Viaxe a Ezkaba

Entrada ao forte San Cristóbal, no monte Ezkaba Dominio Público Jorab

O pasado domingo 21 de maio tivo lugar no monte Ezkaba, Pamplona, a conmemoración do 85 aniversario da grande evasión dos republicanos antifascistas que fuxiron do Penal de San Cristóbal

O pasado domingo 21 de maio tivo lugar no monte Ezkaba, Pamplona, a conmemoración do 85 aniversario da grande evasión dos republicanos antifascistas que fuxiron do Penal de San Cristóbal, tamén chamado Forte de Alfonso XII. Naquela fuga, talvez a maior de todas as coñecidas en Europa, participaron 795 persoas que desde o golpe de Estado de xullo de 1936 foran detidas por resistir á agresión militar reaccionaria, xulgadas en consellos de guerra sumarísimos baixo a acusación de rebelión militar ou auxilio á rebelión (!) e condenadas a reclusión perpetua. Aqueles homes inocentes procedían de diferentes lugares do Estado español: Navarra, País Vasco, Asturias, Valladolid, León, Burgos, Salamanca e, tamén, Galiza. Moitos deles ingresaran nos cárceres das súas localidades. Nos casos galegos, as prisións provinciais das catro provincias, a Illa de San Simón, Camposancos, Lavacolla... deron paso a unha viaxe infame en vagóns de gando que remataría en San Cristóbal. Alí, unhas durísimas condicións carcerarias – frío, humidade, fame, enfermidades, malleiras... inhumanidade – e o desexo de alcanzar a fronteira con Francia distante a cincuenta quilómetros para, a continuación, sumarse ás forzas republicanas que loitaban contra os sublevados militares, culminaron nunha masiva evasión que viña fraguándose meses atrás.

O 22 de maio de 1938, tamén domingo, na tardiña e no momento do último rancho, o forte foi tomado polos presos seguindo un plan argallado con intelixencia e valentía meses atrás

O 22 de maio de 1938, tamén domingo, na tardiña e no momento do último rancho, o forte foi tomado polos presos seguindo un plan argallado con intelixencia e valentía meses atrás. Apenas houbo violencia e só un garda do penal resultou morto mentres o resto foi reducido sen sufrir danos. Foi un deses gardas quen, tras escapar, deu a voz de alarma na cidade de Pamplona provocando a inmediata mobilización de soldados e gardas civís. Entón, deu comezo a cacería.

Entrada ao forte San Cristóbal, no monte Ezkaba Dominio Público Jorab

Entre os fuxidos, un de catro era galego, unha elevada porcentaxe que se incrementa cando falamos dos asasinados: cincuenta e cinco dos douscentos abatidos nos montes próximos ao forte procedían da Galiza

De noite, mal nutridos, enfermos, descoñecedores da zona e calzados con alpargatas, case oitocentos dos dous mil presos que mal vivían en Ezkaba cando tivo lugar a evasión, abriron celas e portas e ollaron cara os Pireneos: a desbandada no medio da escuridade foi absoluta. Entre os fuxidos, un de catro era galego, unha elevada porcentaxe que se incrementa cando falamos dos asasinados: cincuenta e cinco dos douscentos abatidos nos montes próximos ao forte procedían da Galiza. Non tiveron oportunidade e só a fortuna decidiu entre a vida e a morte: se caían nunha man asasina ou se foron devoltos ao penal dependeu do talante do líder do grupo perseguidor.

Un ano máis, a Red de Memoria Colectiva Txinparta-Fuerte de San Cristóbal homenaxeou ás vítimas do penal navarro nun acto tan duro como emotivo. Nesta ocasión, quixeron ofrecer unha especial lembranza das mulleres valentes que nunca deixaron abandonados aos seus homes presos en Ezkaba; mulleres decididas que pagaron un alto custo por ter aos maridos, irmáns ou fillos recluídos naquel inferno chamado San Cristóbal: rapadas de cabelo, grolos de aceite de rícino, malleiras, encarceramentos arbitrarios... por todo iso e moito máis pasaron as mulleres recollidas no documental Fuimos mujeres de preso, das directoras Eva Abad Castellar e Irene Abad Buil, e proxectado no Centro Cívico Ostoki de Pamplona.

Quen escribe estas liñas viaxou a Ezkaba, mais non ía só. Ao meu carón estivo un grande amigo, Anxo Doval Rey, familiar directo dun dos fugados de Ezkaba, asasinado nos días posteriores á evasión

Nós acudimos a Ezkaba e, malia os libros e as fotografías sobre o lugar e a historia, cando chegas ante a porta principal, ficas paralizado. O penal, escavado no cume do monte e propiedade do Exército español, permanece pechado e non accesíbel. Mais cando percorres o foso principal, aquela parálise énchese de dor. Sen poder acceder ao interior do forte nin ás celas subterráneas, pensas: como puideron sobrevivir algúns dos sete mil presos que en algún momento, entre 1936 e 1945, permaneceron recluídos en San Cristóbal? Non hai resposta racional. Foi, precisamente, a apertura pública do forte a principal reclamación no inicio da homenaxe, segundo expresou o presidente da Asociación Txinparta. Con todo, como sempre, os grandes protagonistas do acto foron os familiares dos presos e, así, puidemos escoitar a Beatriz agradecer emocionada poder recuperar os restos do seu avó, ou Agustín Hernán, que fixo chorar a moitos cando lembrou a súa avoa Vicenta. O testemuño de Ana Lázaro narrando as longas viaxes da súa nai Felisa a San Cristóbal xeou o sangue de todos os asistentes. Todos os oradores falaron, en definitiva, das esquecidas, das ocultadas, das que non tiñan nome, das que pasaron a historia á sombra dos seus homes, fillos ou pais. 

Maite e Josu interpretaron unha canción-poema titulada La visita, e o grupo Abian cantou Las olvidadas. Por último, tres txistularis e unha parella de dantzaris deron por rematado a homenaxe. Antes, tivemos a fortuna de coñecer e falar con Fermín Ezkieta, o investigador que máis afondou na evasión do 22 de maio de 1938. El narrounos desde o alto do forte e ante unha visión privilexiada do val coas montañas e Francia ao fondo, por onde escaparon os fuxidos daquel día, como os perseguiron, onde os mataron ou detiveron... O relato do terror 85 anos despois.

Os restos de Manuel Rey Urcera seguen sen aparecer, soterrado nalgún punto do maior cemiterio a ceo aberto de toda Europa: o camiño que vai de Ezkaba a Francia

Quen escribe estas liñas viaxou a Ezkaba, mais non ía só. Ao meu carón estivo un grande amigo, Anxo Doval Rey, familiar directo dun dos fugados de Ezkaba, asasinado nos días posteriores á evasión. O seu tío-avó chamábase Manuel Rey Urcera, orixinario de Faxilde, unha parroquia do concello de Vilagarcía de Arousa, labrego e solteiro. Aínda o 27 de xullo de 1940 (dous anos despois do crime), o Boletín Oficial do Estado publicaba o fallo do Tribunal Provincial de Responsabilidades Políticas de Pontevedra e declaraba a Manuel “incurso en responsabilidad política (...) y le imponemos como sanción el pago de cincuenta pesetas”. Na actualidade, no ano 2023, os restos de Manuel Rey Urcera seguen sen aparecer, soterrado nalgún punto do maior cemiterio a ceo aberto de toda Europa: o camiño que vai de Ezkaba a Francia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.