Nicéforo Cocho Fernández, o bibliotecario amancebado

A Coruña nos anos 20 do pasado século © AHP de Lugo

Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.

O expediente de depuración deste bibliotecario e arquiveiro reúne o peor das relacións humanas pois as delacións contra a súa persoa resultaron descarnadas, acedas e perigosas nuns tempos onde cada palabra, cada adxectivo, podería supor a condena e o estigma

O expediente de depuración deste bibliotecario e arquiveiro reúne o peor das relacións humanas pois as delacións contra a súa persoa resultaron descarnadas, acedas e perigosas nuns tempos onde cada palabra, cada adxectivo, podería supor a condena e o estigma. Sobre este home pesaron moitas acusacións. Porén, o feito de secularizarse tras abandonar o sacerdocio resultou definitivo no Estado nacional-católico que en 1939 comezaba a erixirse. A procura da independencia das institucións eclesiásticas para acadar a liberdade individual plena obrigou ao pagamento dunha peaxe tan custosa como inicua.

Nicéforo Cocho Fernández naceu en Benavente, Zamora, o 28 de febreiro de 1876. Tiña, polo tanto, 60 anos cando comezou a Guerra Civil. Licenciado en Filosofía e Letras, sección de Ciencias Históricas, e doutor en Dereito Canónico, a piques estivo de alcanzar un segundo doutorado –esta vez en Filosofía– co seu traballo titulado La moderna sociología: sus fines y sus efectos, mais o seu estudo foi recriminado sen sometelo a xuízo polos catedráticos que haberían de examinalo. Ingresou no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) o 23 de xullo de 1915 e tras pasar por Simancas aterrou na Coruña en novembro de 1922, sendo destinado ao Arquivo da Delegación de Facenda até o mes de decembro de 1934, momento no que por concurso de traslados Nicéforo marcha a Madrid, exercendo até o final da guerra na biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central.

Sobre este home pesaron moitas acusacións. Porén, o feito de secularizarse tras abandonar o sacerdocio resultou definitivo no Estado nacional-católico que en 1939 comezaba a erixirse

Sabemos que foi na Coruña onde Cocho Fernández despregou unha intensa actividade profesional, política e intelectual. Entre os anos 1923 e 1925 foi o segundo redactor xefe do xornal El Noroeste: diario de la República, órgano del Partido Radical Socialista, agrupación coa que simpatizou e da que rematou afastándose en 1934. A mediados de 1924 dirixiu tamén a biblioteca provincial coruñesa e xestionou a adquisición de libros para a mesma por un importe de 187,50 pesetas, unha cantidade bastante elevada para a época. Aquel mesmo ano, en outubro, Nicéforo ofreceuse ao concello «para ejercer el cargo de archivero municipal, servicio que atenderá gratuitamente hasta que se consigne en presupuesto la gratificación que haya de disfrutar». A resposta positiva do concello tardou en chegar e foi durante os anos 1926 e 1927 cando Nicéforo puido catalogar o arquivo municipal que, segundo el mesmo declarou, atopábase en absoluto desorde e abandono. En 1928 unha Real Orde de 10 de marzo nomeou ao noso protagonista «visitador» dos arquivos coruñeses non incorporados ao Corpo de Arquiveiros e así o reflectiron os xornais locais como El Compostelano: «Salió a girar la visita reglamentaria a los archivos municipales y notariales de la provincia el archivero de la Delegación de Hacienda D. Nicéforo Cocho, quien se halla en Santiago». Ademais, entre 1926 e 1934 e por orde do director xeral de Belas Artes, desempeñou, en diferentes ocasións, a xefatura interina do Arquivo Rexional de Galicia, hoxe Arquivo do Reino de Galicia.

Paralelamente a todas estas actividades, Nicéforo Cocho tivo tempo para impartir a docencia dende 1926 no Instituto Nacional de Segunda Ensinanza da Coruña, ensinando latín e redactando os programas e apuntes da citada materia, así como tamén para as de psicoloxía e lóxica. Tamén ditará algunhas conferencias para estudantes. 

Nicéforo puido catalogar o arquivo municipal que, segundo el mesmo declarou, atopábase en absoluto desorde e abandono. Paralelamente a estas actividades, Nicéforo Cocho tivo tempo para impartir a docencia dende 1926 no Instituto Nacional de Segunda Ensinanza da Coruña

Falabamos con anterioridade da simpatía de Cocho Fernández polo Partido Republicano Radical Socialista, organización fundada en 1929 onde se fusionaba a democracia republicana co reformismo social. Nicéforo declarará en 1937 o seu abandono do devandito partido para militar en Unión Republicana (UR), organización nacida en 1934 dunha escisión dentro do seo do grupo de Alejandro Lerroux. A máis que probábel participación do «Emperador do Paralelo» na «sanjurjada» de 1932 e o seu revisionismo ideolóxico iniciado en decembro de 1933, formando gobernos cos monárquicos de Gil Robles e a CEDA, xogaron un papel fundamental na escisión dos radicais. Uns, liderados por Félix Gordón Ordax, crearon o grupo radical-socialista, que xunto aos radicais-demócratas darán nacemento a UR. O seu líder indiscutíbel será o sevillano Diego Martínez Barrio, antigo delfín do propio Lerroux, que dende 1935 aparece moi próximo ás teses de Manuel Azaña e Izquierda Republicana. En Galiza, Julio Suárez Ferrín e Jesús Mejuto seguirán a Gordón Ordax, mentres que César Alvajar e José Miñones farán o propio con Martínez Barrio. O mesmo que Nicéforo Cocho.

O arquiveiro manifestou que pertencía á Unión Republicana dende a súa fundación e mesmo axudou a crear o «Casino-Círculo» de UR na cidade da Coruña. Tamén declarou estar afiliado á FETE dende o 27 de febreiro de 1936

O arquiveiro manifestou que pertencía á Unión Republicana dende a súa fundación e mesmo axudou a crear o «Casino-Círculo» de UR na cidade da Coruña. Tamén declarou estar afiliado á FETE dende o 27 de febreiro de 1936. Estas afirmacións acompañaron a instancia dirixida por Nicéforo ás autoridades republicanas o 29 de abril de 1937, tras ser declarado «jubilado forzoso por falta de condiciones físicas para trabajar». O zamorano foi readmitido e pasará toda a contenda desempeñando o seu labor na biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid, baixo as ordes de José Álvarez de Luna y Pohol (de quen falamos nunha entrada anterior), director en funcións ante a ausencia de Javier Lasso de la Vega. Antes, na mesma biblioteca e dende 1935, Nicéforo Cocho foi o encargado de coordinar e dirixir os traballos no centro durante a quenda de tarde. O mesmo día que rematou oficialmente a Guerra Civil, Nicéforo, con 63 anos cumpridos, solicitou ás novas autoridades vencedoras o seu reingreso no CFABA de acordo co preceptuado na Lei de 10 de febreiro de 1939.

Mais, ignoraba o bibliotecario zamorano que o seu «expediente republicano» obraba xa nas mans do xuíz-instrutor encargado de investigar o pasado político, social e relixioso dos integrantes do Corpo Facultativo: Miguel Gómez del Campillo, director do Arquivo Histórico Nacional dende finais de 1930 e, como xa vimos nesta serie, responsábel de incoar os expedientes de depuración franquistas para todos os integrantes da institución. Aquel “expediente rojo” cualificaba a actitude de Nicéforo ante o movemento sedicioso como «leal» [á República] e, en consecuencia, obrigou a Gómez del Campillo a pescudar no pasado do vello arquiveiro-bibliotecario. O primeiro paso foi indagar nas declaracións dos seus compañeiros no Corpo Facultativo. Case sen excepcións, os informantes e as súas lamentábeis delacións situaron en moi mal lugar a Nicéforo Cocho.

Ignoraba o bibliotecario zamorano que o seu «expediente republicano» obraba xa nas mans do xuíz-instrutor encargado de investigar o pasado político, social e relixioso dos integrantes do Corpo Facultativo: Miguel Gómez del Campillo

Durante aquel mes de agosto de 1939, diferentes integrantes do CFABA explicaron o que eles entenderon como «actividades antipatrióticas» do investigado. Por exemplo, Federico Navarro Franco, recoñecido simpatizante de Falange Española e facultativo no Arquivo Histórico Nacional, afirmou que Cocho «es afiliado a la F.E.T.E. y a la U.G.T., está considerado por todos como persona de izquierdas, de actuación nefasta para los compañeros». Rafael Villaseca y Mediolagoitia, bibliotecario da Escola Superior de Pintura de Madrid, declarou que Nicéforo era «por su conducta y opiniones un significado militante revolucionario y antifascista, enemigo de la Causa Nacional». Non podía faltar o inefábel Eduardo Ponce de León, bibliotecario da Nacional reconvertido en martelo de herexes dende o seu posto de delegado de Información e Investigación de Falange Española: 

Como Álvarez de Luna, [Cocho] es un inmoral pues dio igualmente escándalo en Simancas, haciendo escarnio de sus hábitos de sacerdote y viviendo amancebado con mujer de la que tuvo varios hijos. Naturalmente que con estos antecedentes tan deshonrosos, tenía que ser elemento apto y de confianza de las autoridades rojas y así lo vemos en el Comité [republicano] depurador del Cuerpo, de donde salieron tantas cesantías, las listas de las cuáles a él se deben en unión de Teresa Andrés, entre otros. Perteneció, cómo no, a la Federación de Trabajadores de la Enseñanza. 

Por se non bastara, outros dous integrantes do Corpo Facultativo –Diosdado García Rojo e Ramón Paz Remolar– certificaron que o zamorano era «un escándalo público» e unha persoa de «malos antecedentes religiosos, políticos y sociales». Gómez del Campillo contaba xa con suficientes e «obxectivas» probas para solicitar a inclusión de Nicéforo Cocho no apartado b) do artigo 5º da Lei de 10 de febreiro de 1939 para a formación do expediente e a aplicación da sanción que procedese. Fíxoo en base a catro cargos: pertenza ao partido Unión Republicana dende 1933; militancia en FETE dende febreiro de 1936; ser fundador e presidente da Fronte Popular do Ministerio de Instrución Pública; e, por último, estar acusado de colaborar nas «numerosas y violentas cesantías» decretadas polas autoridades republicanas no CFABA.

Outros dous integrantes do Corpo Facultativo –Diosdado García Rojo e Ramón Paz Remolar– certificaron que o zamorano era «un escándalo público» e unha persoa de «malos antecedentes religiosos, políticos y sociales»

Durante o mes de outubro de 1939, Gómez del Campillo buscou infrutuosamente informes masónicos na Sección de Servizos Especiais da Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos, radicada en Salmanca. Na lista de investigados aparecen quince nomes de facultativos e xunto ao de Nicéforo sobresae unha nota escrita posteriormente que advirte: «Sacerdote amancebado». Con todo, a información sobre a súa pertenza á masonería resultou negativa. Tampouco tivo sorte o xuíz-instrutor cos informes político-sociais na sección do mesmo nome. Pouco importaba pois Gómez del Campillo continuou recollendo declaracións doutros integrantes do CFABA. Así, José María Ordóñez Boada, da Biblioteca Popular do Distrito de Hospital, en Madrid, confirmou que Nicéforo «estaba conceptuado como elemento díscolo y turbulento». Pola súa banda, Miguel Bordonau y Mas, adscrito á Biblioteca Nacional, opinaba que «muchos años hace que por decoro no debía figurar este hombre entre los funcionarios del Estado». Incluso afirmaba que tras o seu paso por Simancas, «con su conducta escandalosamente escandalosa [sic] contribuyó extraordinariamente a hacer perder la fe a aquellos pobres labriegos». 

A mediados de decembro de 1939, Gómez del Campillo tiña xa redactado o prego de cargos contra Cocho Fernández. Nun total de dez puntos e un razoamento final, o xuíz-instrutor carga sen compaixón contra o bibliotecario baseándose no propio expediente republicano de 1937 así como nas cualificacións dos seus compañeiros de profesión. Ás acusacións xa coñecidas (militante de Unión Republicana e de FETE-UGT, fundador de STABYM e presidente da Fronte Popular do Ministerio de Instrución Pública), Gómez del Campillo engade que o zamorano coñeceu as listas de cesantías levadas a cabo polas autoridades republicanas, formando parte do seu comité depurador. O xuíz-instrutor remata a faena valorando a Nicéforo Cocho como «sacerdote inmoral» e «indigno de pertenecer al Cuerpo. Así lo consideran muchos compañeros».

Nun total de dez puntos e un razoamento final, o xuíz-instrutor carga sen compaixón contra o bibliotecario baseándose no propio expediente republicano de 1937 así como nas cualificacións dos seus compañeiros de profesión

No último razoamento, Gómez del Campillo afirmou que durante a contenda cada un ía onde podía e instintivamente reuníase cos seus semellantes. E continúa o xuíz: «desgraciadamente en el Sr. Cocho se da el caso triste de que sus afines eran la U.G.T., el Frente Popular y las Comisiones depuradoras». Antes de solicitar a sanción que estimou oportuna, Gómez del Campillo pretendeu aclarar o castigo que merece un funcionario cuxa vida non se axusta á moral nin aos fundamentos do seu carácter sacerdotal. Para iso, nun absoluto delirio, o instrutor lanzou dúas preguntas: «¿Cuánto no habrán contribuido a la constante desmoralización de Madrid esos curas que hacían vida marital, echando por los suelos el alto concepto en que todavía se tiene en España al sacerdote, principalmente por su castidad?». E remata o instrutor cunha extensa e intensa interrogante: 

¿Es posible que el actual Estado español, elaborado por el Caudillo invicto (Dios le guarde), cimentado con la sangre y los huesos de tantos millones de mártires y héroes, que murieron muchos entre crueles sufrimientos, dando vivas a Cristo y a España, y contrastado por los sufrimientos y desgracias de los que, por la Misericordia Divina hemos sobrevivido, es posible que sea funcionario suyo un hombre de las condiciones, es decir de los defectos, del Sr. Cocho?

Condenado a 20 anos e un día de prisión, foi liberado decontado, saíndo en liberdade provisional no verán de 1941. Nicéforo Cocho Fernández, o bibliotecario «amancebado e inmoral», estaba gravemente enfermo cando o xubilaron en 1943, tras un curto reingreso no CFABA. Poucos días despois morreu aos 67 anos

O Corpo Facultativo está, segundo Gómez del Campillo, cheo de persoas dignas e de honor. Entre os seus segrares aparecen sacerdotes virtuosos e mulleres decentes. A convivencia con aqueles que carecen desas calidades é imposíbel. O xuíz-instrutor asegura que o proceso depurador fai referencia aos feitos acontecidos antes da «liberación» e o caso de Nicéforo Cocho non presenta dúbidas. Por iso, entende o xuíz que o bibliotecario incorre plenamente nos apartados b) e d) do artigo 9º así como no 12º da Lei de 10 de febreiro (significación contraria ao Movemento Nacional e falsidades na declaración xurada coa omisión de feitos esenciais). Gómez del Campillo propón, en consecuencia, a separación definitiva do servizo de Nicéforo Cocho, advertindo que pola súa idade (63 anos) podería tamén ser xubilado segundo os preceptos legais. A primeira proposta do xuíz foi asumida integramente o día 20 de decembro de 1939 polo director xeral de Arquivos e Bibliotecas, Miguel Artigas, e ratificada ao día seguinte polo ministro de Educación Nacional, José Ibáñez Freire. A resolución apareceu publicada case un mes máis tarde no Boletín Oficial del Estado. Nicéforo Cocho non debeu sentir moita dor coa súa separación definitiva do servizo, especialmente se temos en conta que para entón xa pasara polo cárcere. Condenado a 20 anos e un día de prisión, foi liberado decontado, saíndo en liberdade provisional no verán de 1941. No cárcere de Carmona, Sevilla, coincidira co seu bo amigo Julián Besteiro, antigo militante do Partido Republicano Radical, catedrático de Lóxica e decano da Facultade de Filosofía e Letras de Madrid durante a guerra. Besteiro, socialista e presidente das Cortes republicanas entre xullo de 1931 e outubro de 1933, faleceu entre reixas o 27 de setembro de 1940 vítima da tuberculose.

Nicéforo Cocho Fernández, o bibliotecario «amancebado e inmoral», estaba gravemente enfermo cando o xubilaron en 1943, tras un curto reingreso no CFABA. Poucos días despois morreu aos 67 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.