Carmen Pescador del Hoyo, sancionada por vestir pantalóns

Carmen Pescador del Hoyo © Ministerio de Cultura

Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.

 

O seu primeiro destino foi a Biblioteca Pública de León en 1931. Non esquezamos este lugar: a compra duns libros por orde da bibliotecaria marcará, no futuro, o seu expediente de depuración. Axiña foi trasladada a Madrid e xa en maio de 1932 atopamos a Carmen integrando a nómina de funcionarios do Arquivo Xeral Central de Alcalá de Henares

A traxectoria profesional desta muller brillante, culta, intelixente e de tradición humanística, percorreu un camiño iniciado na Biblioteca Pública de León en 1931 e culminado cincuenta anos despois no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares, onde acadou a súa xubilación en xaneiro de 1981. Entre medias, varios destinos en bibliotecas públicas e arquivos das delegacións de Facenda (Salamanca e Zamora) ata acadar, en 1949, un posto no Arquivo Histórico Nacional de Madrid. En definitiva, medio século de fecundo traballo nas bibliotecas e nos arquivos que, ademais, tivo a súa mostra na publicación de case trinta estudos monográficos, varias colaboracións en obras colectivas e ducias de artigos en revistas especializadas. Unha parte desa ampla produción bibliográfica foi recollida por Agustín Ruiz Cabriada na súa Bio-bibliografía del Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos (1958) así como polo Diccionario biográfico da Real Academia da Historia (en liña). Pero nin o primeiro nin a institución mencionan a persecución franquista, o seu proceso depurador e os castigos derivados da instrución do seu expediente. Como sabemos, a RAH atesoura moito de real e de academia, mais moi pouco de historia.

Filla do comandante de Artillaría Fermín Pescador Sánchez e de Emilia del Hoyo Paules, María del Carmen Pescador del Hoyo naceu en Guadalaxara o 18 de xaneiro de 1911. Acadou a licenciatura en Filosofía e Letras, Sección Historia, na Universidade Central madrileña onde, en 1935, defendeu a súa tese de doutoramento. Ademais, entre 1932 e 1936 foi bolseira no Centro de Estudios Históricos ás ordes de Sánchez Albornoz dentro do Instituto de Estudios Medievais. Eran os proveitosos anos republicanos. Antes, e tras superar as oposicións, Pescador de Hoyo ingresou no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) o 8 de agosto de 1931. O seu primeiro destino foi, como xa avanzamos, a Biblioteca Pública de León. Non esquezamos este lugar: a compra duns libros por orde da bibliotecaria marcará, no futuro, o seu expediente de depuración. Pero, seguindo co relato, axiña foi trasladada a Madrid e xa en maio de 1932 atopamos a Carmen integrando a nómina de funcionarios do Arquivo Xeral Central de Alcalá de Henares. Como a moitos compañeiros, a Guerra Civil sorprendeuna de vacacións, no seu caso en León, cidade que caeu nas mans dos sublevados dous días despois do inicio da sublevación.

A Guerra Civil sorprendeuna de vacacións, no seu caso en León, cidade que caeu nas mans dos sublevados dous días despois do inicio da sublevación. Ante a imposibilidade de reincorporarse ao seu posto de traballo no Arquivo Central de Alcalá de Henares, Carmen Pescador de Hoyo foi destinada polas autoridades sublevadas á Biblioteca Pública de Zamora

Ante a imposibilidade de regresar a Madrid, capital leal sempre á República, e reincorporarse ao seu posto de traballo no Arquivo Central de Alcalá de Henares, Carmen Pescador de Hoyo foi destinada polas autoridades sublevadas á Biblioteca Pública de Zamora para de seguido exercer nos arquivos das delegacións de Facenda de Salamanca e, outra vez, Zamora. Foi nestes lugares onde comezou a primeira parte do episodio inquisidor. O 2 de xaneiro de 1937 a Comisión Depuradora C da Provincia de Zamora incoou o expediente de depuración contra Carmen, tramite que daría por finalizado o 7 de abril de 1938. Avancemos que aquelas comisións, catro en total e de carácter provincial, foron creadas por un Decreto do 8 de novembro de 1936 co obxectivo de purgar o ensino español nas zonas controladas polos sublevados. As comisións nomeadas A e B depuraron o persoal que traballaba nas universidades; a Comisión D encargouse do profesorado incluído no Maxisterio; e, por último, a C limpou os desafectos nos Institutos de Segunda Ensinanza así como aos funcionarios do Ministerio de Instrución Pública non incluídos en calquera das outras comisións depuradoras. Este era o caso dos facultativos de arquivos e bibliotecas.

Pescador del Hoyo foi acusada na Comisión Depuradora C da Provincia de Zamora de “presumir de izquierdismo y de simpatía por el mismo”

Pescador del Hoyo foi acusada na Comisión Depuradora C da Provincia de Zamora de “presumir de izquierdismo y de simpatía por el mismo”. O expediente – conservado no Arquivo Histórico Provincial de Zamora – contén, ademais, outras acusacións que raiaban na paranoia: “lleva pantalones” e, ademais, “su novio es defensor del amor libre”. Carmen, segundo esta documentación, “estaba en relaciones avanzadas con el Oficial de Correos, marxista, Sr. [José] Juste Blázquez”. Todo un desvarío, un delirio asombroso propio de dementes. A loucura da Comisión rematou cun castigo exemplar: por maioría dos seus membros, Pescador del Hoyo foi sancionada na primavera de 1938 con suspensión de emprego e soldo durante un ano. Pero a persecución acababa de iniciarse porque, en 1940, entrou en xogo o temible xuíz instrutor do CFABA: Miguel Gómez del Campillo, director do Arquivo Histórico Nacional e de quen falaremos en próximas entregas.

Cando rematou a guerra e chegou a vitoria – non confundir coa paz – unha nova norma veu para substituír ás comisións depuradoras: a Lei de 10 de febreiro de 1939 para a depuración dos funcionarios públicos, unha estada xurídica que investigou a todos os funcionarios públicos do Estado para limpar e sanear o cheiro republicano ou esquerdista de moitos deles. O filtro depurador afectou a diplomáticos, xuíces, fiscais e avogados, membros do Maxisterio, do Ensino Medio e das universidades, funcionarios de aduanas, traballadores das compañías arrendatarias de Tabacos, subalternos de ministerios, deputacións e concellos, operarios dos camiños de ferro e, por suposto, facultativos de arquivos, bibliotecas e museos arqueolóxicos. Moitos serán sancionados en diferentes graos de acordo á devandita lei.

O expediente – conservado no Arquivo Histórico Provincial de Zamora – contén, ademais, outras acusacións que raiaban na paranoia: “lleva pantalones” e, ademais, “su novio es defensor del amor libre”

O expediente de depuración contra Carmen Pescador del Hoyo pode consultarse no Arquivo Xeral da Administración baixo a signatura Educación 31/6058. O xuíz instrutor único designado para investigar á súa compañeira de profesión, Miguel Gómez del Campillo, iniciou o seu traballo o 16 de febreiro de 1940. A finais dese mes, o arquiveiro cominou a unha xa sinalada Carmen Pescador para que presentara a súa declaración xurada preceptiva para superar o proceso depurador. Mentres, o primeiro día de marzo de 1940, Gómez del Campillo contactou co navarro Marcelino de Ulibarri, carlista, integrista convencido e íntimo amigo de Franco, que dirixía a Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos, radicada en Salamanca. O xuíz instrutor único solicitaba información “acerca de los antecedentes masónicos y sociales que puedan existir en el fichero personal (...) del funcionario facultativo [sic] Doña María del Carmen Pescador del Hoyo (...)”. Gómez del Campillo non preguntaba nada: buscaba documentos que referendaran o concepto que sobre Pescador del Hoyo circulaba entre a profesión. É dicir, que era unha muller “de ideas izquierdistas muy acusadas [e] protegida por las izquierdas ya desde su carrera”. O asunto pintaba mal para Carmen.

A tempestade, con todo, chegará o 8 de abril de 1940 cando Gómez del Campillo dirixa un oficio a Carmen Jalón Gómez, xefa da Biblioteca Pública de León. Alí, o xuíz único demandaba a “certificación de las obras adquiridas en el año 1932, en que fue jefe de esa biblioteca la referida señorita"

A tempestade, con todo, chegará o 8 de abril de 1940 cando Gómez del Campillo dirixa un oficio a Carmen Jalón Gómez, xefa da Biblioteca Pública de León. Alí, o xuíz único demandaba a “certificación de las obras adquiridas en el año 1932, en que fue jefe [sic] de esa biblioteca la referida señorita [Carmen Pescador], haciendo constar en la misma autor y título (...) especificando, si constara, los motivos por los que se habían adquirido tales obras”. A relación remitida ao Arquivo Histórico Nacional – sede do xulgado – non deixaba lugar a dúbidas das “ideas esquerdistas” de Pescador del Hoyo, segundo confirmou Gómez del Castillo. Na lista de libros adquiridos en 1932 aparecían autores agora proscritos: Karl Marx (El capital; El socialismo), Lenin (Ideario bolchevista; El comunismo de izquierda); Piotr Kropotkin (El anarquismo); León Trotski (Mi vida); Georges Sorel (El sindicalismo revolucionario); Jean-Jacques Rousseau (Las confesiones); Max Beer (Historia general del socialismo)... Tampouco faltaban autores de orixe española como Luis Jiménez de Asúa e o seu Libertad de amar y derecho a morir, Gregorio Marañón cos Tres ensayos sobre la vida sexual ou Augusto Riera, autor de El comunismo en acción. Como remate e para pechar o círculo, digamos que outros títulos adquiridos por Pescador del Hoyo eran Venus sensual (fisiología del amor) do doutor Koch, Higiene del embarazo de Manuela Solís, Estudio sobre la virginidad, Enfermedades de la mujer, Cartilla sexual, Higiene de la mujer... estudos todos eles que xa non cadraban no maxín nacional-católico e no ideario do Estado Novo. Carmen Pescador del Hoyo xa estaba sentenciada.

O oficio número 604 asinado polo arquiveiro e instrutor resulta patético, quer nas opinións vertidas contra Carmen Pescador, quer nos razoamentos empregados, o léxico abafante e as sancións propostas

Luis Pescador del Hoyo, irmán da arquiveira, foi un reputado médico cardiólogo a quen durante a Segunda Guerra Mundial lle foi concedida a “Cruz del Mérito de la Orden del Águila Alemana” e, xa en 1967, a “Gran Cruz de la Orden del Mérito Civil”. No ocaso da ditadura, Luis era un dos integrantes do “equipo médico habitual” que asinaba os comunicados onde se informaba da pésima saúde de Francisco Franco así como do remate da súa vida. Así que, como resulta evidente, non era un bolxevique nin un libertario. Pois ben, tamén Luis pasou polo filtro depurador e en 1938 – cando exercía como auxiliar na Facultade de Medicina da Universidade Central de Madrid – superou sen problemas toda investigación. Pero, no informe asinado o 14 de febreiro de 1938 pola Comisión Depuradora A de Zaragoza aparece unha grave acusación contra a súa irmá Carmen: “(...) su hermana Carmela Pescador del Hoyo, comunista y también perteneciente a la Institución Libre de Enseñanza (...)”. A sorte da arquiveira non podería ir a peor.

Pero, por outro lado e sobre todo, unha situación crítica sempre pode conducir ao abismo. Gómez del Campillo era un hábil investigador, todo hai que dicilo, e logrou atopar un expediente redactado en Madrid a principios de 1937 no cal as autoridades legais republicanas amosaban a situación de Carmen Pescador tras o inicio da sublevación militar. No texto podemos ler sobre ela: “Readmisión [no CFABA], pero no mencionarla. Está en León y no se tienen noticias de ella”. O instrutor Miguel Gómez del Campillo acababa de pechar o círculo e as simpatías republicanas de Pescador del Hoyo afloraban para desgraza súa.

As propostas de sanción contra Pescador del Hoyo foron as seguintes: prohibición de solicitar cargos vacantes durante dous anos, postergación durante outros tres e, por último, inhabilitación para o desempeño de postos de mando ou de confianza coa prohibición de traballar en bibliotecas onde poida estar en contacto co público xuvenil

O 10 de marzo de 1941, Gómez del Campillo elevou as súas consideracións definitivas ao Director Xeral de Arquivos e Bibliotecas, Miguel Jerónimo Artigas y Ferrando, máximo responsábel da Biblioteca Nacional de Madrid. O oficio número 604 asinado polo arquiveiro e instrutor resulta patético, quer nas opinións vertidas contra Carmen Pescador, quer nos razoamentos empregados, o léxico abafante e as sancións propostas. Despois de avanzar as “alegacións” contra Pescador del Hoyo, Gómez del Campillo conclúe cunha pretensión tan inxusta como demoledora, algo extensa pero que merece ser reproducida na súa integridade: “Lo que es imperdonable en un funcionario al frente de una Biblioteca pública y más si cabe siendo femenino [sic], es la adquisición, registro y comunicación al público de obras capaces de corromper y pervertir el espíritu y el cerebro de la juventud, con pornografías y obscenidades disfrazadas con el aparato científico, que sí podrá poseer un médico especialista en enfermedades morbosas, huelgan siempre en los catálogos y anaquelerías de una Biblioteca pública frecuentada principalmente por gente joven”.

Continúa o xuíz instrutor: “Lo mismo puede decirse de las obras más avanzadas del comunismo y libertarismo internacional que leídos sin experiencia, comprobación ni controversia, han dado por resultado esas fieras que han sembrado la devastación y la muerte en suplicios crueles por la mayor parte del territorio nacional”. Para finalizar, Gómez del Campillo cualifica a Carmen Pescador como un “caso análogo no creo que se haya dado en ningún otro funcionario del Cuerpo ni aun de zona roja”. Ao fin, as propostas de sanción contra Pescador del Hoyo foron as seguintes: prohibición de solicitar cargos vacantes durante dous anos, postergación durante outros tres e, por último, inhabilitación para o desempeño de postos de mando ou de confianza coa prohibición de traballar en bibliotecas onde poida estar en contacto co público xuvenil.

O 9 de xuño de 1949, Pescador del Hoyo logrou o traslado a Madrid, incorporándose ao Arquivo Histórico Nacional. Especialista e pioneira da informática aplicada aos arquivos, Carmen Pescador publicou traballos que hoxe son referencia para os estudantes de documentación

As sancións propostas por Gómez del Campillo foron asumidas na súa totalidade polo Director Xeral de Arquivos e Bibliotecas, Artigas y Ferrando, quen, a súa vez, as elevou ao ministro de Educación Nacional, José Ibáñez Martín. Este ratificou o oficio e os castigos nunha Orde de 12 de maio de 1941, publicada no Boletín Oficial do Estado o 24 do mesmo mes. Alí quedaba expresado o traslado de Pescador del Hoyo da Biblioteca pública de Zamora ao Arquivo da Delegación de Facenda da mesma provincia. Case un ano despois, en marzo de 1942, Carmen Pescador solicitou a revisión do seu expediente de depuración. O día 27 o ministro informaba ao Director Xeral de Arquivos e Bibliotecas que “que no ha lugar a la revisión instada” e, en consecuencia, “queda firme la sanción que le fue impuesta por Orden de 12 de mayo de 1941”. En abril de 1943, Carmen Pescador ocupaba o posto 192 dos 283 integrantes do CFABA e estaba destinada no Arquivo da Delegación de Facenda de Zamora. Malia os anos traballados no seno do Corpo Facultativo, o baixo lugar que ocupaba na escala indicaba os efectos da marxinación ditaminada tras avaliarse o seu expediente de depuración.

O 9 de xuño de 1949, Pescador del Hoyo logrou o traslado a Madrid, incorporándose ao Arquivo Histórico Nacional. Especialista e pioneira da informática aplicada aos arquivos, Carmen Pescador publicou traballos que hoxe son referencia para os estudantes de documentación, como El archivo, instrumentos de trabajo (1986) e El archivo, instalación y conservación (1988), dúas mostras de rigor científico e técnico e dunha excepcional e sobresaínte capacidade de traballo.

Carmen Pescador del Hoyo faleceu en Madrid o 18 de outubro de 1990. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.