Galicia volveu celebrar este luns o Día de Rosalía, da súa maior poeta, convertida en símbolo do país e da súa lingua. Co gallo do 189º aniversario do seu nacemento, foron numerosos os actos levados a cabo para lembrar e homenaxear a autora.
A Fundación Rosalía de Castro convidou toda a cidadanía a celebrar a xornada "lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía", os tres eixes que marcan unha celebración que conta con centos de actos e iniciativas máis que se espallan por toda Galicia e todo tipo de organizacións.
No acto institucional no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou como representante da Xunta nunha homenaxe na que estivo presente a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
López Campos, conselleiro de Cultura, gabou a figura de Rosalía como "referente da nosa cultura, da nosa identidade e da nosa historia"
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, foi o encargado de pechar un acto ao que puxeron música Uxía Senlle e Javier Ruibal e na que se recitaron versos da autora por parte de Concha Losado, presidenta do Museo do Pobo Galego, e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Antes, na ofrenda floral a carón do monumento a Rosalía na praza de Vigo compostelá, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou a autora “como unha desas persoas que sempre debemos ter como referente da nosa cultura, da nosa identidade e da nosa historia, aproveitando efemérides como esta, mais tamén poñendo en valor o seu legado de maneira constante, xunto con outros dos nosos persoeiros ilustres”.
Alí, no lugar onde naceu a escritora, interpretouse a Alborada de Rosalía por parte dos Carapaus e a alcaldesa Sanmartín enxalzou a rebeldía e o inconformismo da autora, a quen definiu como "muller alegre, culta, valente, brava e combativa, afastada do tópico de choromiqueira". “Foi unha muller que se adiantou en moitas das súas ideas e propostas á propia Virxinia Wolf, dicindo que ela quería vivir do que escribía, un paso fundamental para o resto de escritoras que viñan detrás”, asegurou.
Sanmartín, alcaldesa de Santiago, definiu a Rosalía como unha "muller alegre, culta, valente, brava e combativa, afastada do tópico de choromiqueira"
Tras os actos institucionais na capital galega, a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas, afirmou que "defender a Rosalía é defender hoxe o feminismo, os dereitos sociais e a lingua galega".
Ademais das numerosas homenaxes en forma de ofrenda floral ou lectura dos seus textos, centos de locais hostaleiros ofrecen xa desde a fin de semana un Caldo de Gloria, iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica "como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia", tal e como explica a Fundación.
Son 350 locais entre hostalería, comedores escolares e de empresa, alén de outros como centros de día, os que ofrecen este caldo. Ademais, desde a Fundación Rosalía repartíronse 60.000 manteis co poema que inspirou esta iniciativa, alén dos máis de 40.000 que distribuíu xa Hostalaria.gal en Santiago.
No Día de Rosalía 350 locais hostaleiros e comedores ofreceron o Caldo de Gloria, inspirado no poema no que a autora relata como facer este prato humilde
As homenaxes teñen lugar en moitas localidades. Por exemplo, en Lugo, o Concello e a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) organizou un acto no que a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a figura "moderna, poderosa e valente" de Rosalía, e afirmou que isto converte a poeta "nunha das mellores figuras que nos definen como pobo".
En Brión, alumnado de diferentes centros participaron nunha homenaxe ante a igrexa de Bastavales, e en Ames tivo lugar a excursión literaria Viaxando con Rosalía, na que medio cento de persoas gozaron das explicacións da experta rosaliana María López Sández, tanto no autobús como nas paradas feitas nos lugares de referencia da vida e obra de Rosalía, incluída unha para degustar o Caldo de Gloria.
En Ourense, por outra banda, o salón de plenos do Concello acolleu a homenaxe a Rosalía na que cinco colexios da cidade recitaron e musicalizaron poemas da autora galega.
Na Deputación de Pontevedra, o presidente Luís López destacou que a entidade provincial reedita o compromiso co galego no Día de Rosalía, autora que considera “figura clave” para que os escolares garantan mil primaveras máis para a lingua.
A Deputación aproveitou a xornada deste luns para lanzar unha nova edición do certame educativo Canta Rosalía, con premios didácticos por valor de 4.500 euros, para dar a coñecer a obra da poeta galega a través da gravación de pezas audiovisuais recitando poemas de Rosalía de xeito teatralizado
Ademais, na programación impulsada pola Universidade de Santiago (USC), e baixo a denominación ‘Vou con farois, buscándome a min mesma’, o poeta catalán Jaume Subirana, catedrático de Literatura Catalá na Universitat Pompeu i Fabra, guiará o día 26 (na Facultade de Filoloxía, ás 12 horas) unha lectura comentada dalgúns poemas de Rosalía. Achegaranse interpretacións "que os farán dialogar con versos doutras poetas referenciais da literatura mundial"; entre elas, a británica Christina Rosetti, a uruguaia Juana de Ibarbourou, a xaponesa Kaneko Misuzu, a polaca Wislawa Szymborska, a catalá Maria Mercè Marçal ou a estadounidense Emily Dickinson.