A estadía de Rosalía en Madrid, clave na súa obra e para o Rexurdimento

Rosalía, fotografada por L. Sellier en 1880 Dominio Público

A Facultade de Filoloxía da USC acolleu a I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro, na que se afondou nalgúns dos aspectos menos coñecidos da traxectoria e da obra da poeta, como por exemplo a súa estadía en Madrid, onde viviu entre 1855 e 1858

A Facultade de Filoloxía da USC acolle estes días a I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro, impulsada pola Cátedra institucional da Universidade de Santiago que leva o nome da autora. Un encontro científico que busca compartir novas perspectivas biográficas sobre a vida e o contexto cultural da escritora e no que se afondou nalgúns dos aspectos menos coñecidos da traxectoria e da obra da poeta, como por exemplo a súa estadía en Madrid, onde viviu entre 1855 e 1858.

Neste senso, o investigador Luis Miguel Fernández, doutor en Filosofía e Letras e profesor titular de Literatura Española da USC, defendeu que, de non térselle brindado a Rosalía a oportunidade de viaxar coa familia Lugín Castro á capital de España, "é posible que non tivese intimado e casado con Murguía nin establecido moitos contactos fundamentais na traxectoria da escritora". 

Esa ocasión de viaxar a Madrid proporcionóuselle a raíz do reparto da herdanza do tío de Rosalía, Tomás Lugín, casado con María Castro, a irmá maior de Teresa Castro, nai da poeta. Rosalía aproveita esta oportunidade e viaxa a Madrid coa súa tía e a súa curmá, coa aspiración de tentar vivir da súa actividade literaria. "Unha viaxe grazas a unha herdanza que, de non ter acontecido, podía ter mudado en parte a historia do Rexurdimento da nosa literatura”, destacou o investigador.

O investigador Luis Miguel Fernández © Cátedra Rosalía de Castro

O investigador Luis Miguel Fernández defendeu que, de non térselle brindado a Rosalía a oportunidade de viaxar coa familia Lugín Castro a Madrid, "é posible que non tivese casado con Murguía nin establecido moitos contactos fundamentais na traxectoria da escritora"

O investigador resalta que a viaxe a Madrid, ademais do desexo de vivir da profesión literaria, “era un xeito de resistencia na procura dun ambiente máis aberto, quizais fuxindo dunha presión ambiental como a que se ve, por exemplo, no segredo que se garda en torno ao seu nacemento en Santiago, pois os seus familiares, nai e curmáns, sempre afirman nas fichas de empadroamento nas que se inclúe á poeta galega que nacera en Padrón e non en Compostela”.

Así mesmo, o investigador rectificou versións anteriores nas que se aseguraba que a nai de Rosalía, Teresa Castro, tería viaxado tamén á capital. O relator resaltou que a viaxe a Madrid, ademais do desexo de vivir da profesión literaria “era un xeito de resistencia na procura dun ambiente máis aberto, quizais fuxindo dunha presión ambiental como a que se ve, por exemplo, no segredo que se garda en torno ao seu nacemento en Santiago, pois os seus familiares, nai e curmáns, sempre afirman nas fichas de empadroamento, nas que se inclúe á poeta galega, que nacera en Padrón e non en Compostela”.

O investigador resalta que a viaxe a Madrid, ademais do desexo de vivir da profesión literaria, “era un xeito de resistencia na procura dun ambiente máis aberto, quizais fuxindo dunha presión ambienta"

Pola súa parte, o doutor en Filoloxía Galega pola UVigo, Xurxo Martínez, centrouse nas achegas referentes aos últimos anos da vida a Rosalía, desde finais de 1882 a 1885, poñendo o foco na reacción social e no que se publicou na prensa tras o coñecemento tanto da doenza que padeceu, un cancro de útero que foi agravándose, como da precaria situación económica na que viviu a escritora na súa etapa final. 

Así mesmo, Martínez falou dos continuos intentos por tratar de encaixar a súa biografía nun discurso de tristura cando a súa propia filla a definiu como unha persoa alegre, e de acusala de desatender os fillos priorizando a súa faceta pública. O filólogo pechou a súa intervención, sinalando o acontencido na velada en homenaxe a Rosalía de Castro organizada por Emilia Pardo Bazán no Círculo de Artesanos da Coruña, dous meses despois da morte da escritora, un acto que segundo o investigador foi organizado co fin de ridiculizar a  obra da poeta cualificándoa como ‘poesía regionalista’, restándolle  o mérito e importancia que Rosalía tivo no rexurdir das nosas letras e na construción dunha identidade política de país.

No acto de apertura participaron o decano de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres, no centro, e a equipa da Cátedra Rosalía de Castro integrada por Fernando Cabo Aseguinolaza e a súa directora, María do Cebreiro Rábade © USC

Xurxo Martínez falou dos continuos intentos por tratar de encaixar a súa biografía nun discurso de tristura cando a súa propia filla a definiu como unha persoa alegre, e de acusala de desatender os fillos priorizando a súa faceta pública

O investigador tamén achegou información sobre as opcións que se puxeron enriba da mesa para dignificar a súa figura e a súa obra, unha vez que Rosalía faleceu, e sobre o debate que existiu arredor da colocación do seu mausoleo. Ao parecer, nun primeiro momento ía construírse en Iria Flavia, no cemiterio de Adina onde foi enterrada antes do seu traslado a Padrón, pero finalmente instalouse en Santiago pese á oposición tanto da colectividade galega de Cuba como da veciñanza de Padrón.

Finalmente, Miguel Anxo Seixas Seoane, historiador e presidente da Fundación Castelao, abordou o importante papel de Rosalía como autora capaz de “chegar ás casas da cidadanía que non tiña libros nos andeis” e lamentou que a escritora ordenara destruír todos os seus documentos “deixándonos sen un só manuscrito” das súas obras, algo que “fai que cada novo achado nos pareza unha reliquia”.

“Rosalía tiña moita máis información da vida cultural galega do que imaxinamos grazas ao Diccionario de escritores galegos que compilou Murguía”, tarefa que o poñía en contacto con todo o ecosistema cultural da época, destacou Miguel Anxo Seixas

En contraposición, o seu marido, Manuel Murguía gardou un extenso epistolario desde que era novo, que foi estudado minuciosamente por Seixas e de cuxa atenta lectura extrae que “Rosalía tiña moita máis información da vida cultural galega do que imaxinamos grazas ao Diccionario de escritores galegos que compilou Murguía”, tarefa que o poñía en contacto con todo o ecosistema cultural da época e que convertía a casa familiar “nunha especie de centro de información” ao que a escritora tiña acceso.

Na xornada interveu tamén a profesora Dolores Vilavedra, responsable do Fondo Rosaliano María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, custodiado pola Biblioteca da USC, onde se reúnen materiais inéditos e documentos transcendentais para descifrar a historia vital de Rosalía. A este fondo débeselle o esclarecemento de aspectos cruciais para a biografía de Rosalía como a relación coa súa nai, a súa vocación de actriz ou o testamento de José Martínez Viojo, pai biolóxico da escritora, que permitiu confirmar con rigor a filiación da autora e alumeou aspectos esenciais do seu contexto familiar, económico e social.

Intervención de Xurxo Martínez, doutor en Filoloxía Galega pola UVigo © Cátedra Rosalía de Castro

A directora da Cátedra, María do Cebreiro Rábade, anunciou que antes de que remate o ano está previsto que quede publicado no web da Cátedra o acceso ao Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro, que é o resultado do proxecto ‘Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro’.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.