María Muñoz Cañizo, a bibliotecaria escandalosa e libre

María Muñoz Cañizo Dominio Público Ministerio de Cultura

Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.

 

Muller instruída, socialista militante, ‘institucionalista’ no exilio interior, perseguida sen compaixón mais nunca derrotada, teimuda na defensa dos seus dereitos e valores democráticos, separada tras un matrimonio civil antes do inicio da sublevación militar, esta facultativa posuía todos as papeletas para ser condenada tras a apertura do seu proceso inquisitorial en setembro de 1939

Para María Rosa Varela Puga, neta de María

O expediente de depuración desta bibliotecaria acolle todos os demos contra os que loitaban as autoridades do Nuevo Estado. Muller instruída, socialista militante, ‘institucionalista’ no exilio interior, perseguida sen compaixón mais nunca derrotada, teimuda na defensa dos seus dereitos e valores democráticos, separada tras un matrimonio civil antes do inicio da sublevación militar, esta facultativa posuía todos as papeletas para ser condenada tras a apertura do seu proceso inquisitorial en setembro de 1939.

Malia que nacida en Madrid o 9 de setembro de 1903, María Muñoz Cañizo mantivo sempre unha estreita ligazón con Galiza e, en especial, con Lugo. Aquela relación forte e íntima co noso país viña pola orixe dos seus proxenitores: Jesús Muñoz Castañal nacera en Mondoñedo mentres que a nai, Carmen Cañizo, era madrileña de pais nados en Guitiriz. Galegos instalados na capital do Estado que todos os veráns acudían coa súa única filla á casa alugada na céntrica praza da Catedral mindoniense. As visitas e os paseos polas praias de Foz e Viveiro sempre serán lembradas por María con agrado e ledicia.

Tras estudar e acadar a licenciatura en Filosofía e Letras, sección Historia, na universidade madrileña, María Muñoz Cañizo accedeu, superadas as oposicións, ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) o 8 de agosto de 1931. A finais de 1935, María ocupaba o posto 251 da escala xeral do grupo facultativo e traballaba no Arquivo da Delegación de Facenda de Ávila. Unha comisión de servizo permitiulle trasladarse e ocupar unha praza na Biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central de Madrid. Alí compartiu traballo e inquedanzas a carón de facultativos como Camilo Vilaverde (primeiro secretario do Sindicato de Trabajadores en Archivos, Bibliotecas y Museos), Juana Capdevielle (ausente na Coruña desde abril de 1936, esposa do novo gobernador civil Francisco Pérez Carballo e ámbolos os dous asasinados polos sublevados fascistas naquel verán de terror e morte do 36), María Luisa González (de lecer en Becedas, Ávila, e que rematará exiliada), Nicéforo Cocho (duramente depurado ao remate da Guerra Civil), María Galvarriato (de vacacións en Santander, onde pasou toda a guerra, futura directora da Biblioteca de Filosofía e Letras entre 1941 e 1971) e o bedel do centro, Ángel López (fusilado no Cemiterio do Leste o 16 de outubro de 1940 aos 41 anos).

María Muñoz pasou parte da guerra no Madrid asediado e masacrado. Cando rematou a contenda deu inicio o seu particular calvario, en especial cando o xuíz único instrutor da depuración do CFABA, o inefábel Miguel Gómez del Campillo, accedeu ao seu expediente “roxo”, é dicir, o redactado polas autoridades republicanas, onde cualificaban á bibliotecaria como “leal”

María Muñoz pasou parte da guerra no Madrid asediado e masacrado. Cando rematou a contenda deu inicio o seu particular calvario, en especial cando o xuíz único instrutor da depuración do CFABA, o inefábel Miguel Gómez del Campillo (de quen xa falamos en anteriores achegas), accedeu ao seu expediente “roxo”, é dicir, o redactado polas autoridades republicanas, onde cualificaban á bibliotecaria como “leal”. Ademais de todo o atopado, que veremos de seguido, hai dous feitos que marcarán a sangue e lume o futuro de María. Un, o seu paso e colaboración coa Institución Libre de Enseñanza (ILE) e, dous, o matrimonio civil e posterior separación do seu home, o músico Lorenzo Puga Aramendía, unha unión que deu como froito o nacemento da súa única filla, Rosa, nada a principios de novembro de 1928. 

A Institución Libre de Enseñanza foi fundada en 1876 por iniciativa de Francisco Giner de los Ríos recollendo os postulados do krausismo alemá e os movementos europeos científicos e filosóficos máis avanzados. Un bo resumo sería afirmar que a ILE propugnou a rexeneración social, política, pedagóxica e cultural a través da formación integral do individuo. Axiña, a institución foi duramente atacada e, xa en 1910, o sacerdote e canonista Andrés Manjón na súa obra Las escuelas laicas cualificou ao organismo como “formador de cerebros aptos para la revolución”. En boa lóxica, tras penetrar en Madrid as tropas franquistas a finais de marzo de 1939, a sede do establecemento na rúa Martínez Campos 14 foi saqueada e espoliada por falanxistas, destruíndo a biblioteca, o laboratorio, o mobiliario e o material de ensinanza. A continuación, un Decreto de 17 de maio de 1940 ilegalizaba a ILE aplicándolle o coñecido Decreto 108 da Junta de Defensa Nacional. Consideraban “de especial prevención” á Institución, dadas as súas “notorias actuaciones contrarias al Nuevo Estado”.

María participou moi activamente na Institución Libre de Enseñanza. Durante as décadas dos anos vinte e trinta, a bibliotecaria mantivo unha estreita amizade con persoas moi próximas á Institución, como María Brey, Consuelo Vaca, María Moliner, Francisco Rocher ou Juana Capdevielle

María participou moi activamente na ILE. Durante as décadas dos anos vinte e trinta, a bibliotecaria mantivo unha estreita amizade con persoas moi próximas á Institución, como María Brey, Consuelo Vaca, María Moliner, Francisco Rocher ou a xa mencionada Juana Capdevielle. Existe unha fermosa fotografía tomada en 1926 e realizada durante unha excursión ao Mosteiro de Leyre, Navarra. Nela, apoiada nun impoñente carballo, está María sorrindo. Ao seu carón aparecen os profesores da ILE José Ontañón e José Giner Pantonja xunto a un nutrido grupo de persoas entre as que sobresae outra bibliotecaria, Consuelo Gutiérrez del Arroyo. María Muñoz Cañizo pagará un custe moi alto pola súa relación coa ILE, mais, como veremos, nunca deixou de colaborar con aqueles aos que José María Pemán definiu como “hordas revolucionarias (...) que forjaron generaciones incrédulas y anárquicas”.

O Decreto republicano de 6 de setembro de 1937, sobre evacuación de funcionarios civís, levou a María lonxe de Madrid, en concreto, a Valencia. Alí traballará sucesivamente no Arquivo do Ministerio de Estado, na Delegación de Facenda da capital do Turia e, como remate, na Biblioteca Universitaria de Valencia. Neste último centro Muñoz Cañizo trabará unha fonda, sincera e definitiva amizade con María Moliner, a nova directora que viña a substituír ao destituído José María Ibarra Folgado. Moliner levará nas súas costas a responsabilidade das bibliotecas das facultades de Dereito, Ciencias, Filosofía e Medicina. 

As conclusións de Gómez del Campillo resultan devastadoras e falan por si mesmas do cancro instalado no Estado español ao remate da Guerra Civil coa vitoria dos sublevados: “Estos expedientes de depuración no se limitan a la esfera meramente administrativa; sería empequeñecer el ideario que ha inspirado e inspira el Glorioso Movimiento Nacional; en ellos se ha de reflejar toda la personalidad, su vida y su actuación [da investigada], y cuando funcionarios y autoridades aseguran este cargo [‘conducta escandalosa e libre’], muy público debió de ser”

Cando rematou a guerra e chegou a vitoria, María retomou o seu posto no Arquivo da Delegación de Facenda abulense. O 13 de setembro de 1939 o xuíz único depurador Miguel Gómez del Campillo redactou un oficio dirixido a Artigas Ferrando, director xeral de Arquivos e Bibliotecas. Alí, sinalaba o instrutor, quedaba patente unha serie de cargos acusatorios moi graves contra María Muñoz e, en consecuencia, propuña incluír á bibliotecaria no apartado B do artigo 5º da Lei de 10 de febreiro de 1939: a formación de expediente sancionador, documento que pode consultarse no Archivo General de la Administración de Alcalá de Henares baixo a sinatura Educación 31/7083. Pasados tres meses, Gómez del Campillo reclamaba a comparecencia de María no xulgado de instrución situado na sede do Arquivo Histórico Nacional na Avenida de Calvo Sotelo. O 14 de decembro de 1939 debeu ser un día amargo para a bibliotecaria: os informes recollidos por Gómez del Campillo non puideron ser rebatidos e María Muñoz Cañizo debeu sentir como o ceo rachaba en mil anacos.

Así e todo, Gómez del Campillo non tiña suficiente. O instrutor redactou outro oficio dirixido ao Gobernador Civil de Valencia. Asinado o 19 de decembro de 1939, o director do Arquivo Histórico Nacional preguntaba “acerca de la conducta política, social y moral del funcionario facultativo [sic] Doña María Muñoz Cañizo (...)”. O escenario pintaba moi mal.

Un mes máis tarde, o 20 de xaneiro de 1940, Gómez del Campillo daba por finalizadas as súas investigacións e rematado o expediente de depuración. A proposta elevada ao director xeral de Arquivos e Bibliotecas, Miguel Artigas, resultou demoledora: separación definitiva do servizo. A expulsión que segundo Gómez del Campillo merecía a bibliotecaria tiña como fundamento a certeza de once acusacións moi graves: pertencer desde a súa constitución ao Frente Popular de Funcionarios; militante de FETE-UGT xa en 1 de marzo de 1936 e do Sindicato de Trabajadores en Archivos, Bibliotecas y Museos (STABYM, socialista) a partir da súa fundación o 9 de marzo de 1937; colaboradora de Amigos de la Enseñanza Popular (organismo constituído, segundo Gómez del Campillo, “para el fomento de las escuelas laicas”); adherida a AERCU, Asociación Española de Relaciones Culturales con la URSS, fundada en plena Guerra Civil e radicada en Valencia; mobilizada por Cultura Popular, amosando a lealdade de María cara ás autoridades legais republicanas...

Porén, as dúas últimas acusacións adquiren unha gravidade extrema e – como cravos pechando a tampa do cadaleito – representan o castigo e o estigma que acompañarán a María o resto da súa vida. “Izquierdista roja, sin creencias y contraria al Glorioso Movimiento Nacional”, escribe Gómez del Campillo quen, sinala, “son lógica consecuencia de los anteriores cargos perfectamente probados y confesados”. No entanto, o peor vén cando o xuíz instrutor subliña a “conducta escandalosa y libre” de María, segundo a declaración doutra bibliotecaria, María de la Concepción Salazar, que, nun exercicio patético e lamentábel de delación, rematou por condenar a súa compañeira de profesión. Máis dor ten o escrito remitido polo gobernador civil de Valencia, o coronel e destacado represor Francisco Javier Planas de Tovar, no que apunta: “Separada de su marido, [María] vivía en ‘República’ con el funcionario administrativo que estaba a sus órdenes inmediatas, sosteniendo con él relaciones escandalosas y haciendo público alarde de ellas en cines y lugares públicos”. Se patéticas e lamentábeis foron as acusacións de Salazar, que dicir do gobernador civil Planas de Tovar?

As dúas últimas acusacións adquiren unha gravidade extrema e – como cravos pechando a tampa do cadaleito – representan o castigo e o estigma que acompañarán a María o resto da súa vida. “Izquierdista roja, sin creencias y contraria al Glorioso Movimiento Nacional”, escribe Gómez del Campillo

As conclusións de Gómez del Campillo resultan devastadoras e falan por si mesmas do cancro instalado no Estado español ao remate da Guerra Civil coa vitoria dos sublevados: “Estos expedientes de depuración no se limitan a la esfera meramente administrativa; sería empequeñecer el ideario que ha inspirado e inspira el Glorioso Movimiento Nacional; en ellos se ha de reflejar toda la personalidad, su vida y su actuación [da investigada], y cuando funcionarios y autoridades aseguran este cargo [‘conducta escandalosa e libre’], muy público debió de ser”.

De seguido, remata Gómez del Campillo cun lamentábel exercicio de ruindade, unha perversión difícil de asumir e entender: “En el Cuerpo de Archiveros [e Bibliotecarios] hay señoras casadas honorables y señoritas decentes; sería desaforado e inmoral imponerles la convivencia con una persona de conducta fácil, como aseguran es la contenida en este expediente”. María debía ser expulsada da profesión.

Miguel Artigas non quedou moi convencido. O seu ditame resolvía que a María Muñoz Cañizo se lle impuña as penas de traslado forzoso durante cinco anos, postergación na escala de funcionarios por igual período e inhabilitación perpetua para acceder a cargos directivos e de confianza. A resolución apareceu publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE) o 10 de marzo de 1940, asinada cinco días antes polo ministro de Educación Nacional José Ibáñez Martín.

María Muñoz Cañizo foi trasladada á Biblioteca Pública de Maó, nas Illas Baleares. Mais a facultativa era unha loitadora e non se deu por derrotada. A finais de decembro de 1941 solicitou unha permuta co seu compañeiro Félix Durán Cañameras, un barcelonés que era avogado, historiador de integrante do CFABA que tamén fora depurado e ocupaba unha praza no Arquivo da Delegación de Facenda de Lugo

María Muñoz Cañizo foi trasladada á Biblioteca Pública de Maó, nas Illas Baleares. Mais a facultativa era unha loitadora e non se deu por derrotada. A finais de decembro de 1941 solicitou unha permuta co seu compañeiro Félix Durán Cañameras, un barcelonés que era avogado, historiador de integrante do CFABA que tamén fora depurado e ocupaba unha praza no Arquivo da Delegación de Facenda de Lugo. Ámbolos dous chegaron ao acordo de solicitar aquela permuta porque un e outra sairían gañando: María chegando ao seu querido Lugo e Félix aproximándose a Cataluña. O ministro accedeu e concedeu as peticións aparecendo publicadas no BOE do 5 de xaneiro de 1942.

Mais a persecución contra María non se detivo. O 5 de novembro de 1945 foi convocado un concurso de traslados para os funcionarios do CFABA. Os postos ofertados, cinco en total, radicaban en Madrid a afectaban a vacantes. A bibliotecaria solicitou participar naquel concurso pero a postergación da que era vítima denegoulle tal posibilidade. María recorreu contra a Orde ministerial de 16 de xaneiro de 1946 que impedía a súa asistencia na convocatoria por antigüidade pero a súa petición foi desestimada. O BOE do 18 de maio de 1946 ratificaba a nulidade da súa demanda.

Aos 90 anos faleceu en Lugo María Muñoz Cañizo. O seu pasamento tivo lugar o 17 de abril de 1994. Con ela desaparecía unha gran bibliotecaria, unha excelente profesional e unha muller valente, libre e escandalosamente comprometida

Malia todo, María teimou e, a través do avogado Gervasio Rodríguez Fernández, presentou un recurso de agravios contra a resolución ministerial. De novo, a reclamación foi desestimada. Ao fin, a perseveranza da madrileña deu os seus froitos e desde o 18 de abril de 1949 María Muñoz aparece vencellada á Biblioteca da Universidade de Madrid. En febreiro de 1972, tras corenta anos de servizo e cumpridos os 65 de idade, María acadou a xubilación.

O tempo transcorrido na capital do Estado a partir de 1949 son a lembranza da proscrita Institución Libre de Enseñanza. Mentres moitos dos amigos e colaboradores da ILE mantiñan o fogo da institución no exilio, María alumeaba o proxecto ‘institucionalista’ dentro da máis estrita clandestinidade. Se as reunións de José Ontañón tiñan lugar no seu domicilio en París, as de Natalia Cossío en Londres ou as de Rafael Altamira en México D.F., as outras xuntanzas do exilio interior – celebradas nun país vixiado e reprimido – ocorrían no piso madrileño de María onde todos os mércores achegábanse antigos colaboradores da ILE para lembrar uns tempos pasados onde primaba a esperanza e a liberdade.

Aos noventa anos faleceu en Lugo María Muñoz Cañizo. O seu pasamento tivo lugar o 17 de abril de 1994. Con ela desaparecía unha gran bibliotecaria, unha excelente profesional e unha muller valente, libre e escandalosamente comprometida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.