Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.
O expediente de depuración deste bibliotecario reúne todas as características que explican como foi o camiño seguido no proceso represivo que padeceron moitos integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA)
O expediente de depuración deste bibliotecario reúne todas as características que explican como foi o camiño seguido no proceso represivo que padeceron moitos integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA). Con Madrid como escenario único e de fondo, son moitas as razóns que sustentan a devandita afirmación. Por un lado, a documentación que agora sacamos á luz engloba, en realidade, dous sumarios: a chamada “carpeta verde” ou “expediente roxo” – iniciado en 1936 polas autoridades republicanas – e o definitivo incoado en 1939 polos vencedores na Guerra Civil; en segundo lugar, a persoa investigada amecía a súa militancia republicana e socialista a condición de sacerdote secularizado, algo que marcará as sancións finais; e, por último, engadamos que o seu proceso representa un claro caso de “lawfare” – a instrumentalización da xustiza para inhabilitar aos opoñentes, agora tan en voga – pois a parte favorábel no seu expediente franquista foi ocultada polo xuíz instrutor, Miguel Gómez del Campillo, coa única finalidade de prexudicar ao investigado. Tal era a xenreira contra o bibliotecario que mesmo as autoridades franquistas alteraron o seu segundo apelido, engadindo un “o” e modificando o Pohl para converterse en Pohol, talvez nunha absurda tentativa de castelanizar o nome de familia orixinal da súa nai.
José Álvarez de Luna Pohl (nada que ver co criminal de guerra nazi e SS Oswald Pohl, executado en 1951 polas forzas aliadas) naceu en Sevilla o 21 de xullo de 1877. Tras estudar no Colexio dos Pais Escolapios e cursar Teoloxía na universidade andaluza, ordenouse sacerdote na orde beneditina. Entre xuño de 1896 e novembro de 1917 rematou na Universidade de Sevilla dúas licenciaturas – Filosofía e Letras e Dereito – e, por último, en 1919 defendeu a súa tese de doutoramento que titulou Expedición de Diego García al Río de la Plata en 1526. En paralelo, Álvarez de Luna ía publicando as súas investigacións en revistas como o Boletín de la Real Academia de Ciencias, Bellas Letras y Nobles Artes de Córdoba, a Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos de Madrid ou o Boletín de la Real Academia Sevillana de Buenas Letras.
O 26 de xullo de 1921 ingresou por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) e foi destinado á Biblioteca Provincial de Córdoba. Catro anos máis tarde foi trasladado por concurso ao Arquivo Xeral de Indias de Sevilla ata que, en novembro de 1931 pasou a prestar os seus servizos na Biblioteca Universitaria da cidade hispalense. Por fin, o 13 de decembro de 1934 gañou unha praza na Biblioteca da Universidade Central de Madrid, daquela baixo a dirección de Javier Lasso de la Vega. Alí, Álvarez de Luna ocupará a xefatura da Biblioteca da Facultade de Dereito. Segundo a escala do CFABA datada o 31 de outubro de 1935, José Álvarez de Luna ocupaba o posto 141 dun total de 294 funcionarios.
O seu proceso representa un claro caso de “lawfare” – a instrumentalización da xustiza para inhabilitar aos opoñentes, agora tan en voga – pois a parte favorábel no seu expediente franquista foi ocultada polo xuíz instrutor, Miguel Gómez del Campillo, coa única finalidade de prexudicar ao investigado
Os documentos conservados no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares relatan os percorridos vitais de José encadrados nas signaturas Educación 31/6056 e 31/7083. Así, xunto a súa traxectoria académica, sabemos que en 1929 Álvarez de Luna decidiu afiliarse a Unión Republicana (UR), partido fundado en 1903 por Nicolás Salmerón e Alejandro Lerroux. Tras a renovación de UR en setembro de 1934, agora co liderado de Diego Martínez Barrio, o bibliotecario andaluz perseverou na súa militancia. Ademais, a finais de febreiro de 1936 ingresou na socialista FETE-UGT e, por último, xa iniciada a Guerra Civil participou na creación do Sindicato de Traballadores en Arquivos, Biblioteca e Museos (STABYM), adherido tamén á Unión General de Trabajadores.
Descoñecemos as datas exactas, mais todo parece indicar que na década dos anos vinte o presbítero Álvarez de Luna iniciou o seu proceso de secularización, abandonando a súa dependencia das institucións eclesiásticas, adoptando un estilo de vida laico e afastándose da disciplina da Igrexa católica. Mesmo contraeu matrimonio civil e tivo varios fillos. Non debemos esquecer este feito: cando remate a guerra e comece o seu expediente depurador, o bibliotecario andaluz pagará moi cara a súa decisión e será cualificado de indigno, inmoral e de vivir en amancebamento. O conservadorismo e o integrismo relixioso imperantes no seno do CFABA – con Artigas y Ferrando e Gómez del Campillo como instigadores – non perdoaron xamais o camiño de liberdade emprendido por Álvarez de Luna.
Cando en xullo do 36 fracasou na metade do país o golpe de Estado dos militares desleais, o Goberno da República cesou a todos os funcionarios públicos que permanecían en territorio legal. O Decreto de 27 de setembro de 1936 asinado por Manuel Azaña pretendía verificar a lealdade dos seus empregados, para o cal todos tiñan que presentar unha instancia – solicitando a readmisión – dirixida ao ministro de Instrución Pública e Belas Artes (naquel intre, o comunista Jesús Hernández), así como os documentos que avalaran o seu compromiso republicano e antifascista. Nada mellor para cumprir co requisito que certificar cun carné político ou sindical a probada militancia esquerdista ou demócrata. Ese conxunto documental conformará a chamada “carpeta verde” (pola cor da súa cuberta) ou, como dirían os franquistas, “expediente roxo” (pola orixe e responsabilidade republicanas). O feito de que eses expedientes non foran destruídos cando os sublevados entraron en Madrid resulta moi satisfactorio para os historiadores, en especial pola información que proporcionan. Pero, pola mesma razón, resultou letal para os seus protagonistas cando os documentos caeron nas mans do bando franquista pois, ao fin, permitiu probar a militancia esquerdista ou republicana de moitas persoas de cara a futuras depuracións e castigos.
Álvarez de Luna presentou a súa instancia ás autoridades republicanas o 21 de abril de 1937. Alí, os avais de Unión Republicana, FETE-UGT e STABYM determinaron que o bibliotecario andaluz fora proposto pola comisión avaliadora para a súa readmisión. Ademais, o sevillano foi cualificado cunha boa capacidade profesional e a súa actitude ante o movemento sedicioso aparece descrita como “muy leal” á República. Todo mudará cando o 28 de marzo de 1939 Madrid sexa ocupado polas forzas franquistas tras penetrar vitoriosas na capital. Entón, o panorama para José presentará tinturas escuras e perigosas.
Aquel día, 1 de abril de 1939, comezaba o calvario do bibliotecario andaluz. O entón director do Arquivo Histórico Nacional convidou a compañeiros de profesión a declarar contra o sevillano. E aquelas delacións, sabedoras do dano que ían causar, resultaron demoledoras
O mesmo día que Radio Nacional en Burgos emitía o último parte oficial de guerra, Álvarez de Luna, de 61 anos, asinaba a súa declaración xurada presentándoa ante as novas autoridades vitoriosas. Nela, respondía por escrito a cuestións referentes a súa adhesión ao goberno republicano, os servizos prestados tras o 18 de xullo a favor do Movimiento Nacional, se pertencía á masonaría… Aquel día, 1 de abril de 1939, comezaba o calvario do bibliotecario andaluz. Dous meses antes, o 10 de febreiro, a Lei que fixaba as normas para a depuración de funcionarios públicos viña a nomear xuíz instrutor único para investigar a bibliotecarios e arquiveiros a Miguel Gómez del Campillo, que coñecía moi ben a Álvarez de Luna. Axiña comezou a cacería.
O entón director do Arquivo Histórico Nacional convidou a compañeiros de profesión a declarar contra o sevillano. E aquelas delacións, sabedoras do dano que ían causar, resultaron demoledoras. Así, Eduardo Ponce de León afirmou o 7 de agosto que Álvarez de Luna era “de una moralidad bastante baja, pues siendo sacerdote y sin respeto a su estado, dio el escándalo de hacer vida marital, amancebándose (…)”. Algo moi similar declarou Diosdado García Rojo, da Biblioteca Nacional, cando incidiu na condición de “sacerdote amancebado, con escándalo público. Afiliado al Frente Popular”. O seu compañeiro de traballo Félix Magallón confirmou que “D. José Álvarez de Luna pertenecía a la UGT (…), era sacerdote libertino con varios hijos. Persona que gozaba de la confianza de los dirigentes rojos”. Joaquín María de Navascués ingresara en 1921 xunto a Álvarez de Luna no Corpo Facultativo, era o director do Museo Arqueolóxico Nacional e afirmou que o sevillano “fue miembro de la Comisión Gestora [republicana] del Cuerpo, colaborando en ese organismo rojo con los más conspicuos elementos marxistas del mismo”. Pola súa parte, o bibliotecario da Nacional Miguel Bordonau escribía sobre Álvarez de Luna: “Indigno de figurar en el Cuerpo. Sacerdote aborreganado [sic] que hace vida pública de casado”. Outro funcionario da Biblioteca Nacional, Emilio González Díaz de Celis, tiña un concepto do sevillano como “de ideas izquierdistas”, inventando que pertencía a Amigos de la Unión Soviética e, por tanto, “de absoluta confianza para los rojos, fue enlace entre la UGT y la CNT”. Moi explícito foi Justo Sánchez-Malo y Granados, compañeiro de Álvarez de Luna na biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras de Madrid: “En una ocasión en que le llamé ‘Padre’ en conversación corriente, me contestó, ‘Padre porque tengo hijos’…”.
O único testemuño positivo para Álvarez de Luna partiu do seu superior inmediato na Biblioteca da Universidade Central de Madrid, Javier Lasso de la Vega. O 20 de decembro de 1939, o responsábel da biblioteca universitaria describiu a Álvarez de Luna como “funcionario recto, sobrio y honrado”, “con demostrable competencia”, “celoso defensor de los fondos [bibliográficos] ha salvado gran parte de la Biblioteca de la Facultad de Filosofía y Letras”… Sobre a súa secularización, Lasso de la Vega escribe: “Las circunstancias dolorosas de su vida privada, me consta que siempre ha tenido deseo de ordenar su situación en la medida de lo posible. Me consta también su justo sufrimiento moral”.
O “lawfare” do que falabamos ao inicio deste artigo sucedeu cando Gómez del Campillo evitou incluír no expediente de Álvarez de Luna unha serie de declaracións de loanza acerca do bibliotecario. Durante o verán e o outono de 1939 foron varios os informes positivos sobre o sevillano que “desapareceron” e non foron sumados ás anteriores comparecencias. Así, María Dolores Cañizares, da Xefatura Provincial da Sección Feminina de FET y de las JONS, defendía que Álvarez de Luna “ha tenido durante toda la época del Glorioso Movimiento Nacional, una actuación conforme con los ideales nacional-sindicalistas”. O bibliotecario da Facultade de Medicina de Madrid, Enrique Rodríguez Jiménez, afirmou sobre o andaluz que “durante el periodo de la dominación roja en esta capital, [Álvarez de Luna] observó en sus actuaciones una conducta de absoluta conformidad con los ideales de nuestro Glorioso Movimiento Nacional”. O sacerdote e bibliotecario da Nacional Martín de la Torre Villar manifestou que Álvarez de Luna defendeu a todos os funcionarios, loitou por repoñer aos cesantes e todo “sin hacer política”.
Pero se hai unha declaración excepcional sobre Álvarez de Luna, esa sen dúbida foi proporcionada por Julio Pastor Espinosa de los Monteros, tenente da Agrupación de Carros de Combate do 1º Batallón, 3ª Compañía. Este militar era fillo dun tenente coronel da Garda Civil buscado en Madrid polas autoridades republicanas. Agochado nun hotel adxacente á vivenda de José Álvarez, logrou sobrevivir sen ser delatado. O bibliotecario coñecía esa circunstancia e, segundo Espinosa de los Monteros, “guardó riguroso secreto respecto del lugar donde se encontraba oculto, mostrando vehemente anhelo por proteger a mi padre en cuanto pudiera”. A declaración, asinada o 25 de agosto de 1939, foi encuberta por Gómez del Campillo.
O 14 de decembro de 1939 José Álvarez de Luna compareceu no Arquivo Histórico Nacional, sede do xulgado de depuración dos membros do CFABA. Alí, o xuíz instrutor Miguel Gómez del Campillo entregoulle o prego de cargos, con nove acusacións que debería responder nun prazo de oito días. Cargos que ían dende “calificado por los rojos de muy leal” até “considerado por funcionarios del Cuerpo como sacerdote inmoral e indigno de pertenecer a la Corporación”, pasando pola súa militancia en Unión Republicana, UGT e STABYM. Todo rematado con “persona afecta al régimen y política del Frente Popular y de absoluta garantía para la causa del mismo”.
Álvarez de Luna contestou catro días máis tarde cun escrito amplo, mecanografado e asinado o 18 de decembro. Punto por punto tentou responder a aquelas acusacións duras e maliciosas pero a ocultación de moitas declaracións favorábeis ao andaluz ditaba xa unha sentenza de culpabilidade. O panorama era devastador para José que, con todo, rebateu con intelixencia todos e cada un dos cargos presentados na súa contra. O 26 de decembro de 1939 o expediente de depuración contra José Álvarez de Luna quedaba pechado e ese mesmo día Gómez del Campillo redactaba as súas conclusións finais coas propostas de sanción para elevalas ao director xeral de Arquivos e Bibliotecas, Artigas y Ferrandis.
O oficio número 207 procedente do Xulgado-Instrutor de Depuración de Funcionarios, asinado o 26 de decembro de 1939, ‘Año de la Victoria’, por Miguel Gómez del Campillo resulta tan patético como desolador. A cualificación de moi leal aparecida no expediente republicano de Álvarez de Luna resultou case definitiva na proposta de sanción pois, segundo entendía o instrutor, “no hace falta haber matado, robado ni destruido para ser muy leal a la organización marxista que mataba, robaba y destruía (…)”. De maneira asombrosa, afirma Gómez del Campillo: “Muchos de los rojos o eran agentes de policía nacional o espías de los patriotas o salvadores del patrimonio artístico bibliográfico o documental”.
A proposta final será o traslado forzoso fóra de Madrid, a postergación durante cinco anos e a inhabilitación para cargos directivos e de confianza. O novo destino de José Álvarez de Luna Pohl será a Biblioteca Pública de Cuenca. Alí, afastado e sinalado, acadará a súa xubilación en xuño de 1947.
Con todo, onde o xuíz-instrutor desprega toda unha batería de intolerancia e fanatismo contra o bibliotecario é no punto oitavo, referido á secularización promovida por Álvarez de Luna. Entende Gómez del Campillo que pouco pode dicir sobre a autoridade da Igrexa católica e o Dereito Canónico respecto ás penas ou castigos para aquel que elixa abandonar os postulados eclesiásticos. Pero ao mesmo tempo, defende o “deber depurando la conducta y la vida en todos sus aspectos de los funcionarios”, quer nas súas actividades políticas, quer na súa conduta profesional, ou na súa pasividade ou actividade en pro da sublevación, pois vai implícita significación antipatriótica e, así, pregunta o instrutor: “¿Creerá en conciencia el Sr. Álvarez de Luna que su conducta está de acuerdo con los postulados del Glorioso Movimiento Nacional?”.
O xuíz finaliza o seu oficio cun razoamento máis propio da Inquisición no século XVI que dun Estado da primeira metade do XX: “Es a juicio del que subscribe tan patente la incompatibilidad moral entre las ideas del Nuevo Estado que las impone con sus mártires, sus heroes, las desgracias, privaciones y sacrificios de sus adeptos y la vida de estos sacerdotes que son Padres ‘porque tienen hijos’ que es imprescindible su expulsión (…)”. De esta maneira, Gómez del Campillo elevou a súa proposta de sanción contra José Álvarez de Luna: separación definitiva del servizo.
A Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas a través do seu máximo responsábel, Miguel Jerónimo Artigas, atenuou a solicitude do instrutor pois “no se encuentran motivos tan graves como para aplicarle la sanción que el Sr. Juez propone, salvo es claro, la circunstancia relativa a su carácter sacerdotal”. Artigas entende que a conduta de Álvarez de Luna nunca foi escandalosa e, sobre todo, “tiene incoado en Roma el expediente oportuno y cuenta con certificados de la jerarquía eclesiástica que hacen esperar una favorable resolución”. Ademais, atendendo a súa avanzada idade, o director xeral de Arquivos e Bibliotecas estima que “en un establecimiento apartado donde se ignorase su vida anterior pueda [Álvarez de Luna] pasar inadvertido”. Deste modo, a proposta final será o traslado forzoso fóra de Madrid, a postergación durante cinco anos e a inhabilitación para cargos directivos e de confianza.
Este revés para Gómez del Campillo será aceptado polo ministro de Educación Nacional, José Ibáñez Freire, e as sancións aparecerán publicadas no Boletín Oficial do Estado o 10 de marzo de 1940. O novo destino de José Álvarez de Luna Pohl será a Biblioteca Pública de Cuenca. Alí, afastado e sinalado, acadará a súa xubilación en xuño de 1947.