Un club de lectura é a oportunidade de transcender a, a priori, solitaria acción de ler para convertela no centro dunha actividade colectiva. Coa pandemia moitos clubs sobreviviron online e outros agromaron polo interese da xente en socializar e compartir as lecturas
Vista a diminución da capacidade de concentración á que nos diriximos como sociedade, coller un libro para ler e non deixalo aos cinco minutos para atender a unha das múltiples pantallas que nos rodean comeza a ser un logro. Xa ten dito Manuel Rivas que hoxe en día “ler un libro durante unha hora seguida é un triunfo da humanidade”.
O 61,9% da poboación galega é lectora de libros no seu tempo libre. Aínda por debaixo de media estatal (64,4%), Galicia consolida a tendencia á alza na lectura que se iniciou coa chegada da pandemia da COVID-19 e as limitacións das interaccións sociais. Ademais, en Galicia tamén conservamos unha boa ratio de librarías, dez por cada 100.000 habitantes. Son datos de 2021 do informe da Federación de Gremios de Editores de España.
Coa pandemia, os libros rexurdiron para moitas persoas como alternativa de ocio e para outras moitas se converteron nunha escusa para socializar. Aquí entran os clubs de lectura, que resistiron no universo online e que incrementan a súa demanda coa desaparación das restricións sanitarias. Un club de lectura é unha burbulla na que os teléfonos móbiles están gardados ou se empregan para consultar algo que saíu na conversa. Un club de lectura é un espazo para escoitar e que te escoiten, para compartir e comprobar como un mesmo texto pode interepretarse de maneiras moi dispares. Un club de lectura é a oportunidade de transcender a, a priori, solitaria acción de ler para convertela no centro dunha actividade colectiva.
"É unha maneira distinta de ler, unha cousa que habitualmente é máis solitaria”, sinala Celia Recarey
Celia Recarey e Carlos Valdés, tradutores e editores responsables de Irmás Cartoné, non agardaban tanto interese polo club de lectura que están a organizar da man da libraría Numax en Santiago. As dez persoas participantes anotáronse en cuestión de horas e a lista de espera chegou a triplicar a capacidade do club. O primeiro bloque temático é a ciencia ficción escrita por mulleres. ″A idea de facer sesións temáticas pareceunos o máis axeitado para darlle un pouco de continuidade″, sinala Valdés. Comezan co Frankenstein, de Mary Shelley, nunha sesión na que ademais participa o tradutor da obra ao galego na editorial Aira, Samuel Solleiro.
″Está a ser moi agradable, a xente implícase moito. Houbo moita variedade de ideas sobre o libro. Cada un se queda cunha cousa e na posta en común decátaste de moitas outras. É unha maneira distinta de ler, unha cousa que habitualmente é máis solitaria″, celebra Recarey. Elena Durán está en dous clubs de lectura á vez, no de Irmás Cartoné na Numax e noutro en Valga, e ten claro que tendo como punto de partida a afección á lectura, rapidamente empatizas. ″Gústame ler e tamén ver os puntos de vista dos demais, porque aprecias outras arestas. É moito máis enriquecedor, fixas un recordo moi diferente deses libros. Aparte, en xeral as reunións son moi agradables″, sinala a lectora.
″Sempre é divertido e ameno comentar libros en grupos heteroxéneos″. A artista plástica María Meijide está por primeira vez nun club de lectura, despois de pasar por varios talleres de escrita creativa das Irmás Cartoné na Unitaria, e repetirá. ″A temática está moi interesante, non coñecía moita ciencia ficción escrita por mulleres así que decidín anotarme. De feito, fun a primeira. Non lera Frankenstein, penso que todo o mundo coñece a historia, pero esta lectura comentada sempre é máis consciente″, conta.
″Despois iremos a obras menos coñecidas como Kallocaína de Karin Boye, na tradución de Marta Dahlgren (Hugin e Munin) ou Parentesco de Octavia E. Butler, na tradución de Amelia Pérez de Villar (Capitán Swing). Estamos tratando de coller libros que teñan tradución ao galego, pero non pode ser con todos os títulos″, comentan Celia Recarey e Carlos Valdés sobre as seguintes lecturas da primeira edición deste club de lectura xunto a Numax.
"Creo que o mellor dos clubs de lectura é ver puntos de vista diferentes, aos que ti soa lendo na casa non chegarías", di Inés Arias
Inés Arias comparte o seu gusto polos libros na conta de Instagram Cunca e libros, a través desta mesma red social viu o anuncio deste club de lectura en Santiago e anotouse. ″Xa lera Frankenstein, pero pareceume moi interesante poder comentalo porque cada un vai aportando unha visión moi diferente do libro″, explica sobre a conversa posterior á lectura, na que as referencias e exemplos ían en relación á idade das participantes: ″Cada época ten a súa maneira de vivir e de interpretar o que está a pasar. No noso caso non é tan diferente, comparado co momento no que se escribe este libro, pero si que hai un abismo entre a sociedade que elas viviron [di en referencia ás compañeiras máis veteranas do club]″.
″Descubrín os clubs de lectura cando comecei empregar Instagram. Sobre todo a raíz da pandemia, que se crearon moitísimos. Creo que o mellor deles é ver puntos de vista diferentes, aos que ti soa lendo na casa non chegarías″, defende. Arias dirixe un club de lectura online que comezou de maneira improvisada despois da experiencia da lectura colectiva de Cumbres Borrascosas, de Emily Brontë: ″Foi tan bonito e con tantas achegas que agora lemos Jane Eyre, de Charlotte Brontë, e imos seguir coa irmá que nos queda [Anne Brontë]″.
"É facer unha lectura máis profunda. Ademais, no cómic hai moito que comentar sobre a narración gráfica e a estética″, detalla Félix Rodríguez
Entre os clubs de lectura veteranos en Galicia están os que organiza a asociación Espazo Lectura en Gondomar. Manteñen activos catro opcións diferentes que non son incompatibles, pois para achegarte ás xuntanzas só tes que querer facelo: non é obrigado ler o libro en cuestión nin anotarse en ningures. Un é específico de narrativa, outro para público infantil, está o de lecturas feministas e o especializado en banda deseñada. Félix Rodríguez coordina xunto a Pablo Baladrón e Óscar Fernández este último, Lecturas Debuxadas, e catorce anos despois salienta que non hai un perfil homoxéneo entre as asistentes: ″Todas son persoas lectoras, pero hai xente que leva toda a vida lendo cómic e outra que se achega por primeira vez. Ao principio non baixaba das vinte persoas por reunión, agora é máis variable, pero hai un grupo estable″.
″O que máis nos gusta a todos é ver o que o outro comenta do cómic. Case sempre saes do club con ganas de volver ler a obra porque pode que haxa cousas que non che acabaran de convencer ás que alí lles atopaches explicación. É facer unha lectura máis profunda. Ademais, no cómic hai moito que comentar sobre a narración gráfica e a estética″, detalla Rodríguez, quen salienta que en Espazo Lectura non pararon coa pandemia e seguiron coas xuntanzas online. ″Agora estamos presencialmente e online, pero a xente xa prefire vir. Porén, nós non notamos que haxa novas incorporacións despois da pandemia″, engade. No club de Lecturas Debuxadas están lendo Bo tempo, de Alberto Díaz (Demo Editorial).
“Queremos que as persoas do club vexan como o traballo dunha escritora ten moito que ver coa investigación", sinala Antía Otero
Na editorial Apiario, as poetas Antía Otero e Dores Tembrás teñen claro que é preciso alimentar a comunidade lectora. Un reto que se marcaron desde o comezo desta andaina e que se materializa en actividades como o club de lectura de poesía Doutras Bocas, que se celebra de maneira simultánea na libraría Moito Conto da Coruña e na Cronopios de Compostela. ″Isto é xerar rede. Gañamos lectores para a poesía, xente que de entrada non se achegaría a ela dun xeito individual e que emprega o club como porta de entrada. Deseñamos un programa moi diverso, este ano comezamos con Emily Dickinson, agora estamos lendo a Angélica Liddell e imos rematar con Olga Novo. O que nos interesa é que a xente vexa que non hai unha única maneira de escribir poesía″, destaca Otero.
″Chega cunha sesión do club de lectura para desarticular os prexuízos sobre a poesía –asegura Antía Otero–. Interésanos escoller autoras e autores cun percorrido longo para facer unha análise da poética e ver como evolucionou esa voz. Porque queremos que as persoas do club vexan como o traballo dunha escritora ten moito que ver coa investigación, e que os intereses e as obsesións tamén forman parte do entramado literario. Escapamos desa idea de que a poesía é a emoción fagocitada dun autor ou autora″.
"Intentamos investigar o máximo posible en editoriais pequenas e recuperar novelas de hai unhas décadas porque é moi interesante ver como nos seguen interpelando”, conta Cecilia F. Santomé
Moitos son os exemplos de clubs de lectura, como os que se levan a cabo na rede de bibliotecas públicas de Galicia ou os que acollen as Escolas Oficiais de Idiomas. Con temáticas centradas no feminismo e a diversidade están o Club de lectura do Centro de documentación e recursos feministas de Vigo, o QUEERuña que se desenvolve na biblioteca do Centro Ágora da Coruña, ou o club do colectivo A Sega xunto coa libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela, entre outros.
As librarías apuntáronse a esta experiencia, como vemos, con exemplos tamén como a libraría Trama ou a Lectocosmos de Lugo. “Queremos propoñer lecturas que vaian máis alá das novidades e dos libros máis obvios. Intentamos investigar o máximo posible en editoriais pequenas e recuperar novelas de hai unhas décadas porque é moi interesante ver como nos seguen interpelando. Lemos desde western á italiana, a lecturas máis intimistas ou distopías peculiares. É imposible darlle co gusto a todo o mundo, pero a intención é que todos os membros do grupo se sintan nutridos e abrir horizontes”, describe a escritora e libreira Cecilia F. Santomé sobre o club de lectura de narrativa de Lectocosmos.
Neste club de Lugo hai tamén moita diversidade de lectores e lectoras, desde os vinte e poucos anos a persoas xa xubiladas. “Todos aprendemos moito uns dos outros”, afirma Santomé, que ve como as participantes desfrutan cuestionándose as súas interpretacións dos libros. Ademais de gozar ela co traballo previo de escolla, que a leva a ler doutra maneira. Esta iniciativa levaba un ano en marcha cando chegou a pandemia da COVID, e adaptouse: “A xente dicíanos que o botaba moito de menos polo que lanzamos a proposta do club virtual cunha newsletter para acompañar cada lectura. Tiñamos algo máis de cen inscritos nun inicio. Agora xa regresamos ao presencial”.