María Luisa González Rodríguez, a bibliotecaria exiliada (con Unamuno ao fondo)

María Luisa Rodríguez, co seu home Juan Vicens de la Llave © BNE

Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.

Corenta anos na diáspora foi o prezo que esta muller tivo que pagar tras a vitoria franquista. O seu fillo Manuel –enxeñeiro na industria militar soviética– definiu á bibliotecaria como “unha muller moderna, riseira, chea de coraxe e humor”. Como tantas mulleres vítimas da represión, tamén ela foi unha pioneira: a primeira en cursar estudos na Universidade de Salamanca

O expediente de depuración desta bibliotecaria carece de relevancia pois, en realidade, para cando comezou a cacería, esta bibliotecaria burgalesa xa levaba dous anos fóra do país. Expulsada da profesión, o exilio marcará toda a súa vida alcanzado incluso ao seu home e a unha irmá. Corenta anos na diáspora foi o prezo que esta muller tivo que pagar tras a vitoria franquista. O seu fillo Manuel –enxeñeiro na industria militar soviética– definiu á bibliotecaria como “unha muller moderna, riseira, chea de coraxe e humor”. Como tantas mulleres vítimas da represión, tamén ela foi unha pioneira: a primeira en cursar estudos na Universidade de Salamanca.

María Luisa González Rodríguez naceu o 24 de agosto de 1900 en Medina de Pomar (Burgos). Filla do farmacéutico zaragozano Federico González Sanz y de Juana Rodríguez de Pereda, Luisa sempre lembrará ao seu avó pola comicidade que inspiraba o seu nome: Gonzalo González de la Gonzalera, toda unha chanza. En abril de 1922 obtivo o título de licenciada en Filosofía e Letras, Sección Letras, na Universidade de Salamanca. Alí coñeceu, tratou e foi discípula de Miguel de Unamuno. Logo, trasladouse a Madrid, instalándose na Residencia de Señoritas. Alí, en 1923, trabou amizade con María Teresa León e outros membros da Xeración do 27 como Luis Buñuel, Salvador Dalí, Federico García Lorca, José Moreno Villa, Rafael Alberti, Benjamín Palencia, Ignacio Sánchez Mejías, Pepín Bello... e tamén Juan Vicens de la Llave, bibliotecario co que rematará casándose en 1926.

Atrapada na Salamanca controlada polos sublevados, sabemos que entre mediados e finais de decembro de 1936 logrou escapar da cidade nun taxi que a salvou xunto ao seu fillo, entón de apenas oito anos

Antes, e tras superar as duras oposicións de ingreso, Luisa pasou formar parte do Corpo Facultativo de Arqueiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA). A data oficial daquel ingreso foi o 26 de decembro de 1922 e o seu último ascenso ocorreu o 10 de outubro de 1932 estando destinada no Arquivo Xeral Central de Alcalá de Henares. Na escala do CFABA de finais de outubro de 1935 vemos á bibliotecaria ocupando o posto 222 entre os 294 facultativos que integraban o corpo. 

O golpe de Estado fascista alterou ostensibelmente a vida da bibliotecaria burgalesa. Como en tantos outros casos, Luisa –militante na Liga polos Dereitos Humanos– viuse na obriga de fuxir para salvar a vida. Atrapada na Salamanca controlada polos sublevados, sabemos que entre mediados e finais de decembro de 1936 logrou escapar da cidade nun taxi que a salvou xunto ao seu fillo, entón de apenas oito anos. Irún foi o punto de encontro de Luisa co seu marido, Juan Vicens, e xuntos cruzaron a fronteira. Para ela, comezaba un éxodo que duraría corenta anos.

Ante a perspectiva, moi real, de acabar nun campo de concentración, Luisa decidiu fuxir outra vez cos seus fillos e, así, partiu cara a Unión Soviética

En Francia soaban tambores de guerra. En 1937, en París, Vicens estivo a cargo da Oficina de Propaganda Republicana e foi responsábel do pavillón español da Exposición Universal, traballando a carón de Pablo Picasso. Mais a invasión do exército nazi no verán de 1940 separou ao matrimonio. Ante a perspectiva, moi real, de acabar nun campo de concentración, Luisa decidiu fuxir outra vez cos seus fillos e, así, partiu cara a Unión Soviética. Mentres, Juan elixía o éxodo mexicano non sen antes deixar publicado un estarrecedor relato do que pasaba en España en relación cos bibliotecarios e as bibliotecas durante a Guerra Civil: L’Espagne vivante: le peuple à la conquête de la cultura (París, 1938; hai tradución española: España viva: el pueblo a la conquista de la cultura, Editorial VOSA, 2002). 

Luisa desenvolverá na URSS unha intensa actividade docente: foi profesora de lingua española en Krasnovídovo, Stalingrado (hoxe Volgogrado) e Bashkiria, xefa da cátedra de español no Instituto de Relacións Exteriores e, dende 1951, directora da cátedra de Literatura Española na Universidade de Moscova

Luisa desenvolverá na URSS unha intensa actividade docente: foi profesora de lingua española en Krasnovídovo, Stalingrado (hoxe Volgogrado) e Bashkiria, xefa da cátedra de español no Instituto de Relacións Exteriores e, dende 1951, directora da cátedra de Literatura Española na Universidade de Moscova. Para entón, a bibliotecaria castelá levaba varios anos depurada. Unha Orde de 22 de xullo de 1939 (BOE, 16 de agosto), asinada polo ministro de Educación Nacional, o carlista Tomás Domínguez Arévalo, Conce de Rodezno, dispuña a baixa definitiva na escala do CFABA de Luisa González Rodríguez. Na mesma orde aparecen citados a súa irmá Ernestina e os facultativos José Moreno Villa, José María Giner Pantoja, Concepción Muedra Benedito, María Victoria González Mateos, Concepción Zulueta Rodríguez e o compostelán Ramón Iglesias Parga, todos eles xa no exilio. Un mes antes, o 13 de xuño, o expulsado era o seu esposo, Juan Vicens de la Llave.

E Miguel de Unamuno? Que papel xoga na historia de Luisa? Como antes avanzamos, Luisa fora estudante co pensador vasco e, ademais, mantiñan entre eles unha fonda e intensa amizade, incrementada durante as etapas estivais que ambas as dúas familias gozaban xuntas en Becedas (Ávila). Luisa era unha protexida de Unamuno e o autor de Niebla confioulle un segredo. O episodio ten moito que ver co coñecido “vencer e convencer” pronunciado polo entón reitor da universidade salmantina no seu paraninfo en outubro de 1936 diante de, entre outros, José Millán-Astray, o fundador da Legión e íntimo amigo de Franco.

Recentes investigacións desvelan a existencia dunha carta entregada por Unamuno a Luisa. Nela, o escritor e filósofo bilbaíno manifestaba o seu desprezo contra os militares sublevados e amosaba unha denuncia contra o imperio da barbarie e o asasinato da cultura, redactada tras o delirante espectáculo ocorrido no paraninfo da Universidade de Salamanca

Recentes investigacións desvelan a existencia dunha carta entregada por Unamuno a Luisa. Nela, o escritor e filósofo bilbaíno manifestaba o seu desprezo contra os militares sublevados e amosaba unha denuncia contra o imperio da barbarie e o asasinato da cultura, redactada tras o delirante espectáculo ocorrido no paraninfo da Universidade de Salamanca onde, con sorte, Unamuno puido saír indemne. Naquel escrito, nunca publicado, o reitor atacaba duramente o franquismo e acusaba aos seus seguidores de ser unha banda de analfabetos que estaban a afundir ao país na vergoña e no desvarío. Ademais, Unamuno non descoñecía os crimes e as atrocidades que estaban a cometer militares e falanxistas, expresando que a situación semellaba unha feroz loucura colectiva. Un delirio xeral.

A misiva foi entregada por Unamuno a Luisa. Ambos os dous mantiveron un último contacto o 17 de decembro. Logo, a bibliotecaria partiu cara o exilio. Que ocorreu co documento? As dúas irmán de Luisa, Ernestina e Felisa, aconsellaron á primeira que non a portara. No caso de ser detida e intervida a carta, a vida da bibliotecaria correría serio perigo

A misiva foi entregada por Unamuno a Luisa. Ambos os dous mantiveron un último contacto o 17 de decembro. Logo, a bibliotecaria partiu cara o exilio. Que ocorreu co documento? As dúas irmán de Luisa, Ernestina e Felisa, aconsellaron á primeira que non a portara. No caso de ser detida e intervida a carta, a vida da bibliotecaria correría serio perigo. Porén, tamén a de Unamuno quedaría en serio risco, en especial tras o suceso ocorrido dous meses antes co seu discurso polo día da Hispanidade. Entón, Luisa tivo unha idea: memorizar o texto. Moitos anos despois, o seu fillo Manuel lembrará: “Eu aínda lembro que estudaba a carta polo corredor”. Cando Luisa e o seu home se atoparon en Francia, a bibliotecaria fixo memoria e Unamuno saíu á luz.

O biógrafo de Juan Vicens de la Llave, Ramón Salaberria, descubriu un artigo asinado por Vicens na revista mexicana do exilio Aragón. Era 1945 e alí, baixo o título “Unamuno y el franquismo”, narraba o xa comentado, tomando a precaución de non mencionar a súa esposa nin ás depositarias da carta orixinal que “está en Salamanca en boa garda e algún día virá a luz”. Resulta moi probábel que a gardiá fora Felisa, a irmá maior de Luisa, encarcerada dúas veces e sobrevivinte nunha Salamanca asfixiada pola represión franquista.

Axiña sairá do prelo un estudo de Ana María Díaz Marcos, catedrática de Literatura Española na Universidade de Connecticut (Estados Unidos), titulado ‘Un pulso antifascista’, que narra a biografía da outra irmá González Rodríguez, Ernestina, onde seguro aparecen moitos máis pormenores sobre este relato de memoria e historia. Nós rematamos sinalando que, tras catro décadas de exilio, María Luisa regresou a España en 1977. Faleceu en 1998 cando restaban dous anos para alcanzar un século de vida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.