Unha investigación sitúa o nacemento de Rosalía no 23 de febreiro e non no día 24, como ata agora

Casa natal de Rosalía, na actual Praza de Vigo de Santiago de Compostela Dominio Público Tirada de memoriasdecompostela.blogspot.com.es

 

La Voz de Galicia adianta os resultados da investigación da filóloga Sagrario Abelleira no Archivo Histórico Diocesano de Madrid, onde localizou un documento inédito que fixa no 23 de febreiro de 1837 o seu nacemento

Dende hai anos vén celebrándose cada 24 de febreiro o Día de Rosalía, conmemorando o nacemento da poeta en Santiago de Compostela, nesa data de 1837. Así se fixo tamén este ano, con celebracións en todas as comarcas do país. Porén, unha investigación levada a cabo pola filóloga Sagrario Abelleira no Archivo Histórico Diocesano de Madrid coa colaboración da arquiveira Irene Galindo podería mudar iso, fixando no 23 de febreiro a data da chegada ao mundo de Rosalía de Castro.

Adiántao La Voz de Galicia, que este sábado detalla os resultados da investigación, na que Abelleira achou nese arquivo madrileño un documento inédito que certificaría a nova data de nacemento. A Fundación Rosalía de Castro compartiu xa o achado, indicando nas súas redes sociais que este documento "trae máis luz ao que coñecemos da vida de Rosalía" e adiantando que "a vindeira semana daranse a coñecer aínda máis datos de interese dos seus primeiros anos".

Fotografía de Rosalía de Castro realizada por Luís Sellier Dominio Público

A Fundación Rosalía de Castro compartiu xa o achado, indicando que este documento "trae máis luz ao que coñecemos da vida de Rosalía" e adiantando que "a vindeira semana daranse a coñecer aínda máis datos de interese dos seus primeiros anos"

Ata agora considerábase que Rosalía nacera o 24 de febreiro, data do seu bautizo. Porén, Sagrario Abelleira localizou o expediente matrimonial de Rosalía e Murguía (unha voda que tivo lugar en Madrid en 1858), un documento que ata agora non se coñecía e que indica unha data distinta para o nacemento da autora nunha declaración notarial feita en xuño de 1843 pola súa nai, Teresa de Castro, e que se achegou nese momento como documento necesario para a formalización do matrimonio.

Nesta escritura notarial pódese ler: "Siendo presente doña Teresa de Castro [...], dijo: que en el día veinte y tres de febrero de mil ochocientos treinta y siete dio a luz a una niña que encargó a María Francisca Martínez, de la parroquia de San Juan del Campo, tragese a dicho Gran Hospital para que por uno de sus capellanes fuese bautizada solemnemente [...] poniéndole el nombre de María Rosalía Rita...".

Na entrevista con La Voz de Galicia, Sagrario Abelleira afirma que "había cousas que non me encaixaban na biografía de Rosalía", o que a levou a afondar na investigación

Aínda que na súa acta de bautizo Rosalía figura como filla de "pais incógnitos", sendo levada pola súa madriña neste rito, este documento deixa clara a súa filiación con María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, a súa nai.

Na entrevista con La Voz de Galicia, Sagrario Abelleira afirma que "había cousas que non me encaixaban na biografía de Rosalía", o que a levou a afondar na investigación, na procura de documentación aínda inédita, incluído o consentimento outorgado por Teresa de Castro a Rosalía para casar, e a escritura notarial que recolle o seu nacemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.