En memoria do historiador e bibliotecario Francisco Xavier Redondo Abal

Francisco Xavier Redondo Abal © Claudio Rodríguez Fer

Francisco Xavier Redondo Abal (Pontevedra, 1964 – Santiago de Compostela, 2026), licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, veu compaxinando ao longo de toda a súa traxectoria profesional e investigadora o traballo como bibliotecario da citada institución universitaria e a atención á recuperación da memoria histórica antifascista de Galicia. En efecto, ademais de publicar numerosos artigos en revistas diversas, foi autor xa dunha ducia de libros a partir do titulado Percorrendo a catástrofe. Unha achega bibliográfica ao Prestige (2005).

Así, con encomiable afán documentalista, ocupouse de inventariar a guerrilla posbélica en Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965) (2006), de desvelar a represión fascista en O mar e a memoria. O Expediente Armesto (2012) ou de rescatar persoais recordos intrahistóricos tan dramáticos e significativos como os editados en Alfonso Ortega Prada: memorias de un socialista perseguido por el fascismo.A Veiga (Ourense), 1936-1937 (en colaboración con Pilar Ortega González, 2007) e Memoria(s) de Marcelino Fernández Prada, un alcalde socialista e revolucionario (2007).

Agora ben, practicamente na metade das súas obras combinou o seu compromiso memorialista coa súa profesión bibliotecaria, como poñen en evidencia os interesantísimos títulos que dedicou a bibliotecas persoais incautadas polo franquismo -A memoria dos libros. Incautación, espolio e desfeita da biblioteca de Santiago Casares Quiroga (2008), Proceso a una biblioteca. A persecución de Castelao a través da incautación da súa biblioteca (2010)- e os que dedicou á persecución fascista de bibliotecas e bibliotecarios: O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (2009) e Bibliotecarias e bibliotecarios ‘infames’. A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano: O caso galego (2014).

Ademais, editou e estudou o catálogo da Biblioteca de José Ángel Valente (en colaboración con Margarita García Candeira, 2016), pois non en van foi durante varios lustros o bibliotecario que se ocupou do tan importante, en calidade e cantidade, legado bibliográfico do poeta, custodiado pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela.

No seu tan panorámico como suxestivo libro Arelas de liberdade na Galiza. Galegos perante o Tribunal de Orde Pública (TOPGAL, 1964-1976) (2017) inaugurou unha nova liña de investigación na súa traxectoria: a de extraer e estudar os elementos galegos de amplos contextos estatais, no citado caso de tipo xudicial. E a esta liña pertence tamén o traballo, inserido nun contexto penitenciario, Ezkaba. Galegos na gran evasión do forte de San Cristóbal (Pamplona, 22 de Maio de 1938), que tiven a honra de prologar ao seu pedido. E así mesmo o seu último libro publicado, El movimiento libertario español visto por la policía franquista: documentos de la Brigada Político-Social sobre la CNT-FAI-JJLL (1941-1960) (2023), editado en Madrid pola Fundación de Estudios Libertarios Anselmo Lorenzo.

Francisco Xavier Redondo Abal e Claudio Rodríguez Fer no primeiro encontro sobre as vítimas do 36 en Lugo ©

Agora ben, ademais de tan numerosos libros, Francisco Xavier Redondo Abal colaborou en aínda máis numerosos medios impresos e dixitais, frecuentemente nesta mesma Praza Pública. E foron tamén innumerables as ocasións nas que interveu en actos públicos relacionados coa historia, coa memoria e coas bibliotecas. Eu mesmo o convidei a falar da guerrilla antifranquista galega na que era especialista, tendo así ocasión de presentalo por primeira vez en público, no encontro “Vítimas do 36 en Galicia. Memoria e paz para sempre”, celebrado no Campus Universitario de Lugo en 2007. 

Tiven, pois, a sorte de traballar día a día con Francisco Xavier Redondo Abal na súa condición de bibliotecario da Cátedra Valente que dirixo, un centro de investigación estética, pero tamén de compartir con el iniciativas e reivindicacións memorialistas, converxendo así mesmo, complementariamente, no epicentro da investigación ética que nos move e conmove. Que os que están presos e mortos na historia e na intrahistoria recuperen polo menos a súa memoria na ética e na estética de libros tan documentados, respectuosos, dignificadores e necesarios como os do inesquecible e benemérito bibliotecario Francisco Xavier Redondo Abal, o para tantas persoas benquerido Fran. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.