A RAG homenaxea Paco Martín nos 40 anos de 'Das cousas de Ramón Lamote', "o libro que cambiou todo"

Paco Martín © Eduardo Castro Bal / AELG

En 1985, hai 40 anos, Paco Martín deu ao prelo Das cousas de Ramón Lamote, unha obra para público xuvenil que relataba a vida dun "profesor de chairego e debuxante de soños por encarga" que se converteu en todo un fenómeno editorial e literario

En 1985, hai 40 anos, Paco Martín deu ao prelo Das cousas de Ramón Lamote, unha obra para público xuvenil que relataba a vida dun "profesor de chairego e debuxante de soños por encarga" que recollendo a herdanza do realismo máxico cunqueirán e con grandes doses de retranca se converteu en todo un fenómeno editorial e literario. O libro virou nun best seller e ademais concedeulle ao seu autor -e ao conxunto da literatura infantoxuvenil galega- un notable recoñecemento e proxección, por exemplo co Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 1986, que se unía ao Premio Barco de Vapor en galego, obtido en 1984 e que deu lugar á publicación da obra.

Este mércores a Real Academia Galega homenaxeou a Paco Martín en Lugo, co gallo deste 40 aniversario de Ramón Lamote nun acto celebrado no Círculo das Artes. O evento, que foi inaugurado polo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, contou coa participación da directora da Sección de Literatura da RAG, a académica Marilar Aleixandre, e do presidente do Círculo das Artes, Miguel Ángel Caraduje.

Paco Martín © Eduardo Castro Bal. Ollo de vidro/ACAB/Arquivo AELG

O libro virou nun best seller e ademais concedeulle ao seu autor -e ao conxunto da literatura infantoxuvenil galega- un notable recoñecemento e proxección, por exemplo co Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 1986

Aínda que o propio Paco Martín ten bromeado con que Ramón Lamote “de min ten desgraciadamente pouco. Lamote é un tipo intelixente, boa xente e agradable”, Monteagudo abriu a homenaxe subliñando que "quen o coñeza sabe ben que en realidade si hai moito de Lamote neste mestre xubilado do colexio da Piringalla que marcou un fito para a literatura galega".

“Hoxe homenaxeamos unha figura de moitísimo relevo nas letras galegas das últimas décadas, especialmente no ámbito da literatura infantil e xuvenil. De feito, fálase da xeración Lamote para sinalar as persoas que marcaron o inicio do florecemento da nosa LIX, cun enorme recoñecemento fóra de Galicia”, lembrou o presidente da RAG. "E esta é sobre todo, unha ocasión para volver á obra coa que Paco Martín nos agasallou aos lectores, non só aos máis novos”, engadiu Monteagudo deixando tamén á marxe os compartimentos estancos. Porque, como sinala o propio autor, Das cousas de Ramón Lamote naceu coa pretensión de chegar a todo o público.

“Hoxe homenaxeamos unha figura de moitísimo relevo nas letras galegas, especialmente no ámbito da literatura infantil e xuvenil. De feito, fálase da xeración Lamote para sinalar as persoas que marcaron o inicio do florecemento da nosa LIX, cun enorme recoñecemento fóra de Galicia", dixo Monteagudo

Malia que este é o seu personaxe máis coñecido, Paco Martín é autor doutros títulos, o último deles Mr. Smith e a festa murada (2023). O primeiro, Muxicas no espello, saíu do prelo medio século atrás, no ano 1971, e logo aparecería No cadeixo (1976), E agora cun ceo de lama (1981), Dende a muralla (1990) ou Tres historias para ler á noite (1992) outros dos seus libros enmarcados na narrativa para adultos. Baixo a etiqueta de literatura infantil e xuvenil que el rexeita conta con máis dunha quincena de volumes, entre eles Das novas cousas de Ramón Lamote (2008).

No acto, a tradutora e crítica literaria Isabel Soto conversou con Paco Martín e Branca Villares encargouse da parte musical. Ademais, no evento participaron dous lucenses que medraron cativados por Ramón Lamote e o seu autor: o escritor Lois Pérez, exalumno do centro educativo onde este último foi mestre e mais o tradutor Alejandro Tobar, quen malia a distancia xeracional construíu unha fermosa amizade con el co amor pola lectura como nexo, un dos temas centrais da súa laudatio.

Capa de 'Das cousas de Ramón Lamote' © SM

“Este é un libro moderno e adiantado ao seu tempo. Das cousas de Ramón Lamote cambiouno todo”, destacou Lois Pérez

En galego a obra superou as trinta edicións, e foi tamén no seu momento na tradución ao castelán a obra infantil máis vendida en toda España e entrou na prestixiosa lista internacional de honra da IBBY, cun notable éxito de público de Latinoamérica.

“Este é un libro moderno e adiantado ao seu tempo. Das cousas de Ramón Lamote cambiouno todo”, destacou Lois Pérez. “Ata a lectura de Das cousas de Ramón Lamote, a nosa fantasía literaria estaba moi influenciada polas imaxinacións d’A historia interminábel de Michael Ende. Pero o Reparante falaba en galego, Lamote falaba en galego. E todo ese universo agora pertencíanos e estaba ao noso lado”, engadiu. 

“A nosa lingua e a nosa literatura protéxennos e son un refuxio, e esta obra axudou a varias xeracións de lectoras e lectores a procurarnos iso mesmo: un refuxio. Deunos a posibilidade de explicármonos e imaxinármonos no noso idioma", engadiu Lois Pérez

“A nosa lingua e a nosa literatura protéxennos e son un refuxio, e esta obra axudou a varias xeracións de lectoras e lectores a procurarnos iso mesmo: un refuxio. Deunos a posibilidade de explicármonos e imaxinármonos no noso idioma pero, sobre todo, o libro de Paco namorounos dunha tarefa esencial da nosa vida, talvez unha das máis importantes xunto coa de amar: a de ler”, rematou Lois Pérez.

Mentres, Isabel Soto analiza que “Das cousas de Ramón Lamote foi un libro totalmente diferente no seu momento, non hai nel ningún tipo de concesión ao que se entendía que tiña que ser unha obra infantil, nin aventura nin misterio. Nárranse simplemente unha serie de anécdotas protagonizadas por un señor maior e os demais personaxes son tamén adultos. Pero hai nel unha aposta polo humor, polo absurdo e pola fantasía, e Lamote ten a súa propia maneira de mirar o mundo”.

Pola súa banda, Antón Tobar comentou que “Paco é un grande escritor e un excelente lector, e a pegada das súas lecturas confórmao como narrador. El vai lendo e de cando en vez dáselle por escribir. Escribe polo pracer de escribir, e isto ten a súa parte positiva, porque non hai nel a sobreexplotación, que é un mal que se dá hoxe entre os escritores profesionalizados; pero isto tamén ten a parte negativa de que publica un novo libro cada moito tempo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.