As novas autoridades entenderon axiña que se enfrontaban ante un maiúsculo problema: o analfabetismo. Este secular cancro translucía unhas porcentaxes estarrecedoras pois, segundo o Censo de 1930, preto dun 40% da poboación española non sabía ler nin escribir
Cando as eleccións a concellos celebradas o 12 de abril de 1931 remataron coa podre e corrupta monarquía encabezada por Alfonso XIII e o seu derradeiro valedor, o ditador Miguel Primo de Rivera, as novas autoridades entenderon axiña que se enfrontaban ante un maiúsculo problema: o analfabetismo. Este secular cancro translucía unhas porcentaxes estarrecedoras pois, segundo o Censo de 1930, preto dun 40% da poboación española non sabía ler nin escribir. Esa cifra, escandalosa e arrepiante, aínda era superada con amplitude se falamos de mulleres que nacían e vivían nunha contorna rural: cando se proclamou a Segunda República, unha de cada dúas mulleres tiña a condición de analfabeta. Así, o primeiro obxectivo dos gobernos republicanos será reducir o máximo posíbel aquel nivel de incultura dominante desde tempo inmemorial naquela España do primeiro terzo do século XX.
Os responsábeis republicanos entendían que se querían asentar un réxime republicano e consolidar un sistema democrático de goberno, era condición sine qua non diminuír e rebaixar o elevado número de iletrados. Xa durante o Goberno provisional da República, o Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes comezou a sentar as bases dunha acción pública destinada a espallar o acceso libre e en igualdade de condicións ao ensino e a cultura xeral
Lonxe de obxectivos meramente propagandísticos, os responsábeis republicanos entendían que se querían asentar un réxime republicano e consolidar un sistema democrático de goberno, era condición sine qua non diminuír e rebaixar o elevado número de iletrados. Xa durante o Goberno provisional da República, o Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes comezou a sentar as bases dunha acción pública destinada a espallar o acceso libre e en igualdade de condicións ao ensino e a cultura xeral. Os dous primeiros ministros, Marcelino Domingo e Fernando de los Ríos, xunto a intelectuais de renome como Manuel Bartolomé Cossío, Antonio Zozaya, Luis Bello, Ángel Llorca os irmáns Barnés Salinas e tantos outros, dedicaron tempo, economía e esforzos para garantir a educación e a instrución para todos os habitantes, sen dogmas, sen atados. A meta final era crear homes e mulleres libres, soberanos de si mesmos, con espírito crítico, persoas non submisas, independentes de todo credo e ligaduras. Os súbditos de sempre ían converterse en cidadáns da República.
A bibliografía sobre o ensino durante os anos republicanos resulta abondosa e as investigacións e publicacións sobre esta cuestión semella non ter pausa. A creación de escolas e as melloras nas condicións de traballo de mestres e mestras foron unha conquista republicana hoxe ben coñecida, sen esquecer a decisiva execución de arrebatar o ensino das mans da Igrexa católica, monopolizadora ata entón da educación e a ensinanza. Mais resulta paradoxal o descoñecemento imperante cando falamos de bibliotecas e lectura socializada, cuestións que a República situou no mesmo plano vital que a escola. A importancia e prioridade dos centros de ensino correu parella á creación de bibliotecas e a modernización dos fondos bibliográficos.
A importancia e prioridade dos centros de ensino correu parella á creación de bibliotecas e a modernización dos fondos bibliográficos
Sen dúbida, quen mellor clarificou a devandita afirmación foi Marcelino Domingo. O 26 de xullo de 1935, o mestre, xornalista e político catalán, varias veces ministro durante a etapa republicana, publicou un pequeno artigo en El Mercantil Valenciano baixo o título “Ha de convertirse España en una escuela”, onde subliñaba: “Era preciso sementar España de bibliotecas. O ideal era este: que non houbera pobo sen escola; que non houbera escola sen biblioteca. A escola, cumprindo a súa función social, e esta función social continuada pola biblioteca. A escola ensinando a ler; a biblioteca facilitando os medios de lectura (...). A escola, sendo a biblioteca dos nenos; a biblioteca, sendo a escola dos homes (...). A República situou a escola en primeiro plano e a biblioteca no mesmo plano que a escola”. Non eran as palabras de Domingo meras declaracións de intencións. Algo similar pensaba o socialista Rodolgo Llopis, inspector de ensino, cando en 1933 publicou en Madrid La revolución en la escuela: dos años en la Dirección General de Primera Enseñanza. Alí, o pedagogo alacantino defendía a idea de que só as grandes cidades – cun acceso á educación, en teoría, máis doado – eran republicanas, ao contrario co que acontecía nas pequenas vilas, suxeitas á tradición e, en consecuencia, pouco proclives á República. Llopis pensaba que a creación de escolas e o espallamento dos libros e a lectura por todos os recunchos do país podería remudar aquela eiva.
Antes do inicio da sublevación militar, as Misións Pedagóxicas crearon en España máis de 5.500 bibliotecas (máis de catrocentas en Galiza), situándoas nas pequenas escolas do rural, aliadas cos mestres e as mestras, almas xemelgas dos bibliotecarios
Libros e bibliotecas. A semente da que falaba Domingo asentaría os principios e valores republicanos. Así, en maio de 1931 nacen as Misións Pedagóxicas que, desde moitas frontes (museos, monicreques, teatro, cinematografía), darían un pulo aos centros de lectura ata entón descoñecido. Antes do inicio da sublevación militar, as Misións crearon en España máis de 5.500 bibliotecas (máis de catrocentas en Galiza), situándoas nas pequenas escolas do rural, aliadas cos mestres e as mestras, almas xemelgas dos bibliotecarios. Ademais, a Xunta de Intercambio e Adquisición de Libros para Bibliotecas públicas modernizou os fondos bibliográficos, ampliou as áreas de coñecemento e acadou bibliotecas onde o peso dos libros de teoloxía, a historia relixiosa, de haxiografías de santos e os comentarios á Biblia e aos evanxeos, deixou, ao fin, de ser maioritario.
Atraer e suxeitar o interese dos lectores e converter as bibliotecas en centros de estudo e progreso científico, é dicir, crear eficaces instrumentos de cultura social: eses foron os grandes logros das autoridades republicanas. Avances que correron en paralelo á democratización da sociedade na primavera de 1931 e ao cambio nas estruturas socio-económicas do Estado. De este modo, xurdiu a necesidade de establecer un modelo educativo radicalmente distinto do xa existente. Porque, tal e como apuntou nun traballo Ana Martínez Rus, ata a chegada da República “nunca antes ningún goberno tivo tanta sensibilidade e preocupación polas cuestións educativas e culturais en España”.
O libro acadou o status de ferramenta de progreso e xustiza social. As bibliotecas foron, en definitiva, o símbolo do cambio da sociedade española
Aquela “irritante desigualdade de oportunidades ante a educación”, segundo escribiu Luis García Ejarque, rematou durante uns anos grazas á política bibliotecaria da Segunda República que asumiu como propia a cultura de masas, impulsándoa a través dun vendaval de leis e decretos. A resultante última ficou nun fenómeno – a lectura socializada – asombroso nun país instalado antes do 14 de abril na Idade Media e, deste xeito, o libro acadou o status de ferramenta de progreso e xustiza social. As bibliotecas foron, en definitiva, o símbolo do cambio da sociedade española. Boa proba do afirmado foi a positiva resposta social ante a oferta e oportunidade de acceso ao libro, amosando elevados índices de lectura, crecemento das compañías editoriais, incrementos nas vendas e tiradas de títulos e masivas participacións nas novidosas feiras do libro.
O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 rematou cos sonos e esperanzas e botou abaixo todos os avances que con tanto esforzo conquistaron os anos republicanos. O inicio da Guerra Civil desbaratou o camiño iniciado cara a cultura e a civilización. Ninguén mellor que Josep Fontana para resumir todo o sucedido: “É imposible entender o que significou a Segunda República española, e os motivos polos que a combateron os sublevados de 1936, se pasamos por alto diferencias tan fundamentais como esta: a República construíu escolas, creou bibliotecas e formou mestres; o réxime do 18 de xullo dedicouse desde o primeiro momento a pechar escolas, queimar libros e asasinar mestres”.