Culturactiva estrea 'Rosalía', unha obra de teatro para nenos e nenas sobre a infancia da escritora dirixida por Fina Calleja
Unha vez, tras unha visita escolar á casa de Rosalía de Castro, unha nena pequena chegou á casa contándolle ao seu pai que Rosalía non estaba. E que era fea porque estaba morta. O pai quedou pensando que, xa que Rosalía é precisamente o contrario: vida, luz…, algo habería que facer para axudar a que os nenos e nenas a visen tal como foi. Así xurdiu ‘Rosalía’, a obra de teatro de Culturactiva que recrea a vida da Rosalía de Castro nena. Dirixida por Fina Calleja e interpretada por Cristina Collazo e Rocío González, ‘Rosalía’ é o xogo, a exploración. O amor á palabra, á terra e ás persoas que nos coidan e que coidamos. Tamén as decisións adultas que, na infancia, non tomamos e nos afectan. E a amistade, e a imaxinación, como apoio no que acubillarnos cando a nosa vida dá un xiro. Falamos con Fina Calleja tras a preestrea deste espectáculo no Auditorio de Teo. A estrea será o sábado 22 de febreiro no Teatro Colón, na Coruña.
O proxecto é unha iniciativa de Culturactiva. Por que che interesou cando che propuxeron dirixilo?
“Partimos do suposto ficcional da Rosalía nena que sente amor pola palabra como obxecto de xogo, en relación coa natureza”
Eu xa traballara en Sarabela co ‘Cabaleiro das Botas Azuis’ de Rosalía. Iso, e o meu amor pola figura de Rosalía, xa me puxo moi en antecedentes para facer unha revisión da figura da Rosalía como autora en consonancia cos novos estudos sobre o tema. Para min era interesante rescatar a poesía como protagonista, desde a certeza de que, se os nenos aos 4, 5 ou 6 anos adoran a literatura: xogan coas palabras, etc, algo pasa despois no seu desenvolvemento educativo no que isto pasa a ser outra cousa…
Partimos, así, do suposto ficcional da Rosalía nena que sente amor pola palabra como obxecto de xogo, en relación coa natureza. A aceptación do proxecto pola miña parte veu, de feito, cando atopamos iso: unha maneira de contar a historia que tivese interese, que achegase algo, que xustificase a posta en escena.
Entón, a idea é presentar a Rosalía nena que vai xa descubrindo a poesía, na que vai nacendo a poeta que será despois.
“Sería magnífico que os nenos e nenas que veñan ver a obra se sintan estimulados para seren creativos”
Si, e sería magnífico que ademais os nenos e nenas que veñan ver a obra queden con esta idea de xogar coas palabras, que se sintan estimulados para seren creativos. Nese sentido, o espectáculo trata de ter un valor en si, e non ser só unha actividade escolar complementaria. Queremos que sexa algo que nutra ao espectador.
A obra céntrase, en realidade, nun momento concreto da vida de Rosalía: cando debe abandonar a aldea para ir vivir coa súa nai despois de anos baixo a tutela das súas tías paternas. Por que ese momento?
Desde o principio tivemos claro que non podiamos perder de vista quen é o espectador. E todos os nenos e nenas teñen o seu pensamento propio, a súa personalidade, pero o mundo adulto está por enriba da súa vontade e imponlles cambios. Iso é algo co que calquera neno ou nena pode identificarse. E conecta ademais coa idea dunha Rosalía rebelde, indómita, que é o que será tamén de adulta.
A última biografía de Rosalía, a de Chus Lama, resolve algunhas cuestións sobre a vida da Rosalía nena, pero aínda hai bastantes lagoas. Como traballastes este aspecto?
“Tivemos un tempo de produción dilatado, o cal se agradece moito”
E encargada do texto foi Nate Borrajo. Traballamos desde o principio coa idea da documentación, de escribir a dramaturxia a partir do corpus de textos que hai, pero tamén temos partes ficcionadas. Na documentación hai variación, por exemplo, respecto á presenza da nai na vida de Rosalía.
A nós interesounos tamén, por exemplo, a relación co avó. Unha vez que xa tiñamos a documentación, Nate e eu fomos escribindo, pero a base textual é dela. Foi un proceso moi rico. Tamén o foi a procura dunha linguaxe común coas actrices, atopar o encontro entre a súa maneira de traballar e a miña… Foi todo moi fácil, a verdade. Ademais, tivemos un tempo de produción dilatado, o cal se agradece moito.
A impresión que dá é que quixestes reivindicar a figura da nai de Rosalía, do mesmo xeito que o fai Chus Lama na súa biografía. Foi así?
“É a criada da nai, María, quen inscribe a Rosalía no rexistro. E o que eu penso é que, simplemente, a familia materna e a paterna chegaron a un acomodo, un acordo”
Si, porque ademais hai todos eses tópicos sobre a nai: que se fidalguiña, que se cabeza louca que non atendía a filla… E, de feito, sería un contrasentido que fose así, dada a presenza da nai na propia obra de Rosalía. É a criada da nai, María, quen inscribe a Rosalía no rexistro. E o que eu penso é que, simplemente, a familia materna e a paterna chegaron a un acomodo, un acordo. Resolveron de forma natural, como se facía entón, unha situación que se saía da norma pautada socialmente. Pode que para Rosalía non fose demasiado fácil, pero estivo protexida dalgún modo. Mais si, para nós era importante reivindicar a figura da nai.
As personaxes que escolledes son, ademais de Rosalía, María Martínez, a criada da nai, e Eduarda, a amiga de Rosalía. Que representan?
“A figura da amiga é a da comuñón entre iguais: a súa situación é parella respecto ao amor pola poesía, a creatividade, a imaxinación…”
A amiga é unha nena labrega moi consciente da súa posición social, de onde naceu e de cales son as súas expectativas vitais. Ela sabe que a súa vida vai ser como a da súa nai, a da súa avoa… Por iso non entende a Rosalía e pregúntalle se quere quedar na aldea e ter unha vida coma a dela...
María representa a sabedoría, a presenza constante na vida de Rosalía, a persoa que é quen de sorprenderse día a día coa nena que medra ao seu lado, e de verbalizalo. A figura da amiga é a da comuñón entre iguais: a súa situación é parella respecto ao amor pola poesía, a creatividade, a imaxinación.
Pero despois non van ter as mesmas oportunidades na vida. E aí tamén está presente a Rosalía feminista, apegada á terra... O vestido de Rosalía, que ela non quere poñer e que a amiga proba nun momento, é unha metáfora da outra vida que a amiga podería ter se a súa posición social fose outra. Ela pon o vestido pero sácao inmediatamente, porque sabe que esa non vai ser a súa vida.
E esa Rosalía apegada á terra -non quere marchar da aldea, onde de sente libre e unida á natureza- é a escritora de despois…
“O que nós precisamente non queriamos era reproducir a típica estampa da Rosalía da morriña, da saudade…”
Si, pero é un apego que non é contemplación. É un apego revolucionario, consciente. Non é unha paisaxe de postal, nostálxica. É o espazo que a retroalimenta e que vai estar en ‘Cantares Gallegos’, desde a que se fai consciente da situación dos labregos ou das mulleres. A Rosalía de ‘Castellanos de Castilla’, por exemplo. O que nós precisamente non queriamos era reproducir a típica estampa da Rosalía da morriña, da saudade… Porque a obra dela vai moito máis aló: é unha chamada non sei se á rebeldía, pero polo menos á denuncia.
A que te referías co da Rosalía feminista? Certo que salientades as ligazóns entre mulleres…
Hai unha frase que aparece na obra, que di Rosalía, que é “as mulleres que levan o mundo na cabeza”. É a Rosalía nena que despois vai retratar o mundo e a situación das mulleres, que é o mundo que ela vive, porque os homes están emigrados… Ela vive xa nun mundo feminino desde a infancia.
Hai unha personaxe feminina ausente (só aparece a través dunha broma que se fai co marco dun cadro), que parece representar a autoridade…
É a tía Tareixa, unha das irmás do pai. Pero iso está totalmente ficcionado. A nivel dramatúrxico necesitabamos ese contrapunto para xustificar a urxencia: Rosalía ten que apurar porque a están chamando para que marche coa nai. Por iso hai ese punto de broma na que se burlan un pouco dela, pero tamén se ve que non é para tanto…
O vestiario é moi bonito e moi axeitado. A escenografía tamén.
“Sabiamos que iamos ter unha historia delicada e sensible, pero expresada cun ton positivo…”
O vestiario é de La Canalla, que fixo un traballo fantástico. A escenografía de Carlos Domínguez del Río. O que buscamos foi unha estilización axeitada para a época, pero evitando a recarga de cor que se pode ver en moitos espectáculos infantís. Os tons escuros da escenografía conforman un marco cálido para a historia. Penso que acertamos, porque sabiamos que iamos ter unha historia delicada e sensible, pero expresada cun ton positivo… Raquel Fidalgo tamén fixo un grande traballo coa perruquería.
Estaba pensando ademais que imaxes da Rosalía nena non hai…
Non. E ademais moito do que hai son ilustracións feitas a partir de fotos, pero pouca foto real. Despois, tamén quixemos xogar coas expectativas do público: partimos da imaxe icónica de Rosalía e despois o público ve que non vai por aí…
Rosalía, dicíalo antes, xoga coas palabras. É curiosa, lectora, fai cancións con rima… Apoiástesvos na obra de Rosalía para facer esa parte do texto?
Si. Na obra hai cousas de Cantares Gallegos. Despois, ao principio e ao final, para darlle unha estrutura circular, igual que en Cantares, está presente un texto sobre o avó, o avó paterno. O avó é o home do pazo, un home benfeitor… Este texto apareceu buscando documentación sobre a Casa Grande e sobre Ortoño…
Rosalía é unha nena rebelde que sabe onde lle gusta vivir, pero tamén quere ir coa nai, e haberá ao longo da obra un cambio nela…
Si, ela ao principio non quere marchar, pero empeza a aceptalo cando é quen de construír Santiago na súa imaxinación. E para iso ten o diálogo coa amiga, no que aprenden palabras novas e ela lle pregunta a Rosalía se quere ser coma ela, andar coas mans cheas de frío…
As dúas actrices, Rocío González e Cristina Collazo, teñen que facer de nenas. E atopar aí o punto non é fácil… Como traballaches iso?
“O reto era xogar, e a partir do xogo, a ver que pasaba. Buscamos o deleite do neno co xogo, que o neno e a nena fai con toda a seriedade, concentrado no xogo”
Realmente non busquei que fixesen de nenas. Iso xa está. Igual que o tema da poesía: non temos que forzalo porque xa se dá. Traballamos moito fisicamente: desde os impulsos, máis que desde a palabra. Desde o lúdico, a imaxinación… O reto era xogar, e a partir do xogo, a ver que pasaba. Buscamos o deleite do neno co xogo, que o neno e a nena fai con toda a seriedade, concentrado no xogo. Tamén coidamos a ritmo, tamén a través da música…
A música está moi ben tamén.
É de Adrián Saavedra. El estivo compoñendo a pé da obra, durante o proceso, e iso é un auténtico luxo. Primeiro veu a exploración arredor de Santiago, con improvisacións, e logo o resto…
Non entendín moi ben o que dicías de que a idea non era que fixesen de nenas. A que te referías?
“Iso era o que nós queriamos: xogar con despreocupación. Cando te metes abondo no xogo, aparece o neno, a nena”
A cuestión é que dá igual a idade que teñas. Porque, cando xogamos, todos somos nenos e nenas. É como cando vamos en coche e nos encontramos coa neve. Todo o mundo baixa e ponse a xogar coa neve. Prodúcese esa conexión coa infancia a través do xogo. E iso era o que nós queriamos: xogar con despreocupación. Cando te metes abondo no xogo, aparece o neno, a nena. Independentemente de que tamén sexa verdade aos rapaces pódelles resultar irritante ver un adultos de 30 ou 40 anos poñendo voces para parecer nenos…
Ti xa fixeras obras para público infantil… Como foi, en xeral, a experiencia para ti?
Si, eu fixera ‘O secuestro da bibliotecaria’ e a Fran (Rei, de Culturactiva), encantáralle.. A experiencia foi lindísima. Traballar con Rocío e con Cristina, con todo o tempo que tivemos… foi moi bo. Tamén o traballo co texto ao lado de Nate… Foi todo moi chulo, a verdade.