O cuarto informe do Observatorio da Cultura Galega a raíz da crise da COVID-19 destaca que o gasto dos fogares galegos en libros medrou un 37,1% en 2020
O sector da Cultura recupérase, pero lentamente. A cuarta Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro de 2021 que vén de publicar o Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, sinala que ″aínda que se detectan signos negativos, tamén se aprecian indicadores que amosan un horizonte de recuperación polo menos para algúns dos principais subsectores que compoñen a cultura″.
A entidade, que analiza periodicamente a situación do sector, destaca que "despois de anos de descensos, a poboación galega incrementou en 2020 o gasto nos produtos e servizos culturais que se estudaron neste informe, pese á contracción do gasto total". Así, no ano do estourido da pandemia o crecemento do gasto dos fogares medrou nun 37,1% en libros, nun 27,4% en equipos para a recepción, rexistro e reprodución de son e nun 18,4% nos artigos de prensa. Pola contra, os espectáculos, museos, cine, subscricións a plataformas de TV ou servizos fotográficos experimentaron unha baixada do 45,5%.
A metade dos fogares galegos espera poder ir ao cine e ao teatro, saír cear ou a cafeterías nos vindeiros tres meses
″As actividades recreativas (que inclúen actividades de creación e de espectáculos) debuxan unha tendencia de recuperación en 2021, aínda que lenta de momento″, conclúen, pois sufriron unha forte caída en 2020 e un importante rebote en 2021. Mais ″as actividades de información e comunicación (que inclúen a edición, as actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión) experimentaron un descenso menos acentuado en 2020, pero sen que empecen a crecer en 2021″.
Saír cear, ir a cafeterías, ao cine ou ao teatro foron das actividades que máis se resentiron coa pandemia. Os mínimos históricos correspóndense co terceiro trimestre de 2020, cando só o 20,09% dos fogares galegos se permitiu realizar estas accións. Porén, no terceiro trimestre deste ano a porcentaxe incrementouse ata o 42,92%.
A respecto do futuro próximo, o informe indica que ″semella que a mellora da situación epidemiolóxica inflúe nos propósitos dos fogares; deste xeito, a metade dos fogares galegos espera poder ir ao cine e ao teatro, saír cear ou a cafeterías″ nos vindeiros tres meses.
O crecemento da edición dixital en galego favorece os bos datos, que deixan 489 libros máis editados en 2020 ca en 2019
Boas novas na edición en galego
O sector máis beneficiado neste comezo da recuperación aínda coa pandemia da COVID activa é o do libro. Segundo os datos da Estadística de la edición española de libros con ISBN elaborada polo Ministerio de Cultura, en 2020 en Galicia editáronse 1.743 libros, 489 máis que o ano anterior (un 28% máis). Este crecemento tamén se explica mirando ao soporte, pois o 59,3% dos libros editados en 2020 foron en papel, cando en 2019 eran o 82,7%. ″Este importantísimo crecemento da edición dixital en galego explica, en boa medida, o incremento global da edición en 2020″, conclúe o informe.
Pola contra, o sector do cine foi dos máis castigados coa pandemia. Hai que ter en conta a influencia da declaración do estado de alarma en marzo 2020, que determina as cifras do sector. Aguantaron as salas de exhibición e cines de Ourense e Pontevedra, mentres que na Coruña abriu unha nova sala e en Lugo pecharon oito salas e un cine.
As salas de exhibición e os cines perderon tres millóns de espectadores en 2020 e rexistraron un descenso do 72,2% na recadación
Nas 175 salas de exhibición e 37 cines galegos proxectáronse 445 longametraxes en 2020, un 23,5% menos con respecto ao ano anterior. Aínda así, houbo tres millóns menos de espectadores (unha caída do 71,4%) comparado con 2019. E, nun cómputo xeral, obtivo 17,4 millóns de euros menos de recadación que en 2019, o que equivale a un descenso do 72,2%.
Recuperación na creación de empresas
Entre os indicadores parciais que apuntan ″indicios positivos″ figura o ritmo de creación de empresas culturais, que no que vai de 2021 ascende a 83, recuperando os niveis previos á pandemia. ″Con todo, peses a ese incremento positivo, o ritmo de creación de empresas culturais é inferior ao do conxunto de empresas galegas″, debullan.
Na mesma liña está o conxunto do emprego cultural, cunha tendencia que ″supera a cifra de traballadoras e traballadores anterior á pandemia (34.500) para situarse en 36.200″. As afiliacións á Seguridade Social tamén seguen esa tendencia favorable.
O ritmo de creación de empresas culturais está a recuperar os niveis previos á pandemia
En canto ao comercio exterior, os datos de outubro 2020 a xullo 2021 mostran a tendencia que vén sendo habitual nos anteriores estudos, que indican que Galicia importa máis produtos culturais dos que exporta, ″case o 41% máis no último mes estudado (máis de 61 millóns de euros de importacións por 36,6 millóns de euros en exportacións)″.
"Tamén invitan a certo optimismo as cifras que acada o gasto público, polo menos no referente aos orzamentos aprobados", avanza o informe, que sinala que a Xunta "incrementou nos últimos cinco anos o gasto nas partidas de cultura e normalización lingüística un 29,7% e un 47,8% respectivamente", sendo a suba máis importante entre os anos 2020 e 2021.