Esta serie pretende restituír a memoria dos homes e mulleres integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) que sufriron a represión franquista, a marxinación profesional e laboral, a miseria económica, a exclusión social, a vexame e o medo. Vítimas todas elas inocentes, exiliadas unhas, presas outras nun cárcere chamado España. Profesionais honestos da cultura que pagaron un elevado custo pola súa lealdade democrática e republicana.
Resulta moi desalentador saber que as institucións públicas que fomentan a cultura en xeral omitan – deliberadamente ou non – asuntos tan relevantes como a persecución franquista
Resulta moi desalentador saber que as institucións públicas que fomentan a cultura en xeral omitan – deliberadamente ou non – asuntos tan relevantes como a persecución franquista, a depuración fascista e os castigos exemplares contra, entre outras, aquelas persoas que promoveron a instrución, a investigación e o fomento da lectura. Este resulta ser o caso da nosa protagonista, unha aragonesa honesta e exemplar, comprometida co proxecto educativo republicano na socialización do libro a partir do pulo bibliotecario que, ao fin, resultou sinalada, xulgada e sentenciada.
Que ninguén agarde atopar mención algunha sobre o rigoroso proceso depurador sufrido por esta mestra e bibliotecaria oscense: nin o Instituto de Estudios Altoaragoneses (dependente da Deputación Provincial de Huesca), nin a páxina web Mujeres e Igualdad do Concello de Zaragoza, nin a Asociación Cultural Instituto Obrero (ACIO) de Valencia, onde esta muller traballou rexamente durante a Guerra Civil, abordan o expediente sancionador da bibliotecaria, porén dar noticia da súa vida e actividade profesional. Unicamente, o proxecto ArqueologAs/Herstory da Universitat de Barcelona alude a un “doloroso expediente de depuración”, sen máis.
Asunción Martínez Bara naceu en Huesca o 29 de agosto de 1902. Filla de Elvira Bara e de Mariano Martínez Jarabo (1852-1925) – catedrático do instituto oscense e, durante algúns anos, director de El Diario de Huesca e alcalde da cidade –, a futura bibliotecaria estudou o bacharelato nos Institutos de Toledo e Huesca e acadou en 1923 a Licenciatura en Filosofía e Letras, Sección Historia, na Universidade de Zaragoza. Instalada en Madrid, Asunción impartiu clases de latín no Instituto-Escuela entre 1926 e 1929 e, tras superar as oposicións, ingresou no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) o 2 de xullo de 1930. O seu primeiro destino foi a Biblioteca Nacional madrileña. Alí traballou ás ordes de Miguel Artigas, director do centro e, co tempo, a persoa que elevará ao ministro de Educación Nacional franquista as propostas de sancións contra a bibliotecaria unha vez rematada a guerra.
Antes da evacuación cara Valencia, Asunción prestou servizos na coñecida Junta de Incautación y Protección del Patrimonio Artístico de Madrid, un organismo que con poucos medios e moito traballo logrou salvar da rapina e o saqueo centos de bibliotecas públicas e privadas
O trebón da contenda chegou cando Martinez Bara contaba con 34 anos. Trasladada a Valencia, o 4 de maio de 1937 solicitou ser readmitida no emprego tras o cese decretado para todos os funcionarios por mor do Decreto de 27 de setembro de 1936. Na instancia dirixida ao ministro de Instrución Pública e Belas Artes, a bibliotecaria achegou o seu carné de militante de FETE-UGT asinado o 22 de setembro de 1936 así como a carta de identidade no socialista Sindicato de Trabajadores en Archivos, Bibliotecas y Museos (STABYM), organismo no que se integra no momento da súa fundación o 9 de xaneiro de 1937. Tamén fixo constar a súa adhesión ao Frente Popular de Funcionarios dende outubro de 1936. Todo isto provocou que as autoridades republicanas cualificaran a Asunción Martínez Bara como “muy leal”, cunha capacidade laboral “excelente” e un celo profesional “bueno”. Esta chamada “carpeta verde” ou “expediente rojo”, segundo a denominación franquista, pode consultarse no Archivo General de la Administración de Alcalá de Henares (AGA) baixo a signatura Educación 31/7083.
Antes da evacuación cara Valencia, Asunción prestou servizos na coñecida Junta de Incautación y Protección del Patrimonio Artístico de Madrid, un organismo que con poucos medios e moito traballo logrou salvar da rapina e o saqueo centos de bibliotecas públicas e privadas. En novembro de 1936, co traslado á cidade do Turia, Martínez Bara foi nomeada responsábel da Casa da Cultura valenciana, unha especie de residencia de intelectuais antifascistas desprazados desde a capital do Estado. Alí, Asunción trabou unha fonda e sincera amizade con María Moliner e en Valencia vivirá todo o desastre da sublevación e a guerra contra a República.
Máis tarde, Asunción foi enviada ao Instituto Obrero de Valencia (IOV), responsabilizándose da súa biblioteca. O IOV foi creado polas autoridades republicanas en 1936, coa guerra xa iniciada. O obxectivo era dotar ás clases populares dun nivel de formación adecuado para reconstruír o país cando a guerra rematara. O valenciano foi o primeiro doutros institutos inaugurados con posterioridade en territorio leal á República: Sabadell, Barcelona, Madrid, Alcoi... O novo ensaio pedagóxico do IOV permitiu á bibliotecaria coñecer a personalidades como Samuel Gili Gaya, Rafael de Penagos, Victoria Zárate, Antonio Machado ou León Felipe, por citar algúns. A institución foi proscrita en 1939 e o esquecemento chegou até a morte do ditador Franco. En 1986 un grupo de antigos alumnos fundará en Valencia a Asociación Cultural Instituto Obrero (ACIO).
Rematada a contenda deu comezo a cazaría contra Martínez Bara, en especial cando o expediente verde republicano caeu nas mans de Miguel Gómez del Campillo, o xuíz-instrutor encargado das investigacións contra os funcionarios pertencentes ao CFABA
Rematada a contenda deu comezo a cazaría contra Martínez Bara, en especial cando o expediente verde republicano caeu nas mans de Miguel Gómez del Campillo, o xuíz-instrutor encargado das investigacións contra os funcionarios pertencentes ao CFABA. Gómez del Campillo – de quen xa falamos polo miúdo en anteriores entregas – quedou horrorizado ao saber o pasado republicano e o compromiso socialista da aragonesa. Mentres, en Valencia, Asunción asinaba o 10 de abril de 1939 a instancia e a declaración xurada dirixidas ao ministro de Educación Nacional para poder reingresar na función pública, de acordo co preceptuado na represiva Lei de 10 de febreiro fixando as normas para a depuración dos funcionarios públicos. No interrogatorio inserido na declaración, a aragonesa respondeu a preguntas como se formou parte dun batallón de milicianos, se estivo en zona liberada e pasou á roxa, cal foi a cantidade económica coa que axudou ao Goberno republicano ou se tomou parte nalgún “Comité de Salud Pública o Junta Depuradora”... A todo contestou negativamente.
O gran problema chegou cando Asunción tivo que asumir a súa militancia na FETE e en STABYM así como recoñecer os cargos desenvolvidos durante os anos de guerra e destrución. Mentir na declaración xurada levaba aparellado a expulsión definitiva da profesión e nun corpo de funcionarios tan reducido como era o CFABA, todos coñecíanse entre si... Gómez del Campillo deu inicio, entón, ao expediente depurador de Martínez Bara e, como noutros casos, convidou a compañeiros de profesión a denunciar e cualificar a Asunción nun exercicio lamentábel de delación onde, como leremos deseguido, as acusacións contra a facultativa raiaron o grotesco. En realidade, todo canto vexamos a continuación resulta inimaxinábel e esperpéntico.
Case unha trintena de funcionarios e funcionarias – moitos deles da Biblioteca Nacional – correron presto a contentar ao xuíz-instrutor acusando a Asunción de todo canto quixera escoitar
O expediente de depuración franquista contra Asunción Martínez Bara está gardado e pode consultarse no AGA, Educación 31/6058. Alí atopamos as declaracións que dan comezo ao proceso contra a facultativa aragonesa, unhas declaracións iniciadas o 31 de maio de 1939 e rematadas o 24 de novembro do mesmo ano. Case unha trintena de funcionarios e funcionarias – moitos deles da Biblioteca Nacional – correron presto a contentar ao xuíz-instrutor acusando a Asunción de todo canto quixera escoitar. Con todo, o relevante é subliñar que aqueles facultativos sabían que as súas palabras ían conducir á bibliotecaria ao estigma, a quedar sinalada perpetuamente, ao prexuízo económico e á paralización e ao descrédito dentro da profesión, todo iso no mellor dos casos. E como en moitos outros expedientes, non houbo nas declaracións rubor nin pudor nin sentimento de malestar por algunha cuestión de carácter moral, coñecedores do dano que provocarían determinadas acusacións. Velaí, moi resumidos, algúns exemplos.
Eduardo Ponce de León, bibliotecario da Nacional reconvertido en Delegado de Investigación e Vixilancia de FET y de las JONS, afirmou que Asunción “hacía gala de sus opiniones marxistas llegando a hacer ademanes de violencia (...). Ridiculizaba las ideas de la Falange, era izquierdista cien por cien...”. Tamén traballaba na Biblioteca Nacional José Almudévar Lorenzo, que cualificou á investigada como “propagandista de bulos en contra del Movimiento (...). Fue compañera inseparable de María Brey y del nefasto Rodríguez Moñino en sus andanzas...”. Ramón Paz Remolar exercía como facultativo no Arquivo Histórico Nacional e foi acusado pola aragonesa, segundo declara, de “boicotear a la República durante la guerra”. Emilio González Díaz de Celis tachou a Asunción de ser “persona de ideas izquierdistas, gozaba de la confianza de las autoridades rojas”. E por se fora pouco, “fue una de las organizadoras del taller de costura [sic] que funcionó en el Ministerio de Instrucción Pública (...)”. A Biblioteca Popular de Valencia estaba a cargo de Rafael Raga Miñana quen declarou que Asunción “ideologicamante simpatizaba con el Gobierno rojo”.
O director do Arquivo Histórico Nacional e xuíz-instrutor asinou o 28 de novembro de 1939 unha relación de acusacións disparatadas, unha ducia de cargos que ían dende a cualificación de moi leal dada polas autoridades republicanas até propagandista roxa
Fernando García Araujo traballaba na Biblioteca Nacional e falou do pasado de Martínez Bara: “Influenciada por las ideas modernistas universitarias de la ante-guerra y algún hermano [Antonio] de la FUE mostraba franca simpatía por aquella perniciosa federación y [presentaba] el puño en alto”. O sacerdote e facultativo da Biblioteca Nacional Pedro Longás Bartibás foi moi explícito: “Izquierdista y del grupo del Frente Popular; disfrutó del apoyo de los rojos tanto en Madrid como en Valencia”. Florentino Zamora tamén traballaba na Biblioteca Nacional e non dubidou en aseverar que “cuando se comentaba en la Bib. Nac. el asesinato de Calvo Sotelo, esta funcionaria, en airada protesta ante sus compañeros, levantó el puño y salió de la habitación...”. Miguel Bordonau opinou que “derivó al izquierdismo por tontería intelectual”. Moi dura resultou a declaración da bibliotecaria da Nacional Ángela García Rives cando cualificou a Asunción como “neurasténica o inconsciente” pois carece de “disciplina y compañerismo”. Por iso, “mientras no modifique su temperamento, será un problema la convivencia con ella en la Biblioteca, donde no goza de muchas simpatías...”. Agora, tomemos un pouco de aire...
Catro días máis tarde da última declaración, Miguel Gómez del Campillo redactou o prego de cargos contra Asunción Martínez Bara. O director do Arquivo Histórico Nacional e xuíz-instrutor asinou o 28 de novembro de 1939 unha relación de acusacións disparatadas, unha ducia de cargos que ían dende a cualificación de moi leal dada polas autoridades republicanas até propagandista roxa pasando por ser a responsábel da Casa da Cultura valenciana ou amosar en público “opiniones anti-clericales, izquierdistas y marxistas”. A estupidez, a intransixencia e o dogmatismo de Gómez del Campillo aparecen no momento en que acusa a Asunción de ser “compañera inseparable de Rodríguez Moñino y de María Brey” e de “censurar el Glorioso Movimiento Nacional”. Con todo, a paranoia xurde cando carga contra a bibliotecaria e subliña que era “profesora en el cursillo de preparación de encargados de bibliotecas” (tremendo delito!) ou que “se burlaba de los trabajos manuales que obligaban a practicar a los bibliotecarios” (algo difícil de crer). Aquel mesmo día, o prego foi entregado a Asunción, presente na sede do xulgado depurador, o Arquivo Histórico Nacional na rebautizada Avenida de Calvo Sotelo.
Miguel Artigas foi máis indulxente. O 21 de decembro de 1939, o director xeral elevou ao ministro de Educación Nacional unha proposta de sanción contra Asunción na que rebaixaba as penas de cinco a dous anos. Pouco importaba pois a bibliotecaria ficou sinalada para sempre
O artigo sexto da Lei do 10 de febreiro de 1939 obrigaba entón á investigada a presentar un escrito, acompañado de cantos documentos precisara, para exculpala das acusacións que pesaban sobre ela. O prazo estipulado era de oito días e o 4 de novembro de 1939 a bibliotecaria contestou nunha extensa alegación de catro páxinas mecanografadas. Asunción afirmou ignorar as razóns polas que foi cualificada como “moi leal” polas autoridades republicanas, negou con vehemencia ser unha “propagandista roxa” e cualificou de “grotesco el mutis teatral” de erguer o puño tras o asasinato de Calvo Sotelo. Sobre as súas presuntas opinións esquerdistas, marxistas e anticlericais, Martínez Bara sinalou: “Mis compañeros de la Biblioteca Nacional saben que soy católica y no nominal, sino de las que han practicado y practican su religión (...), he asistido a misa desde la biblioteca en días de trabajo (...)”... Nada serviu pois a facultativa xa estaba condenada.
As propostas de sanción contra Asunción Martínez Bara aparecen recollidas no oficio número 179, asinado por Miguel Gómez del Campillo o 11 de decembro de 1939. O xuíz-instrutor dá por probadas todas e cada unha das acusacións presentadas contra a bibliotecaria oscense. Así, o cualificativo de “roxa” é consecuencia de “su manifiesta significación política”; a Casa da Cultura de Valencia – da que foi responsábel Asunción – era “un refugio de los ‘sabios’ rojos que en tropel salieron de Madrid atemorizados por el brillo de las bayonetas del Ejército Nacional”; ser profesora de cursos para bibliotecarios non era un problema, “pero no menciona a sus compañeros Rocher, Brey, Nadal y Aguilar, todos rojos, y el tribunal compuesto por Millares, Teresa Andrés y María Moliner”; as opinións anticlericais quedan probadas polos testemuños dos seus compañeiros de profesión; segundo Gómez del Campillo, Asunción erguía o puño con facilidade naquelas “asambleas, que bien pudieran calificarse de soviéticas, de archiveros y bibliotecarios (...), se saludaban puño en alto (...)”...
Con estas premisas, o xuíz-instrutor elevou ao director xeral de Arquivos e Bibliotecas, Miguel Artigas, a finalización do expediente depurador contra Asunción. O arquiveiro Gómez del Campillo afirma que “bien podría ser separada del servicio la Srta. Martínez Bara, pero la generosidad propia del Nuevo Estado” fai que as propostas de sanción queden reducidas ao traslado forzoso coa prohibición de solicitar cargos vacantes, a inhabilitación para desempeñar postos de mando ou de confianza e, por último, a postergación. Todo durante un período de cinco anos.
Miguel Artigas foi máis indulxente. O 21 de decembro de 1939, o director xeral elevou ao ministro de Educación Nacional unha proposta de sanción contra Asunción na que rebaixaba as penas de cinco a dous anos. Pouco importaba pois a bibliotecaria ficou sinalada para sempre. A resolución definitiva, asinada por José Ibáñez Martín, apareceu publicada no Boletín Oficial del Estado o 22 de xaneiro de 1940.
O novo destino de Asunción Martínez Bara foi Soria. Alí, coa metade da súa nómina, traballará no Museo Numantino e no Arquivo da Delegación de Facenda. Unha vez máis, venceu o desexo de afastar dun centro de lectura a unha profesional que amaba os libros e estaba convencida das vantaxes da socialización da lectura. Os libros como armas de xustiza social xa non tiñan acollida no Estado Novo e, en consecuencia, os bibliotecarios que anhelaban un país democrático con igualdade de oportunidades, tampouco.
Coas sanción cumpridas, a bibliotecaria solicitou traslado a súa terra. Aquel ano obtivo a praza de dirección da Biblioteca Pública de Huesca. Con ela ía tamén a responsabilidade de dirixir o Arquivo Histórico Provincial e o Arquivo da Delegación de Facenda. A saúde de Martínez Bara comezaba entón a minguar pero non lle impediu traballar arreo pola cultura e a alfabetización
Asunción permaneceu en Soria até 1949. Coas sanción cumpridas, a bibliotecaria solicitou traslado a súa terra. Aquel ano obtivo a praza de dirección da Biblioteca Pública de Huesca. Con ela ía tamén a responsabilidade de dirixir o Arquivo Histórico Provincial e o Arquivo da Delegación de Facenda. A saúde de Martínez Bara comezaba entón a minguar pero non lle impediu traballar arreo pola cultura e a alfabetización. Na provincia de Huesca, Asunción fundou o Centro Coordinador de Bibliotecas, un organismo provincial que deu pulo a centros de lectura en lugares tan afastados como Sariñena, Fraga ou Boltaña.
Pero aínda hai máis. A súa chegada a Huesca coincidiu co nacemento do Instituto de Estudios Oscenses (IEO), entidade que en 1977 mudará o seu nome polo de Instituto de Estudios Altoaragoneses e pasará a depender directamente da Deputación Provincial. No IEO, Asunción colaborará na creación da Cátedra Lastanosa, organizará un bo número de actos académicos e fundará a revista Argensola onde publicará diversos traballos de investigación. Malia a súa precaria saúde, Asunción dará ao prelo estudos como La Biblioteca Pública Provincial de Huesca (1950), El libro, la biblioteca, el bibliotecario (1951), Prensa y periodismo (1953) ou La mujer y el libro (1957).
Asunción Martínez Bara faleceu en Huesca o 27 de febreiro de 1959. Na necrolóxica do seu pasamento podemos ler que foi “una de las primeras aportaciones de la feminidad oscense al mundo de la inteligencia desde el siglo XIX”. Sobre a persecución fascista padecida, nin unha palabra.