A Consellaría de Cultura destaca que a rapa é "unha das festas máis antigas de Galicia, cunha antigüidade constatada documentalmente de como mínimo tres séculos"
Este luns 7 de xullo finaliza unha nova edición da Rapa das Bestas de Sabucedo, na Estrada, un evento que se vén celebrando dende hai séculos e que no ano 2007 está considerada como festa de interese turístico internacional. Agora, vén de ser declarada ben de interese cultural do patrimonio inmaterial, froito da resolución publicada o pasado venres no DOG.
Na súa resolución, a Consellaría de Cultura destaca que a rapa é "unha das festas máis antigas de Galicia, cunha antigüidade constatada documentalmente de como mínimo tres séculos" e subliña "os valores de autenticidade, identidade e vontade colectiva converten Sabucedo, unha aldea que durante o ano non supera os sesenta habitantes, no centro de atención de todos os medios do país e de fóra de Galicia". O expediente non recibiu ningunha alegación na súa contra.
A resolución subliña "os valores de autenticidade, identidade e vontade colectiva converten Sabucedo, unha aldea que durante o ano non supera os sesenta habitantes, no centro de atención de todos os medios do país e de fóra de Galicia"
A declaración abrangue todas as "operacións que conforman a manifestación inmaterial", dende a recollida dos cabalos silvestres durante todo o ano ceibos e divididos en diversas greas nunha extensión de sesenta quilómetros cadrados de monte, denominado xenericamente Montouto e pertencente a varias parroquias de varios concellos, e conducilos a Sabucedo, no que se denomina como "baixa".
Iso sucedeu entre o venres e a mañá do sábado (a festa celébrase o sábado, domingo e luns do mes de xullo). O sábado pola mañá, moi cedo antes de subir ao monte, celébrase unha emotiva misa onde se pide a San Lourenzo (patrón de Sabucedo) para que non aconteza ningún accidente ou desgraza durante a festa.
A declaración abrangue todas as "operacións que conforman a manifestación inmaterial", dende a recollida dos cabalos silvestres, a súa baixada ao curro e a rapa propiamente dita, que alí se realiza
Posteriormente, o sábado á tarde, o domingo e o luns as bestas son introducidas no recinto do curro para rapalas, é dicir, para cortarlles as crinas, ao tempo que se desparasitan. Dentro do recinto do curro, a rapa é realizada polos aloitadores e aloitadoras nunha loita corpo a corpo, denominada aloita, na cal se inmobiliza o animal coa finalidade de rapalo.
Na páxina web do evento, realizada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, detállanse os distintos pasos da baixa e do curro, inclúese a historia da celebración e unha completa galería fotográfica.
Co paso do tempo foi evolucionando a celebración, que é tamén unha festa popular cunha variada programación musical, o RapaSons
Co paso do tempo foi evolucionando a celebración, que é tamén unha festa popular cunha variada programación musical, o RapaSons, que este ano incluíu pasarrúas e varias orquestras de verbena, ademais das actuacións de formacións como Ruxe Ruxe, Os d’Abaixo, Mekanika Rolling Band, Os Carunchos, Bouba, Festicultores Troupe, Tequexetéldere e Zeltia Irevire, ademais de Paco Nogueiras para a rapazada.
Con esta aprobación xa son 789 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia. Entre eles hai varias "manifestacións inmateriais", como a propia Rapa das Bestas
Con esta aprobación xa son 789 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia. Entre eles hai varias "manifestacións inmateriais", como a propia Rapa das Bestas. Así, están consideradas BIC a celebración do Corpus Christi de Ponteareas, a Festa dos Fachós de Castro Caldelas, o Entroido de Salcedo, o Folión de Carros de Chantada, a tradición da Olaría de Gundivós e Niñodaguia ou as técnicas construtivas da carpintería de ribeira, entre outras.
O pasado ano Alejandro Enríquez estreou Rapa. Xente ao monte, un documental inmersivo que buscaba retratar unha comunidade. A celebración foi anteriormente protagonista doutras producións audiovisuais, por exemplo Trote, de Xacio Baño, ou a curta Rapa das bestas, de Jaione Camborda.