Melchor Lamana Navascués, o último depurado do Franquismo

Melchor Lamana Navascués © https://cesbor.blogspot.com/

Bibliotecarios e represión franquista. Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.

 

Se falamos da persecución franquista desatada tras a finalización da Guerra Civil contra os traballadores dos arquivos, bibliotecas e museos arqueolóxicos, a historia deste arquiveiro aragonés presenta características únicas e diferenciadas respecto do resto dos seus compañeiros de profesión

De entre todos os funcionarios que formaban parte do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA), o caso que agora presentamos resulta, cando menos, extraordinario e notoriamente singular. Porque, se falamos da persecución franquista desatada tras a finalización da Guerra Civil contra os traballadores dos arquivos, bibliotecas e museos arqueolóxicos, a historia deste arquiveiro aragonés presenta características únicas e diferenciadas respecto do resto dos seus compañeiros de profesión: foi xulgado e sentenciado en consello de guerra sumarísimo, cumpriu condena en varias cárceres do Estado e, como consecuencia do anterior, foi declarado “excedente” na escala do CFABA. Por último, el mesmo solicitou ser depurado para poder reingresar no Corpo Facultativo en 1954, 18 anos despois de iniciarse a sublevación contra a República e 15 desde que rematara a contenda.

Melchor Lamana Navascués naceu o 6 de xaneiro de 1900 no seo dunha familia humilde asentada en Fuendejalón, un diminuto concello situado a sesenta quilómetros de Zaragoza. Unha infancia dura na que traballou como pastor non impediu que Melchor devorara todo tipo de lecturas e, así, a Deputación Provincial lle concedeu bolsas de estudo ata que puido matricularse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Zaragoza onde acadou a licenciatura na Sección de Historia. En 1926 ingresou por oposición na Escola de Telecomunicacións e un ano máis tarde embarcou no Artza-Mendi traballando como radiotelegrafista para a Compañía Hispano Marítima. Nese momento decidiu integrarse na Unión de Radiotelegrafistas Españoles (URE), sindicato afín á UGT.

Tras superar unhas duras oposicións convocadas o 24 de novembro de 1930, Melchor logrou ingresar o 8 de agosto de 1931 no CFABA. O seu primeiro destino foi o Arquivo da Delegación de Facenda de Granada. Daquela, ocupaba o posto 233 dun total de 294 funcionarios integrantes do CFABA. O seu último ascenso data do 6 de maio de 1934, momento no que acada a máxima responsabilidade no Arquivo da Chancillería de Granada. Para entón, Melchor levaba uns anos casado con Antonia Úbeda Hernández, coa que tivo tres fillos, dous deles nacidos na capital nazarí. Aquí coñeceu e trabou unha fonda amizade con Federico García Lorca.

En 1934 Melchor solicita a alta no Partido Socialista Obrero Español e nas eleccións de febreiro de 1936 será o apoderado do mesmo en Huéscar, concello situado na zona máis setentrional da provincia de Granada. Cinco meses máis tarde, o golpe de Estado dos militares africanistas alterará por completo a vida de Lamana Navascués. O baño de sangue e o inicio das matanzas na capital andaluza deberon aterrorizar ao arquiveiro, especialmente cando tivo noticia do asasinato de García Lorca o 18 de agosto. Melchor decidiu ocultarse, pasar desapercibido. Entón, comezou o seu calvario.

Expediente de depuración de Melchor Lamana Dominio Público

O golpe de Estado triunfou con celeridade en Granada, onde – tras o bombardeo da escasa resistencia xurdida no Albaicín – a capital quedou controlada xa o 20 de xullo. O arquiveiro sufriu entón a primeira medida represiva: suspensión de emprego e soldo “atendiendo su ideología contraria al Glorioso Movimiento Nacional”

O expediente 31/6058, conservado no Archivo General de la Administración de Alcalá de Henares, proporciona cuantiosa e reveladora información sobre a traxectoria vital e profesional de Melchor Lamana tras o inicio da Guerra Civil. O golpe de Estado triunfou con celeridade en Granada, onde – tras o bombardeo da escasa resistencia xurdida no Albaicín – a capital quedou controlada xa o 20 de xullo. O arquiveiro sufriu entón a primeira medida represiva: suspensión de emprego e soldo “atendiendo su ideología contraria al Glorioso Movimiento Nacional”. De feito, o 5 de setembro de 1936 o xefe da Comisaría de Investigación e Vixilancia de Granada comunicaba co reitor da universidade para ofrecer a relación de “individuos que deben ser eliminados de las correspondientes nóminas por pertenecer a los partidos del Frente Popular”. Ademais do propio Lamana, na listaxe aparecen os nomes de José Domingo Quílez, da Facultade de Ciencias, Miguel Jiménez Castillo, do Instituto Ganivet, Joaquín Sabrás Gurrea, catedrático de Matemáticas, e, por último, o mugardés José Rubia Barcia, entón bolseiro da Escuela de Estudios Árabes. Melchor, entón de 36 anos, permaneceu calado agardando o paso do trebón. Entón, chegou a noticia.

Procedente de Zaragoza, unha carta datada o 13 de setembro informaba a Melchor que o seu irmán Teodoro estaba detido por forzas de Falange Española. Teodoro tiña todas as papeletas para ser “paseado”: era mestre accidental en Villanueva de Huerva, un diminuto concello a 50 quilómetros ao sur de Zaragoza que en 1930 non alcanzaba os mil habitantes. A ese “delito” habería que engadir outro se acaso máis grave: militante de Izquierda Republicana. Mestre e azañista, Teodoro camiñaba cara a morte... Entón, Melchor partiu de Granada (descoñecemos os medios) e alcanzou Zaragoza, onde residían os seus anciáns pais, Pedro e Petra.

Con todo, o irmán do arquiveiro foi liberado e decidiu acudir á casa dos seus proxenitores. Entón ocorreu algo inesperado: o párroco de Osso de Cinca (un pequeno axuntamento da provincia de Huesca) apareceu morto cosido a balazos. Teodoro – que tiña a praza de mestre en propiedade naquel lugar – entrou en pánico e, segundo a declaración de Melchor que obra no seu expediente, “aumentó enormemente su alarma, metiéndosele en la cabeza la idea absurda de que podría ser objeto de represalias por aquel hecho si llegaban a detenerle”, outra vez. Deste xeito deu inicio o suceso que marcaría o porvir de Melchor: a fuxida.

Teodoro estaba agochado en Villanueva de Huerva e convenceu a toda a familia da conveniencia de fuxir cara zona leal á República. Así, a noite do 8 ao 9 de novembro de 1936, o matrimonio Lamana e os tres fillos – Teodoro, Melchor e Inocencio, tamén mestre, de 30 anos – emprenderon a escapada. O cansazo da ancián parella provocou que quedaran agochados no monte e tiveran que agardar polos seus fillos, que prometeron regresar con axuda unha vez traspasadas as liñas inimigas. Nunca sucedeu. Unha patrulla de militares sublevados deulles o alto e só Teodoro puido fuxir. Melchor e o seu irmán Inocencio foron detidos e ingresaron en prisión a espera de xuízo. Os soldados tentaron localizar aos pais, Pedro e Petra, sen resultado positivo. Tempo despois souberon que o matrimonio e Teodoro alcanzaran territorio leal. Mentres, Melchor e Inocencio ingresaban na prisión de Cariñena (Zaragoza).

A sentenza, como era de agardar, resultou de culpabilidade: reclusión perpetua, é dicir, trinta anos de reclusión maior. Ademais da pena de cárcere, os dous irmáns – funcionarios públicos – quedaban sometidos á inhabilitación absoluta para traballar durante o tempo que marcara a condena

A instrución da causa militar número 2256/1938 foi rápida e a sesión do xuízo contra os irmáns Lamana aínda máis. O Consello de Guerra tivo lugar en Zaragoza o 25 de febreiro de 1939 nunha única sesión presidida polos membros do Corpo Xurídico Militar Esteban del Barrio de Miranda, Antonio González Salinas, Bernabé González de Luis, Saturnino Bueno Alda e Tomás Martínez. A acusación contra o arquiveiro e o mestre eran perigosas para a súas integridades: adhesión á rebelión militar, todo un despropósito vendo de quen viña.

A sentenza, como era de agardar, resultou de culpabilidade: reclusión perpetua, é dicir, trinta anos de reclusión maior. Entre as probas aportadas polo fiscal cabe subliñar a “absoluta identificación [dos procesados] con la causa marxista y que ella refleja la comisión del delito de adhesión a la rebelión”. Un sarcasmo absoluto. Ademais da pena de cárcere, os dous irmáns – funcionarios públicos – quedaban sometidos á inhabilitación absoluta para traballar durante o tempo que marcara a condena. Melchor cumpriu a sentenza – conmutada a tres anos de prisión menor – nas prisións de Zaragoza e na Provincial de Bilbao. Da cidade vasca partiu en liberdade condicional cara Granada. Era o 20 de outubro de 1940.

Expediente de depuración de Melchor Lamana Dominio Público

A fortuna sorriu a Melchor cando acadou un posto como profesor de ensino medio e superior no Colexio da Abadía do Sacro-Monte de Granada. Non era moito mais, co seu pasado, o arquiveiro debeu sentirse aliviado. No curso 1941/1942 comezou o seu novo traballo e, con todo, atrevémonos a pensar que Lamana sempre tivo no seu maxín retornar a súa verdadeira vocación: o arquivo. Anos máis tarde, Melchor atopou na Lei de 18 de decembro de 1946 a canle que permitiría ver os seus sonos realizados, é dicir, reingresar no CFABA. O arquiveiro nunca fora declarado como “baixa” e, de feito, nas escalas elaboradas tras a fin da Guerra Civil o seu nome aparece consignado como un funcionario máis, malia que coa cualificación de “excedente” ou “excedente forzoso”. Outro sarcasmo.

Así, na relación de profesionais totalizada en 20 de febreiro de 1941 Melchor Lamana aparece na última categoría, sen número xeral nin destino e coa aclaración: “Excedente por sentencia del Tribunal [militar] de 25-XI [sic]-1939”. Na seguinte escala publicada, correspondente ao día 1 de abril de 1943, o arquiveiro repite sen asignación numérica entre os postos 203 e 204 pero agora cun máis disimulado “Supernumerario”, dando a entender un desexo voluntario solicitado polo propio funcionario de non traballar no arquivo para desenvolver outras actividades. Nada máis lonxe da realidade. Entón, comezou o seu segundo viacrucis particular, un calvario que rematará na primavera de 1954.

Durante todo o mes de marzo de 1948 o arquiveiro estivo dedicado a recoller avais e informes de persoas de “recoñecida solvencia” para garantir a súa non culpabilidade, o seu celo profesional, o seu proceder moral e relixioso, a súa conduta integrada no Novo Estado...

Melchor Lamana comezou os trámites de solicitude de reingreso no CFABA en agosto de 1947 acolléndose aos beneficios outorgados na xa citada Lei de 18 de decembro de 1946. O primeiro paso, dado o 8 de outubro de 1947, foi a petición de depuración, segundo ordenaba a terrorífica Lei de 10 de febreiro de 1939 sobre depuración de funcionarios públicos – da que falaremos polo miúdo en posteriores entregas –. O 3 de xaneiro de 1948 quedou aberto o expediente de Melchor e, así, deu comezo a limpeza do arquiveiro. A lei obrigaba, en primeiro termo, a presentar unha declaración xurada. Asinada por Lamana o 20 de febreiro de 1948, alí o aspirante á depuración debía contestar a preguntas do estilo: “Servicios prestados en favor del Movimiento Nacional”, “Pertenece o ha pertenecido a la Masonería”, “Partidos políticos y entidades sindicales a que ha estado afiliado”... Melchor contestou con absoluta sinceridade. Non era masón e si militou na UGT... Un mero trámite.

Durante todo o mes de marzo de 1948 o arquiveiro estivo dedicado a recoller avais e informes de persoas de “recoñecida solvencia” para garantir a súa non culpabilidade, o seu celo profesional, o seu proceder moral e relixioso, a súa conduta integrada no Novo Estado... Tivo moita sorte Melchor. Todos certificaron a favorábel observación da súa vida en todos os aspectos. Así, declararon de maneira positiva os responsables e cóengos do Colexio e da Abadía de Sacro-Monte, tamén antigos compañeiros do arquivo da Chancillería... mesmo o xefe do Servizo de Información da Garda Civil de Granada sinalou a boa conduta en xeral de Lamana, afirmando que carecía de antecedentes político-sociais que puideran considerarse graves. 

Melchor Lamana terá que agardar varios anos máis ata ver satisfeitas as súas demandas. A lentitude do procedemento semella unha estratexia engadida na roda do círculo represivo. Non resultou doado para o arquiveiro observar como, ben entrada a década dos 50, aínda non estaba resolto o seu expediente de depuración, impedindo así o reingreso na profesión

O 15 de marzo de 1948 Melchor recibiu o prego de cargos remitido pola Delegación do Xulgado Superior de Revisións de Granada, un documento que o afectado tiña que contestar nun prazo de dez días e no que aparecen subliñadas tres acusacións que Lamana tivo que rebater con argumentos e intelixencia. A primeira mencionaba a súa militancia socialista anterior ao 18 de xullo de 1936; a segunda acusación trataba a suspensión de emprego e soldo; e a terceira – a máis delicada – falaba da tentativa de fuxida dende Zaragoza a “zona roja”. Foi neste último punto onde Melchor amosou unha admirábel refutación: falou do medo insuperábel que o seu irmán Teodoro inxectou a toda a familia, medo que chegou “a sugestionarnos a todos, en especial a mis padres, ya muy ancianos”, arrastrando a toda a familia “a la ejecución de sus deseos”. Aquelo ocorría “agrandado por las especiales circunstancias de entonces”, motivando “a toda la familia a correr el riesgo (...) de intentar el tránsito a zona roja”. Así, Melchor aparecía como un inocente manipulado que asinaba a súa exculpación o 22 de marzo de 1948.

Malia todo, Melchor Lamana terá que agardar varios anos máis ata ver satisfeitas as súas demandas. A lentitude do procedemento semella unha estratexia engadida na roda do círculo represivo. Non resultou doado para o arquiveiro observar como, ben entrada a década dos 50, aínda non estaba resolto o seu expediente de depuración, impedindo así o reingreso na profesión. O documento foi validado por un informe da Sección de Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Educación Nacional asinado o 5 de novembro de 1953. Pero, ollo, outra vez o castigo por diante: traslado forzoso fóra da provincia de Granada e inhabilitación para optar a cargos de confianza ou responsabilidade.

O seu novo destino será o Arquivo da Delegación de Facenda de Xaén, un posto menor, “de provincias”, considerado pola elite do CFABA como un desprestixio: era o máximo ao que poderían optar aqueles funcionarios republicanos e demócratas con arelas de liberdade

O 26 de xaneiro de 1954 o Xulgado Superior de revisións sentenciaba a readmisión de Melchor no CFABA e unha semana despois o Consello de Ministros confirmaba que o arquiveiro estaba xa depurado e listo para reincorporarse no traballo. Ao fin, o ministro de Educación Nacional Joaquín Ruiz-Giménez – que ocupou o cargo entre 1951 e 1956 – asinou a orde pola que se lle concedía o reingreso no Corpo Facultativo a Melchor Lamana Navascués. O seu novo destino será o Arquivo da Delegación de Facenda de Xaén, un posto menor, “de provincias”, considerado pola elite do CFABA como un desprestixio: era o máximo ao que poderían optar aqueles funcionarios republicanos e demócratas con arelas de liberdade.

O nome de Melchor Lamana non aparece no libro publicado polo facultativo Agustín Ruiz Cabriada titulado Bio-bibliografía del Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, unha extensa relación de nomes de funcionarios que exerceron o seu labor entre 1858 e 1958. O esquecemento e ocultación do nome de Melchor resulta algo normal se atendemos ao cheiro franquista do autor e da obra. Pero tampouco está mencionado Lamana no dicionario biográfico da Fundación Pablo Iglesias, unha potente ferramenta en liña aberta a investigadores e estudosos do movemento socialista en España. Así é o país da desmemoria. 

Melchor Lamana Navascués faleceu en Xaén en 1967.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.