O 48% destaca que o 2021 foi mellor que o 2020 e as expectativas para o 2022 son moi positivas: o 63% considera que os seus resultados serán "mellores" ou "moito mellores"
O ano 2020 foi moi negativo para moitos sectores e moi especialmente para a cultura. A pandemia de COVID e as restricións aplicadas para conter os contaxios limitaron moito a actividade de moitas empresas do sector, o que se deixou notar na súa facturación. Pola contra, o 2021, aínda baixo os efectos da enfermidade, semella ter sido moito mellor e as expectativas para o 2022 son moito mellores. Así o reflicte o Barómetro da cultura galega que este mércores presentou o Observatorio da Cultura Galega.
O documento elaborado por este servizo do Consello da Cultura Galega (CCG) foi presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e polo coordinador do Observatorio, Hakan Casares, que subliñaron que a maior parte dos indicadores revelan o inicio da recuperación do sector.
O 42% das empresas e entidades xa recuperaron o orzamento previo á pandemia, o 13% farano ao longo deste ano e un 36% non espera acadalo ata o 2023 ou máis adiante
Dende logo, o 2021 foi mellor que o 2020. Así o destacan o 44% das empresas e entidades culturais e mesmo un 4% aseguran que foi "moito mellor". Un 26% sinala que os seus resultados neste exercicio foron "iguais" e só un 19% afirma que foron "peores", cun 4% que os describen como moito "peores". No estudo compróbase que a evolución foi máis positivas para as empresas de maior tamaño e facturación e algo peor para as entidades de menor tamaño. Cómpre ter en conta que a maioría das empresas galegas da cultura son pequenas: o 65,5% ten menos de cinco empregados e o 57,4% e factura menos de 150.000 euros e están situadas na súa maioría (o 61,7%) nas cidades galegas.
De igual xeito, o Barómetro revela que a evolución no 2021 foi mellor para as empresas do audiovisual, edición de libros e artes escénicas e tamén para museos e bibliotecas e educación cultural. En cambio, foi menos favorable para as empresas do sector musical.
A maioría das empresas galegas da cultura son pequenas: o 65,5% ten menos de cinco empregados e o 57,4% e factura menos de 150.000 euros e están situadas na súa maioría (o 61,7%) nas cidades
As expectativas para o actual ano 2022 son moi positivas, en xeral. O 57% considera que os seus resultados serán "mellores" e mesmo un 6% cre que serán "moito mellores". O 21% pensa que serán "iguais" e só un 11% afirma que serán "peores". Neste caso, ademais, case non hai diferenza entre subesectores e todos, dende a edición de libros á música pasando polo audiovisual e as artes escénicas son optimistas de cara á evolución durante os vindeiros meses.
As entidades máis pequenas e as actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais e as artes gráficas teñen máis dificultades para recuperarse das consecuencias da pandemia
Significa isto que o sector cultural xa se recuperou do impacto económico provocado pola pandemia? O Barómetro revela que un 30% das empresas e entidades nunca chegara a reducir o seu orzamento (especialmente as de carácter público) e que outro 12% xa recuperou ese nivel de orzamento previo á COVID. Pola contra, hai un 13% que cre que esta recuperación chegará ao longo deste ano 2022 e un 36,4% afirma que non espera recuperar a situación previa á pandemia ata o vindeiro ano 2023 ou mesmo máis adiante.
As entidades máis pequenas e as actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais e as artes gráficas teñen máis dificultades para recuperarse das consecuencias da pandemia.
"O talento, a profesionalidade e a creatividade da xente que traballa no sector" destácase como o principal "punto forte do sector", mentres que a falta de apoio institucional e de financiamento aparece como a principal debilidade
O informe contén tamén unha clasificación das accións e eventos culturais máis destacados da cultura galega de 2021: encabezan os actos vencellados ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago, seguidos da volta dos festivais musicais en 2021. A candidatura das Tanxugueiras a Eurovisión é a terceira acción máis destacada. Séguenlle as candidaturas galegas nos Goya, o Culturgal e o Son do Camiño. Despois, tres exposicións: Faraón, Rei de Exipto, Peter Lindbergh. Untold Stories e As miradas de Isaac.
De igual xeito, pregúntase pola opinión sobre os "puntos fortes" do sector galego, destacando entre as respostas "o talento, a profesionalidade e a creatividade da xente que traballa no sector". En canto ás debilidades e obstáculos que presenta o sector, aparecen mencionados a propia pandemia, a falta de subvencións, a falta de visibilidade e promoción, a falta de investimento e financiamento e, tamén, a ausencia dunha política cultural axeitada.