Marcelino Fernández Prada, recoñecemento e reparación

Vello cárcere de Lugo, hoxe rehabilitado © CREUSeCARRASCO

Para Marce, Ermitas, Pastora e Jorge

Republicano irredento, fundador en San Clodio de Ribas de Sil da Agrupación Socialista Agraria – adherida á Unión General de Trabajadores –, antifascista convencido, revolucionario nas xornadas do 6 ao 9 de outubro de 1934, Marcelino Fernández Prada foi o primeiro alcalde socialista do concello de Ribas de Sil, Lugo.

No verán de 2007 dimos ao prelo de Promocións Culturais Galegas un traballo que levaba por título Memoria(s) de Marcelino Fernández Prada, un alcalde socialista e revolucionario. Alí, dentro da colección “O Fardel da Memoria”, tentamos debuxar a traxectoria vital deste represaliado polo franquismo e, asemade, publicar as súas memorias, escritas mentres agardaba pola súa execución tras a sentenza ditada por un tribunal militar en Lugo o primeiro día de agosto de 1941.

Marcelino, nado o 20 de setembro de 1895 na parroquia de San Xulián do concello ourensán da Rúa, foi un home de acción. Inmigrante en Nova York e retornado a súa terra en decembro de 1928, o seu nome non era descoñecido para a historiografía galega. Antes da publicación do libro citado, diversos historiadores xa trataran sobre a figura de Fernández Prada nos seus traballos e investigacións. Velaí, por exemplo, a Manuel González Probados (O socialismo na II República, 1992) ou María Jesús Souto Blanco (La represión franquista en la provincia de Lugo, 1998), ámbolos dous cos seus estudos publicados pola inesquecíbel Ediciós do Castro.

Marcelino Fernández Prada Dominio Público

Marcelino atopábase en situación de rebeldía cando o Consello de Guerra da causa 636/1936 xulgou a preto de corenta veciños de Ribas de Sil, a meirande parte labregos. Once deles foron fusilados ás 06:00 horas do día 11 de maio de 1937 na cidade de Lugo. O 3 de maio de 1939, o Comandante do posto da Garda Civil de Petín, Ourense, detivo a Marcelino, oculto na casa da súa nai. Sen dúbida, unha delación provocou a súa caída

Republicano irredento, fundador en San Clodio de Ribas de Sil da Agrupación Socialista Agraria – adherida á Unión General de Trabajadores –, antifascista convencido, revolucionario nas xornadas do 6 ao 9 de outubro de 1934, Marcelino Fernández Prada foi o primeiro alcalde socialista do concello de Ribas de Sil, Lugo. As repeticións das eleccións en diversos axuntamentos da provincia lucense, o 31 de maio de 1931, levaron a Marcelino a ocupar a máxima responsabilidade nesa alcaldía situada na bisbarra de Quiroga. Fuxido a Portugal tras os sucesos revolucionarios de Outubro de 1934 e, posteriormente, agochado na casa dos seus pais, na Rúa, Fernández Prada retornará como principal rexedor a Ribas de Sil tras acollerse á amnistía decretada a finais de febreiro de 1936. Cinco meses máis tarde a guerra estoupará para estrago da República.

A resistencia en Ribas de Sil foi efémera. No amencer do día 21 de xullo de 1936 Marcelino partiu do seu fogar en San Clodio e iniciou unha xeira de medo e agocho que durará tres longos anos. O ex alcalde chegou á Rúa e permaneceu resgardado na casa da súa tía Jacinta, na parroquia de San Xulián de Montes. En setembro partiu cara o fogar da súa nai, Carmen, tamén na Rúa. Alí ficará atemorizado e oculto durante tres anos. Marcelino atopábase en situación de rebeldía cando o Consello de Guerra da causa 636/1936 xulgou a preto de corenta veciños de Ribas de Sil, a meirande parte labregos. Once deles foron fusilados ás 06:00 horas do día 11 de maio de 1937 na cidade de Lugo.

Ingresado na Prisión Provincial de Lugo e agardando polo pelotón de fusilamento, Marcelino Fernández Prada comezou a escribir Mis memorias, que abranguen dende o 1 de agosto ata o 20 de outubro de 1941. O texto vai dedicado aos seus sete fillos: José, Jesús, Severino, Maruja, Dalia, Benito e Américo

O 3 de maio de 1939, o Comandante do posto da Garda Civil de Petín, Ourense, detivo a Marcelino, oculto na casa da súa nai. Sen dúbida, unha delación provocou a súa caída. A causa sumarial 1532/1937 xulgou ao alcalde, a carón do veciño de San Clodio Manuel Colina Anca, alcumado “Grau de Millo”. O Consello de Guerra comezou o 29 de xullo de 1941 no Salón Nobre da Deputación Provincial de Lugo. A sentenza ditada condenaba a Manuel Colina a doce anos de reclusión mentres o azorado Marcelino escoitaba o seu castigo: pena de morte.

Ingresado na Prisión Provincial de Lugo e agardando polo pelotón de fusilamento, Marcelino Fernández Prada comezou a escribir Mis memorias, que abranguen dende o 1 de agosto ata o 20 de outubro de 1941. O texto vai dedicado aos seus sete fillos: José, Jesús, Severino, Maruja, Dalia, Benito e Américo. Alí atopamos a un home derrotado, amedrentado e confuso. Tamén está incrédulo pola situación na que se encontra. Ademais, ollamos unha persoa convencida da súa inocencia pois, como responsábel do concello de Ribas de Sil, nunca fixera dano a ninguén nin se aproveitou do seu cargo en beneficio propio. Acusado de rebelión militar, en realidade todo aconteceu en senso contrario: Marcelino, en xullo de 1936, permaneceu leal ao Réxime e ao Goberno legalmente constituídos e defendeu ata onde puido ao Estado constitucional e democrático.

Memoria(s) de Marcelino Fernández Prada, un alcalde socialista e revolucionario ©

O 24 de outubro de 1941 o Capitán Xeral da Oitava Rexión Militar rebaixou a condena “por la de inferior grado”: trinta anos de cárcere. A principios de xuño de 1950 o fogar lucense de Fernández Prada recibiu o Certificado de Liberación Definitiva, mais de pouco servía: Marcelino falecera por mor dun cancro o 8 de xuño de 1944. Entón, chegou o silencio e o esquecemento

O xeneral sublevado Emilio Mola subliñou en 1936 que chegara a hora de saldar contas. En consonancia, un xuízo-farsa sen garantías legais, sen probas de ningunha clase e ateigado de testemuñas que máis se acercan a disputas e rancores persoais, determinou a “culpabilidade” de Fernández Prada e a súa sentenza de morte. A fortuna para o socialista chegou en forma de conmutación de pena. O 24 de outubro de 1941 o Capitán Xeral da Oitava Rexión Militar rebaixou a condena “por la de inferior grado”: trinta anos de cárcere. Dous anos máis tarde, unha nova conmutación rebaixaba a estancia en prisión a seis anos e un día de reclusión. Para entón, un home gravemente enfermo a causa das durísimas condicións carcerarias (fame, frío, carencia de hixiene...), acadou a liberdade provisional. O 25 de agosto de 1943 Marcelino fixou a súa residencia na rúa General Mola, número 15, de Lugo. A principios de xuño de 1950 o fogar lucense de Fernández Prada recibiu o Certificado de Liberación Definitiva, mais de pouco servía: Marcelino falecera por mor dun cancro o 8 de xuño de 1944. Entón, chegou o silencio e o esquecemento. 

Neste mes de outubro que andamos, os descendentes de Marcelino recibiron unha Declaración de Reconocimiento y Reparación Personal expedida polo Goberno do Estado español e asinada en Madrid o 3 de outubro de 2024 por Ángel Víctor Torres Pérez, Ministro de Política Territorial e Memoria Democrática. Un documento moi interesante que chega tarde, moi tarde, mais que merece unha valoración porque, en primeiro lugar, queda acreditado oficialmente que Marcelino sufriu persecución por razóns políticas e ideolóxicas e que o perseguimento aconteceu durante a Guerra Civil e a ditadura franquista, é dicir, entre 1936 e 1975. Non é pouca cousa. Pero hai máis.

Tiveron que pasar oitenta anos para que o Estado tivera que recoñecer de maneira oficial un feito indiscutíbel: Marcelino Fernández Prada non cometeu delito de ningunha especie, foi acusado en base a falsidades e condenado por tribunais ilexítimos con resolucións ilegais

A declaración incide nunha dobre cuestión, unha ligada a outra, pois o texto suma dereito con recuperación da memoria. Dereito, ou sexa, recoñecemento e obtención da reparación moral; e, recuperación, co significado de memoria persoal, familiar e colectiva. Deste xeito, tal e como recolle o artigo 5 da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, queda de manifesto que o tribunal que xulgou a Marcelino Fernández Prada era ilegal e ilexítimo, de igual maneira os xurados e outros órganos penais ou administrativos que condenaron ou sancionaron ao antigo alcalde. En resumo: todas as resolucións derivadas das actuacións contra Marcelino eran ilegais e, en consecuencia, de absoluta nulidade. Por outra banda, e non menos importante, se os tribunais eran ilegais e ilexítimos, todas as condenas, sancións e resolucións ditadas por eles contra Fernández Prada tamén soportan nulidade e ilegalidade. 

Tiveron que pasar oitenta anos para que o Estado tivera que recoñecer de maneira oficial un feito indiscutíbel: Marcelino Fernández Prada non cometeu delito de ningunha especie, foi acusado en base a falsidades e condenado por tribunais ilexítimos con resolucións ilegais. Non estaría de máis subliñar, tamén, que foi un cidadán respectuoso coa orde establecida e, en consecuencia, un defensor do Réxime legalmente instalado. Ningún dos sete fillos de Marcelino vive na actualidade. Unha mágoa. A lentitude exasperante na procura de xustiza resulta dolorosa para os familiares de aqueles que padeceron persecución e castigo. Non están os fillos, mais fican os netos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.