"Este é o mellor premio que podemos ter no noso ámbito", di Mariña de Toro xunto a María Villamarín e Olaia Tubío
Con ledicia, sorpresa e incredulidade. Así recibiron as libreiras de NUMAX o Premio Librería Cultural 2026, outorgado pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Librerías (CEGAL), co apoio do Ministerio de Cultura. “Este é o mellor premio que podemos ter no noso ámbito”, explica Mariña de Toro xunto a María Villamarín e Olaia Tubío tras recibir unha chamada que, dalgunha maneira, recompensa o traballo feito e aporta folgos para seguir tecendo redes dende o seu barrio en Compostela.
“No Estado español este é o maior recoñecemento ao que podemos aspirar. Para nós, que ademais estamos agremiadas e nos gusta facer parte da vida profesional do noso sector, esta é a maior distinción posible”, sinala Mariña de Toro. Recíbeno compartindo ademais esa alegría con moitas persoas e entidades. “A través de nós é un premio tamén a todas as editoras independentes coas que traballamos, a todo o público que nos apoia e é un premio a un proxecto que non é só esta libraría. O recoñecemento non tería sentido sen moitísima xente e moitas entidades distintas”, agrega Olaia Tubío.
NUMAX botou a andar en 2014 en Santiago como unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, formada por persoas procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural, na que ademais da libraría e do cinema que se atopan na rúa Concepción Arenal, está o Laboratorio NUMAX de vídeo, comunicación e mais deseño gráfico e web.
“Este tipo de distincións axudan a reforzar a imaxe profesional dunha disciplina que necesita ser visibilizada. Mais aínda nun momento no que as ameazas son cada vez maiores. Entón é como unha forma de dedicarlle luz, tempo e atención nos medios a unha profesión que está constantemente exposta a ameazas”, salienta De Toro.
NUMAX botou a andar en 2014 en Santiago como unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, formada por persoas procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural
Como é o traballo dunha libreira? Olaia Tubío explica que ten unha parte que é puramente comercial, de atender aos números e aos pedidos para que todos os libros estean onde teñen que estar. Nese sentido, apunta María Villamarín, tamén é un traballo moi físico no que pasan o día trafegando, movendo caixas de libros que entran e saen da man do persoal das axencias de transporte e, ademais, movendo os propios libros das mesas de novidades aos andeis.
“Moitas veces idealízase o traballo nunha libraría. Escoitas frases do tipo: ‘Que sorte, estarás todo o día lendo!’. Pero é imposible pensar que podemos estar na túa xornada laboral sentada lendo porque facemos todo o contrario”, asegura Villamarín.
Con todo, e obviando que o principal son os libros, o verdadeiro piar dunha libraría e a principal función das súas libreiras é interactuar coa xente. “Creo que non se valora suficiente a importancia que ten neste oficio a atención ao público. O traballo de apoio psicolóxico que se fai estando de cara ao público paréceme unha cousa abafadora”, valora Mariña de Toro. Con ela coincide María Villamarín, quen sinala tamén a importancia da escoita e das recomendacións.
"Temos que pensar no que queremos facer, dicir que non a algunhas presentacións e que si a outras; pero hai unha parte importante que pasa por preguntarnos que está pasando ao noso arredor e onde queremos posicionarnos no mundo", sinala María Villamarín
O xurado de CEGAL escolleu premiar a libraría da cooperativa NUMAX “pola súa atención á diversidade bibliográfica, a súa programación cultural interdisciplinar e o seu modelo cooperativo que suma e que ten un compromiso real coa cultura galega, que non se trata simplemente de organizar actividades culturais, senón realmente de vertebrar identidade e territorio”.
Este punto, o da programación cultural, é fundamental para as tres, que xogan coas datas do calendario todo o ano para que as lectoras e lectores teñan cada mes unha variedade de actividades nas que participar, sempre pegadas á realidade social e cultural, ao mundo no que estamos a vivir.
“Temos que pensar no que queremos facer, dicir que non a algunhas presentacións e que si a outras; pero hai unha parte importante que pasa por preguntarnos que está pasando ao noso arredor e onde queremos posicionarnos no mundo. Nese sentido, debemos ser proactivas, chamar a autoras e autores que nos gustaría traer á libraría, comisariar actividades e intentar aportar”, razoa María Villamarín.
"Con este ritmo de publicación, a peor parte para nós é decidir a que libros lles das unha oportunidade de estar máis tempo e apostas máis por eles, e cales hai que devolver ou xa colocar nun dos andeis e quitar do espazo exposto", explica Olaia Tubío
En 2025 deseñaron e comisariaron Dicir as marxes, que consistiu en catro encontros e un roteiro nos que exploraron o sentido e os límites das fronteiras, o que conseguen conter e o que as desborda. Unha actividade que falaba de xéneros literarios, do salvaxe e do urbano, das formas de relacionarse co estraño, do patrimonio arquitectónico e das relacións de amizade. A aldea desmedida foi a aposta do ano 2024, unha actividade que se desenvolveu a través de catro encontros, nos que se trataba de conversar sobre Santiago de Compostela, aproximándose a exemplos de (re)construción da memoria e estereotipos sobre a mesma, así como dando pistas de posíbeis futuros.
Os libros que enchen os andeis
O fondo dunha libraría non se constrúe nun mes, nin moito menos, mais o esencial é a mirada coa que te achegas aos catálogos das múltiples editoriais e ás súas novidades, dun volume tan destacado que arrasarían calquera libraría, pero máis aínda a unha de 45 metros cadrados como é NUMAX. “Temos que escoller os libros polos que apostamos, os que queremos ter aquí. Que é o que nos gusta ler, o que queremos recomendar”, indica Olaia Tubío.
Precisan dun filtro que se vai conformando pouco a pouco en base ao criterio profesional e ao que observan na súa realidade inmediata. Mariña de Toro conta que para a creación dese fondo de libros houbo unha busca de editoriais e creadoras que encaixasen coa liña que estaban buscando. Pero que a partir de aí “hai un traballo de seguimento do que vai aparecendo tanto deses selos e autoras como doutros que van xurdindo”. “Nós negámonos a recibir o que se vai mandando dende as editoriais, o que queremos é ter un intre para poder ver que é o que vai vir e poder escoller nós o que queremos. Para iso traballamos moito da man de axentes comerciais que traballan comunicando os libros, porque entre tantas novidades sempre se che pode escapar algo ou que non lle prestes atención”, defende.
“Con este ritmo de publicación, a peor parte para nós é decidir a que libros lles das unha oportunidade de estar máis tempo e apostas máis por eles, e cales hai que devolver ou xa colocar nun dos andeis e quitar do espazo exposto. Sucede que as novidades dunha semana empurran e quítanlle oportunidades ás novidades da semana anterior”, debulla Olaia Tubío. “Agora a xuventude dun libro é unha semana”, apunta Mariña de Toro.
“Unha das miñas partes preferidas do traballo como libreira é estar pendente das editoriais pequenas para poder facer o fondo da libraría moito máis diverso. Cando viaxamos, por exemplo, todas visitamos outras librarías e estamos pendentes de editoriais que poderían encaixar en NUMAX”, resalta María Villamarín, porque a identidade desta libraría constrúese conxugando as miradas das súas libreiras, que tamén están pendentes do que está a pasar noutras disciplinas máis alá da literatura, como a música, a arquitectura, a filosofía... “Estamos pendentes por se hai algún libro que poidamos recuperar e volver de actualidade porque os libros, se non se visibilizan, é como se non estivesen. Un libro de canto é moi difícil vendelo”, agrega De Toro.
Son moi conscientes das dificultades que atopan os libros en galego para ter visibilidade, que non deixa de ser un feito vinculado ás desigualdades económicas do sector do libro en Galicia. Como se colocan os libros nunha libraría é unha decisión política, e en NUMAX deciden non segregar os libros por idioma para que todos convivan no mesmo espazo, procurando unha diversidade tanto de xéneros literarios como de temáticas.
"Dámoslle un espazo e unha atención destacada aos libros en galego, e para iso o máis importante é lelos, porque para que un libro saia adiante o mellor que se pode facer é falar del", salienta Mariña de Toro
O que teñen claro é que apostan por reverter as dinámicas do sistema capitalista e na libraría fan forza para lograr unha “corrección positiva”, tamén no que se refire ás presentacións e actividades culturais. “Dámoslle un espazo e unha atención destacada aos libros en galego, e para iso o máis importante é lelos, porque para que un libro saia adiante o mellor que se pode facer é falar del”, salienta Mariña de Toro.
Un novembro co calendario cheo
Esta semana, cando recibiron a chamada para comunicarlles o Premio Librería Cultural 2026, reuniron máis de 400 persoas no salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela para a presentación de Cosamala (Seix Barral), a segunda novela de Alana S. Portero, que conversou con Ismael Ramos. Para unha libraría como NUMAX non é nada fácil contar con autoras con tanta demanda, pero neste caso foi a propia editorial a que contactou con elas para propoñerlles o acto. Noutras ocasións, coordínanse con librarías do país como Trama (Lugo), Berbiriana (A Coruña) e Paz (Pontevedra) para propoñer ás editoriais que determinadas autoras visiten Galicia.
Na libraría NUMAX a actualidade non para, este mes de novembro van acoller a presentación da novela Boundaries Road (Xerais), de Cecilia F. Santomé, que estará xunto a Berta Dávila o día 10. En novembro celébrase o Día das librarías, que este ano móvese do 11 ao 13 para non coincidir coa convocatoria de folga xeral. Beatriz Cabaleiro presentará o día 17 A liberdade que me habita (Aira). Míriam Ferradáns estará o día 23 co seu poemario Peixes de luz (Kalandraka). Pilar Pallarés falará do seu novo libro, editado en Chan da Pólvora, o día 24. E no primeiro día de decembro, Celso Fernández Sanmartín conversará sobre o seu poemario editado por Apiario.