibáñez Martín o último chanzo do proceso depurador: as propostas de sancións. A rúbrica do ministro de Educación Nacional culminaba o conxunto de accións levadas a cabo co obxectivo de castigar e sinalar aos “indesexábeis”, aos “infames” que integraban o CFABA. Todo remataba coa publicación das sancións no Boletín Oficial del Estado. Para coñecemento xeral. 

As preguntas fundamentais xorden como resortes: quen redactaba os expedientes? Quen levou a cabo as investigacións sobre os seus propios compañeiros de profesión? Quen interrogou aos investigados nunha atmosfera de medo e submisión? En definitiva, quen foi o instrutor e o propoñente das sancións? 

Arquivo Histórico Nacional © MCU

Gómez del Campillo

Gómez del Campillo redactou entre agosto de 1939 e marzo de 1942 algo máis de oitocentos oficios recadando documentación sobre os posíbeis “crimes” dos seus propios compañeiros de profesión

Pedro Miguel Gómez del Campillo naceu en Madrid o 29 de abril de 1875. Tras licenciarse en Filosofía e Letras acadou o doutoramento e tivo gran sona como latinista, ademais de sobresaínte paleógrafo. O primeiro día de xullo de 1899, contando só 24 anos, ingresou por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Obtivo o número un da súa promoción. Tras o seu xuramento de “servir bien y fielmente a S.M. Alfonso XIII”, o madrileño aparece vencellado á Real Biblioteca da Casa monárquica ata que un Real Decreto de 19 de setembro de 1930 nomea a Gómez del Campillo director do Arquivo Histórico Nacional, con sede en Madrid. O arquiveiro ocupaba, segundo a escala de outubro de 1935, o terceiro posto na listaxe de 294 facultativos en activo, só por detrás de Miguel Artigas e de Francisco Álvarez-Ossorio y Farfán de los Godos, director do Museo Arqueolóxico Nacional. Persoa de enorme prestixio e reputación, Gómez del Campillo destacaba nun corpo de funcionarios onde todos coñecíanse entre si.

O golpe de Estado do 18 de xullo sorprendeu ao arquiveiro en Santander, onde desfrutaba das súas vacacións. Detido e ingresado en prisión, Gómez del Campillo estivo a piques de ser fusilado polas milicias republicanas. Salvou a vida e decidiu partir cara Burgos, entón a capital dos sublevados. En boa lóxica, as autoridades legais cesárono do seu cargo como director do Arquivo Histórico Nacional o 9 de setembro de 1936. De seguido, nos territorios gañados polos alzados comezaron as limpezas de libros e bibliotecas para retirar as lecturas “propagadoras de ideas que puedan resultar nocivas a la sociedad”, segundo expresaba a Orde do 16 de setembro de 1937, asinada en Burgos polo xeneral Francisco Gómez Jordana, presidente da Xunta Técnica do Estado. Gómez del Campillo felicitou ás comisións depuradoras de libros dos distritos universitarios de Granada, Oviedo, Compostela e Sevilla, lugares onde o arrasamento resultou sobresaínte. Cando rematou a guerra e chegou a vitoria, os obxectivos a bater foron as persoas que traballaban nos arquivos e nas bibliotecas.

A principios de febreiro de 1939, Francisco Franco asinaba dende a Xefatura do Estado a chamada Ley de 10 de febrero de 1939 fijando normas para la depuración de funcionarios públicos, publicada no BOE catro días máis tarde. Sen mergullarmos no texto, subliñemos que a idea central xira en torno á necesidade de sanear a función pública. Ou sexa, “imponer sanciones adecuadas a aquellos funcionarios que contribuyeron a la subversión (...)”. Nesta paranoia paradoxal, os sublevados ían xulgar aos “subversivos” que foron leais co goberno lexítimo. Os facultativos de arquivos e bibliotecas – como funcionarios públicos que eran – non ficaron á marxe e Miguel Gómez del Campillo foi designado investigador único para o CFABA, de acordo co preceptuado no artigo sexto da mencionada Lei de 10 de febreiro. A cazaría comezaba axiña. 

Convidou a compañeiros de profesión a manifestar o seu parecer sobre outros compañeiros, nun exercicio de delación lamentábel e onde as envexas pasadas saíron a relucir. Moitos prestáronse de bo grao

O nomeamento de Gómez del Campillo como xuíz-instrutor único para depurar o CFABA tivo lugar o 24 xullo de 1939. A partir de entón, o arquiveiro dedicouse en corpo e ánima a recoller informacións sobre todos e cada un dos facultativos, indagando no seu pasado político ou sindical, a súa posíbel pertenza a unha loxa masónica, o concepto social e moral dos investigados, as súas crenzas relixiosas e, no caso da mulleres, a súa vida privada: convivían co seu home sen estar casadas? Tiñan os seus fillos bautizados? Mesmo, vestían pantalóns ou fumaban?...

Gómez del Campillo redactou entre agosto de 1939 e marzo de 1942 algo máis de oitocentos oficios recadando documentación sobre os posíbeis “crimes” dos seus propios compañeiros de profesión. Para iso, contactou coas comandancias da Garda Civil e os alcaldes dos lugares de residencia dos investigados; preguntou a reitores e decanos de facultades sempre que a persoa traballara nunha institución universitaria; inquiriu a xefes de Falanxe e sacerdotes; contactou coas autoridades militares e auditores xerais do Exército e do Servizo de Información e Policía Militar (o SIPM, a espionaxe franquista); e, por último, acudiu na axuda da Sección de Servizos Especiais para a Recuperación de Documentos, radicada en Salamanca e cuxo responsábel – Marcelino de Eguilaz, carlista e íntimo amigo de Franco – proporcionou antecedentes e carnés políticos ou sindicais dos investigados. Por se isto non bastara, convidou a compañeiros de profesión a manifestar o seu parecer sobre outros compañeiros, nun exercicio de delación lamentábel e onde as envexas pasadas saíron a relucir. Moitos prestáronse de bo grao.

Con toda a información recollida, Gómez del Campillo redactaba os coñecidos pregos de cargo. Alí acusaba ao desamparado de mil e un atropelos e abusos. O acusado tiña oito días de prazo para presentar in situ as súas alegacións

Con toda a información recollida, Gómez del Campillo redactaba os coñecidos pregos de cargo. Alí acusaba ao desamparado de mil e un atropelos e abusos. O acusado tiña oito días de prazo para presentar in situ as súas alegacións. Polo despacho de inquisidor, situado no Arquivo Histórico Nacional, no paseo de Recoletos, daquela bautizado de Calvo Sotelo, pasaron ducias de funcionarios atemorizados que coñecían ben cal era a súa sorte. Días máis tarde, Gómez del Campillo elevaba a Miguel Artigas as súas conclusións definitivas coas propostas de sancións. Estas abranguían desde o traslado forzoso até a postergación, pasando pola imposibilidade de solicitar postos vacantes durante cinco anos.

O traslado forzoso dun funcionario supuña quedar sinalado: o paso dunha biblioteca cara un arquivo da Delegación de Facenda pretendía separar ao funcionario da súa fonte laboral e afastalo do servizo de lectura; sacar de Madrid a un traballador da Biblioteca Nacional para colocalo nunha pequena biblioteca pública “de provincias” representaba un estigma; evitar o contacto co público lector foi unha máxima. A postergación significaba a paralización dentro da escala do CFABA e, con ela, a vítima ficaba paralizada nun mesmo posto sendo superada polas novas incorporacións. Isto representaba un enorme prexuízo económico pois, canto máis baixo na listaxe, menos salario.

Cando Gómez del Campillo faleceu en 1962, o entón director da Academia de la Historia publicou unha sentida homenaxe na súa memoria. Non deberon pensar o mesmo os case oitenta facultativos exiliados ou sancionados. As súas vidas racharon co inicio da sublevación e a guerra e, en moitos casos, xamais superaron o medo e a frustración

O 26 de marzo de 1942, Gómez del Campillo daba por finalizada a súa tarefa. Nun oficio remitido nesa data á Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas, o inquisidor escribiu: “Doy por terminadas mis tareas (...). No he de ocultar que en algunos casos la voluntad ha tenido que imponerse fuertemente ante la sangre derramada con abundancia (...), habiendo tenido la fortuna de que mis propuestas hayan sido aceptadas en la gran mayoría de los casos (...)”. Catro días máis tarde, o arquiveiro recibía puntual resposta do director xeral, Miguel Artigas. Con termos admirativos loaba o traballo desenvolvido polo xuíz instrutor: “(...) el resumen de todos [os seus expedientes] constituye para V.I. el realce más justificado de su prestigiosa figura (...). Cumple expresar la gratitud por el empeño continuado y perseverante que ha puesto en este ingrato oficio de juzgar a compañeros y discípulos. Todos lo han de agradecer profundamente, incluso aquellos sancionados que deben recibir el castigo como laudable advertencia para su corrección”.

Cando Gómez del Campillo faleceu na capital do Estado en 1962, o entón director da Academia de la Historia, o pontevedrés Francisco Javier Sánchez Cantón, publicou unha sentida homenaxe na súa memoria, expresando “el dolor sincero de la Corporación por la pérdida” do arquiveiro. E remataba cun elocuente “¡Que Dios le premie todo el bien que hizo!”. Non deberon pensar o mesmo os case oitenta facultativos exiliados ou sancionados. As súas vidas racharon co inicio da sublevación e a guerra e, en moitos casos, xamais superaron o medo e a frustración. Algúns, os que optaron pola diáspora, retomaron traballos e proxectos vitais. Aqueles outros que permaneceron no cárcere chamado España ficaron paralizados e sinalados até o final.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.