Carmen Guerra San Martín, a bibliotecaria irrelixiosa

Antiga biblioteca municipal de Córdoba © Ministerio de Fomento

Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.

O expediente de depuración desta bibliotecaria amosa unha singularidade excepcional e transluce a cegueira dos sublevados nun escenario de fortes enfrontamentos armados acompañados dunha durísima represión. A nosa protagonista vivirá un calvario iniciado en 1937 coa súa expulsión da función pública e rematado en 1942 coa súa readmisión ateigada de sancións e castigos

O expediente de depuración desta bibliotecaria amosa unha singularidade excepcional e transluce a cegueira dos sublevados nun escenario de fortes enfrontamentos armados acompañados dunha durísima represión. A provincia de Córdoba sufriu entre 1936 e 1939 constantes avances e retrocesos por un e outro bando, con repetidos bombardeos aéreos, ocupacións de vilas e recuperacións das mesmas – agás a capital, que ficou no poder dos militares alzados dende a noite do 18 ao 19 de xullo, nada máis iniciarse o golpe de Estado –. Nesta guerra de posicións, os rexos choques armados entre os leais á República, organizados nos Comités de Defensa, e as forzas comandadas polo xeneral Gonzalo Queipo de Llano e o coronel Ciriaco Cascajo foron unha constante e, segundo o historiador Francisco Moreno Gómez, as vítimas da violencia franquista lonxe das frontes bélicas ascenderon a 12000 persoas en toda a provincia, 4000 delas na capital. 

Nesta atmosfera perigosa e sanguenta, a nosa protagonista vivirá un calvario iniciado en 1937 coa súa expulsión da función pública e rematado en 1942 coa súa readmisión ateigada de sancións e castigos. A singularidade no seu expediente do que falabamos ao inicio deste artigo reside naquel feito – a readmisión con condena – e tamén na unanimidade en todas as declaracións testificais a favor da bibliotecaria investigada pero, sobre todo, na aceptación e recoñecemento por parte das novas autoridades franquistas do titánico, proveitoso e positivo traballo realizado por esta muller mentres era a responsábel da Biblioteca Pública de Córdoba durante a etapa republicana. Porén, non se librou das sancións.

A singularidade no seu expediente reside na aceptación e recoñecemento por parte das novas autoridades franquistas do titánico, proveitoso e positivo traballo realizado por esta muller mentres era a responsábel da Biblioteca Pública de Córdoba durante a etapa republicana. Porén, non se librou das sancións

Severina María del Carmen Guerra San Martín naceu o 8 de xaneiro de 1907 en Ollauri, A Rioxa. Filla do médico bilbaíno Santiago Guerra Anaya, Carmen acadou a Licenciatura de Filosofía e Letras, Sección Letras, na Universidade Central de Madrid, con premio extraordinario e, tras superar as oposicións, ingresou no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) o 1 de outubro de 1931. O seu primeiro destino, breve, foi o Arquivo do Ministerio de Fomento, e a finais de 1933 alcanzará a praza de directora da Biblioteca Pública de Córdoba. Antes, entre agosto de 1932 e setembro de 1933, unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudios permitiulle residir nos Estados Unidos para mellorar e ampliar os seus coñecementos en Filoloxía e Literatura inglesas na Wellesley College. Xa de volta, no Escalafón de outubro de 1935, Carmen ocupaba o posto 254 dos 294 funcionarios que formaban o CFABA.

En Córdoba alternou o seu traballo na dirección da biblioteca coa docencia na Escola de Artes e Oficios. Alí impartiu clases de latín e grego e, desde 1935, realizou clases de apoio no propio centro de lectura que dirixía. Foron anos proveitosos para Carmen, non só no terreo profesional. Na capital andaluza trabou unha fonda amizade con, entre outros, Manuel Sánchez-Badajoz Cano, alcalde socialista de Córdoba entre marzo e xullo de 1936, fusilado polos franquistas o 7 de agosto daquel fatídico ano. A bibliotecaria intimou así mesmo co catedrático de Dereito da Universidade de Sevilla Manuel Martínez Pedroso, que fora deputado por Ceuta nas ringleiras do PSOE en febreiro de 1936 e rematou exiliado en México. Unha terceira amizade de Carmen Guerra foi a mantida con Antonio Jaén Morente, profesor no Instituto de Segunda Ensinanza de Córdoba, militante de Izquierda Republicana e deputado en dúas ocasións (1931 e 1936) que salvou a súa vida instalándose en San Xosé de Costa Rica.

As catro acusacións que pesaron sobre Carmen era tan inconsistentes como o fume: primeira, esquerdista e marxista; segunda, “celebraba reuniones con jóvenes izquierdistas en el local de la Biblioteca provincial”, algo absolutamente falso; terceira, as amizades “de carácter político"; e, por último, simplemente “irreligiosa”

Unha vez iniciado o golpe de Estado – e coa capital cordobesa controlada polos sublevados – a vida para Carmen dará un xiro copernicano. Ese cambio radical comezou cando, por razóns que descoñecemos, mais que puidemos intuír, a bibliotecaria foi detida o 6 de setembro de 1936 e liberada ao día seguinte. Os expedientes 31/6057 e 31/7083 da serie Educación, conservados no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares, recollen o relato do viacrucis desta bibliotecaria, un labirinto tortuoso que tentaremos desintricar. Aquela detención alertou aos membros da Comisión Depuradora C da Provincia de Córdoba que, entre finais de setembro de 1936 e xaneiro de 1937, recolleron informes sobre Carmen Guerra de cara a unha posíbel depuración. Todos eles foron redactados polas novas autoridades cordobesas nun ambiente de guerra, destrución e morte. E na inmensa maioría, a documentación resultou nefasta e prexudicial para a bibliotecaria rioxana.

Se exceptuamos ao novo gobernador civil, José Martín Alcázar, que sitúa a Carmen “apartada de todo orden político”, o resto dos informes resultaron demoledores. Así, a Xefatura de Orde Pública cordobesa fala dunha muller “de ideas socialistas (...) propagandista solapada de dichas ideas, amiga incondicional de Sánchez Badajoz y Antonio Jaén”. Pola súa parte, a Comandancia da Garda Civil expresa que “por sus manifestaciones sobre el marxismo, se la considera contraria a la causa militar”. Ademais, segundo a mesma comandancia, “la visitaba un tal Pedroso [o xa citado Manuel Martínez Pedroso], catedrático de la Facultad de Sevilla [sic] y que fue diputado socialista”. Con estes informes tan vagos e imprecisos, a Comisión Depuradora presentou o prego de cargos contra Carmen Guerra. Era o 17 de febreiro de 1937. Un día despois, a bibliotecaria asinaba o recibido.

As catro acusacións que pesaron sobre Carmen era tan inconsistentes como o fume: primeira, esquerdista e marxista, “siendo propagandista de estas ideas en el ejercicio de su profesión”; segunda, “celebraba reuniones con jóvenes izquierdistas en el local de la Biblioteca provincial”, algo absolutamente falso como veremos máis adiante; terceira, as amizades “de carácter político” antes mencionadas; e, por último, simplemente “irreligiosa”. A bibliotecaria estaba obrigada a presentar as alegacións nun prazo de dez días, segundo dispoñía o artigo terceiro da Orde de Presidencia da Xunta Técnica do Estado. A bibliotecaria rebateu nun extenso escrito de cinco páxinas mecanografadas aquelas acusación sen sentido. Era o 25 de febreiro de 1937. 

A Comisión Depuradora C da Provincia de Córdoba elevou as súas conclusións o 12 de abril de 1937 e o resultado non puido ser peor: separación definitiva do servizo como directora da Biblioteca Provincial e da docencia na Escola de Artes e Oficios

A Comisión Depuradora C da Provincia de Córdoba elevou as súas conclusións o 12 de abril de 1937 e o resultado non puido ser peor: separación definitiva do servizo como directora da Biblioteca Provincial e da docencia na Escola de Artes e Oficios. Cinco sinaturas ilexíbeis xunto ao selo da Comisión preceden ao “conforme” de outras dúas firmas tamén irrecoñecíbeis e o tampón da Comisión de Cultura e Ensinanza da Xunta Técnica do Estado. Dous meses xustos máis tarde, o 12 de xuño unha Orde da Presidencia da XTE expulsaba a Carmen Guerra da función pública. A resolución condenatoria apareceu publicada no Boletín Oficial del Estado do día 16.

Unha vez rematada a Guerra Civil e xa promulgada a Lei de 10 de febreiro de 1939 fixando as normas para a depuración dos funcionarios públicos, Carmen solicitou a revisión do seu expediente. Tras dous anos sinalada e sen traballo, a bibliotecaria notificou ao director xeral de Arquivos e Bibliotecas, Miguel Artigas, o seu dereito de reabrir aquel expediente. Para iso, de maneira intelixente, Guerra San Martín aludiu ao feito de que “las sanciones impuestas a funcionarios públicos con anterioridad a la promulgación de dicha Ley [de 10 de febreiro de 1939] podrán ser revisadas”. En efecto, o artigo undécimo da devandita norma estipulaba a apertura dos expedientes cando “nuevos elementos de juicio puedan aconsejar la modificación de la resolución anterior”. A solicitude está asinada pola bibliotecaria o 19 de decembro de 1939, mais a pregunta fundamental é: cales eran eses novos elementos de xuízo?

A resposta atopámola nun feixe de declaracións, até vinte, asinadas entre o 19 de maio e o 7 de decembro de 1939. Todas elas son unha reacción ás peticións de axuda solicitadas pola bibliotecaria rioxana, unhas contestacións favorábeis en todos os sentidos a Carmen onde se mesturan nomes de xerarcas, alcaldes, funcionarios, cóengos, médicos, avogados, profesores, estudantes e mesmo un “cabaleiro mutilado”. Resultaría moi repetitivo e extenso traer aquí esas declaracións: “jamás he conocido a la Srta. Carmen Guerra actividad política alguna”, “joven ejemplar”, “verdadera española”, “afecta al Glorioso Movimiento Nacional”, “siempre se ha dedicado al estudio”, “profundas convicciones derechistas”, “asistí a clases de latín y en ninguna ocasión hubo otro tema de conversación”... Entre os declarantes aparecen os nomes de Patricio Fernando González de Canales López-Terrer, xefe das JONS de Sevilla e funcionario do Ministerio de Educación Nacional, José María Cortázar Ventosa, oficial honorario do Corpo Xurídico Militar, Germán Saldaña Sicilia, doutor en medicina e capitán médico militarizado, Manuel María de Arredondo López, primeiro alcalde nacional de Baquio (Biscaia) e outros máis. Non eran uns calquera.

Con todo, se hai unha declaración favorábel a Carmen Guerra que pode destacar, esa foi a redactada por Samuel de los Santos Gener, director do Museo Arqueolóxico de Córdoba entre 1926 e 1958. Interesa moito ler o documento de De los Santos porque nel o facultativo analiza de maneira minuciosa o traballo realizado pola directora na Biblioteca Provincial cordobesa. Tras afirmar que coñece a Carmen dende o 7 de maio de 1932 – data na que tomou posesión do seu posto na cidade andaluza –, o arqueólogo subliña as “excelentes aptitudes” da rioxana para o desempeño do seu cargo de directora na biblioteca de Córdoba. Pero, o máis importante, é a descrición que Santos Gener debuxa do centro de lectura: “En tiempos pretéritos el lugar de la biblioteca era oscuro y húmedo en alto grado; la permanencia en él de los lectores resultaba casi imposible y los libros se deterioraban a causa de la polilla y la humedad”. Segundo o facultativo, “la srta. Guerra había visitado las mejores bibliotecas de nuestra nación y famosas norteamericanas e inglesas” e, en consecuencia, “acarició la idea de ampliar la biblioteca que se le había encomendado”. Para iso, Carmen botou a súa ollada cara un local anexo á biblioteca perseguindo “un ‘minimum’ de confort para el lector”. Así, solicitou do presidente da Deputación, a cesión do local, que ao principio non accedeu. De los Santos engade: “Fue preciso vencer con talento y diplomática capción todas las dificultades (...), gestión de verdadero sacrificio, en que no desmayó” ate conquistar as necesarias “obras de ampliación, decorado, mobiliario, calefacción y enriquecimiento bibliográfico”.

Carmen Guerra acadou as súas arelas e o 14 de abril de 1935, coincidindo co aniversario da proclamación da Segunda República, o novo centro abriu as súas portas “en inauguración solemne a ruego del Presidente de la Diputación y en presencia del Jefe Superior del Cuerpo [de Arquiveiros e Bibliotecarios], Sr. Artigas y de las autoridades eclesiásticas, militares y civiles de la capital”. Naquel acto, todos manifestaron a sorprendente transformación da biblioteca “pero muy especialmente nuestro ilustre jefe D. Miguel Artigas que vio en la srta. Guerra instrumento adecuado para que llevara a cabo tan hermosa obra”.

Carmen Guerra San Martín viña de transformar unha biblioteca incómoda en confortable, pouco hixiénica en saudábel, inabordábel ao principio en outra de acceso doado, ordenada, moderna e coidada

Ademais do alcanzado, Samuel de los Santos subliña que Carmen “se preocupó grandemente por reorganizar la biblioteca”, creando dúas seccións, unha de fondos históricos e outra popular. A bibliotecaria solicitou da Xunta de Intercambio e Adquisición de Libros a concesión de revistas e obras modernas e a resultante final foi “un índice altísimo de lectores diarios que contrastaba con el muy bajo, por no decir nulo, de los años anteriores”. Segundo Santos Gener, a bibliotecaria ofreceu a posibilidade de ler a autores de literatura inglesa, alemá, francesa, rusa, etc., pero en ningún caso “obras de carácter pornográfico, ni divulgadores de ideas disolventes ni de propaganda antirreligiosa”, pois os títulos que fixeron medrar a biblioteca eran “en su mayor parte, obras maestras de la literatura universal”. O documento alude como razón principal deste feito que a bibliotecaria posuía “rectitud profesional, castidad y talento”. Ademais, argumenta De los Santos, “yo he podido comprobar como esta biblioteca era un modelo de orden, pulcritud, silencio y correción”.

Carmen Guerra San Martín viña de transformar unha biblioteca incómoda en confortable, pouco hixiénica en saudábel, inabordábel ao principio en outra de acceso doado, ordenada, moderna e coidada. Coa súa actuación e cos inmellorábeis informes presentados cría que a revisión do seu expediente de depuración resultaría satisfactoria. Mais a bibliotecaria erraba porque, de súpeto, apareceu o grande inquisidor do CFABA, o xuíz instrutor único do corpo, Miguel Gómez del Campillo, cuxa miopía e intransixencia botaría por terra todas as esperanzas de Carmen. Malia a participación do seu superior Miguel Artigas naquela inauguración en abril de 1935 e as súas palabras de loanza cara a bibliotecaria, Gómez del Campillo non perdoaría pois a compaixón cristiá non entraba nos seus parámetros mentais.

Todo remataría para Carmen Guerra o 17 de febreiro de 1948 cando unha Orde Ministerial deixaba extinta a anterior de 15 de outubro de 1942. Para entón, Carmen levaba un tempo traballando na Biblioteca da Universidade de Oviedo. Alí alcanzaría a dirección da mesma e acadaría a xubilación a principios de 1977. Nunca xamais falou da súa etapa cordobesa, nin con parentes nin con amigos

A Oficina Técnico Administrativa para a Depuración do Persoal do Ministerio de Educación Nacional comunicou cos directores xerais de Ensinanza Profesional e Técnica (Carmen como apuntamos era profesora de latín e grego) e de Arquivos e Bibliotecas (dada a súa condición de funcionaria do CFABA). O 16 de marzo de 1940 a Oficina accedeu á revisión do expediente da bibliotecaria e, de novo, a roda da represión púxose en funcionamento. A Comisión de Ensinanza anulou a sanción de separación definitiva do servizo e decretou a inhabilitación para cargos directivos e de confianza durante dous anos. Era o 11 de outubro de 1940. Moito máis dura foi a proposta de Gómez del Campillo que, nun oficio asinado o 25 de febreiro de 1941, aseveraba: “El que suscribe siente no poder acceder a los considerandos ni a la propuesta de la Comisión de Enseñanza”. A razón da discrepancia radicaba en que a devandita comisión “no ha podido conocer el concepto que a los dirigentes rojos del Cuerpo de Archiveros mereció la Srta. Guerra San Martín”. Ese “concepto” era positivo para as autoridades republicanas, motivo que leva a Gómez del Campillo a concluír que Carmen era unha de aquelas funcionarias “identificadas con las ideas y procedimientos empleados por los rojos”. Pero o peor chega cando o xuíz deduce que “de no haber residido en zona nacional [Carmen Guerra] hubiera participado en los procedimientos y abusos que han sido sancionados en muchos casos”. Toda unha elucubración e unha extravagancia que condenaba, outra vez, á honesta bibliotecaria.

Desta maneira, Gómez del Campillo admitiu o reingreso no servizo pero coas seguintes sancións: traslado forzoso de Córdoba coa prohibición de solicitar cargos vacantes, inhabilitación para cargos de confianza e, por último, postergación durante un ano. O 12 de maio de 1941, o superior de Gómez del Campillo, Miguel Artigas, asinaba a súa conformidade. Aínda tivo que agardar Carmen máis dun ano ata que o Boletín Oficial del Estado publicara a orde definitiva coa que finalizaba a súa depuración. A Orde asinada polo ministro José Ibáñez Freire o 15 de outubro de 1942 engadía, ademais, a pena de prohibición de solicitar haberes atrasados e aumentaba o tempo de postergación a cinco anos.

Todo remataría para Carmen Guerra o 17 de febreiro de 1948 cando unha Orde Ministerial deixaba extinta a anterior de 15 de outubro de 1942. Para entón, Carmen levaba un tempo traballando na Biblioteca da Universidade de Oviedo. Alí alcanzaría a dirección da mesma e acadaría a xubilación a principios de 1977. Nunca xamais falou da súa etapa cordobesa, nin con parentes nin con amigos. Carmen Guerra San Martín faleceu en Oviedo en 1999. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.